Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

XORNADAS TÉCNICAS SOBRE O USO DO ÁCIDO OXÁLICO

(04 / 11 / 2022)

ASESORAMENTO SOBRE SANIDADE APÍCOLA

 

O pasado día 14 de outubro tivo lugar en Lanjarón (Granada) un seminario técnico centrado non uso do ácido oxálico, en xeral, para o tratamento da varroa, ao que asistiron os veterinarios de AGA, e no que participaba, entre outros, o Dr. Antonio Nanetti, do instituto de investigación italiano CREA-AA, que é unha das persoas que máis investigaron sobre o uso do oxálico na apicultura.

Imos resumir as principais conclusións que podemos extraer nestes momentos sobre o devandito ácido:

En primeiro lugar, hai que destacar que o ácido oxálico é unha ferramenta moi eficaz contra a varroa e que deberiamos utilizala habitualmente polas súas vantaxes: eficaz, ecolóxico, barato, sen residuos, sen resistencias, tolerable polas abellas cando é ben utilizado etc.

O ácido oxálico (ácido etanodioico, HOOC-COOH) é un composto moi sinxelo. Trátase dun ácido dicarboxílico, de estrutura simétrica.

 

Non se fixa na cera, non deixa residuos, elimínase da colmea en poucos días.

O seu efecto é por contacto, debido á acidez que provoca (0,8-0,9 de ph).

A mortalidade media de abellas aos 15 días é de 36,5 abellas por colonia, similar á natural.

Os métodos de interrupción de cría (engaiolado da raíña por 25 días, óptimo; eliminación por rascado, outros) combinado co tratamento é das técnicas máis eficaces no control de varroa.

Hai distintos produtos autorizados que levan oxálico na súa composición: Apibioxal, Apibioxal con glicerol, Varromed, Oxybee.

Débese ter en conta que a eficacia do oxálico está directamente relacionada coa ausencia de cría.

O feito de engaiolarmos a mestra 25 días ou a eliminación de cría + oxálico presenta un 99 % de eficacia.

A sacarosa en contacto cun ácido dispara o HMF, polo que a solución, cando se prepara en xarope de azucre, debe usarse nas seguintes 24 horas, non almacenar semanas.

Por iso substitúese a sacarosa por glicerol (Apibioxal con glicerol , marca comercial) que non forma HMF.

Outro efecto colateral beneficioso que se debe ter moi en conta é que o tratamento con ácido oxálico provoca unha baixada de ata do 99 % dos niveis de infestación por nosema.

Por goteo é moi tolerable. E pódese usar en calquera rango de temperaturas externas e na práctica sempre que poidamos manexar as colmeas, cando haxa certa actividade, sen piña invernal.

Pola contra, ao administrar por goteo, con piña invernal, pode haber bastante mortalidade de abellas, aínda que non adoita comprometer a vida da colmea.

Dosificación:

Goteo de 5 ml por cadro (94 % de mortaldade de varroa); 15 ml por cadro (98 % mortaldade de varroa); sublimación de 2,3 gramos de oxálico (mortaldade de varroa 92 %). A sobredosificación, máis de 5ml por cadro, non aumenta a eficacia significativamente, e ten efecto negativo no longo prazo.

No caso do Apibioxal, a solución debe utilizarse nas seguintes 24 horas da súa preparación.

Exemplo de preparación do Apibioxal de 150 gramos para tratar 100 colmeas: preparariamos un xarope con 1.543 ml de auga + 1.543 gr de azucre, co que se obteñen 2,5 litros de xarope, ao que engadiriamos os 150 gramos de Apibioxal, usando 50 ml por colmea, é dicir 5 ml por cadro con abellas.

Podemos gotealo transversalmente aos cadros, mollando abellas e tamén o cadro. Deste xeito conseguimos unha maior duración do efecto do oxálico.

Se utilizamos a sublimación é importante limpar ben o sublimador entre colmea e colmea.

Hai que usar unha máscara de protección con filtro tipo A2P2. Isto é importantísimo pola gravidade das posibles lesións a nivel pulmonar (a medio prazo) do sublimado se penetra polas vías respiratorias. Outro tipo de máscaras NON PROTEXEN da inhalación do ácido oxálico.

Tamén as partículas de ácido oxálico se adhiren á roupa, polo que se acaban inhalando, aínda que sexa en pequena cantidade, despois do seu uso. Isto haino que ter moi en consideración.

Este risco non o presenta a aplicación por goteo.

O inicio da sublimación é a 160 ºC, terminando a 210 ºC, polo que debemos achegarnos lentamente a esa temperatura. Por iso debe arrefriarse o sublimador entre dose e dose.

Marcas recomendadas de sublimadores: Oxalika Premium , Oxalika Pro Easy, tamén Varrox de 12 V a 150W. Deben ser de resistencia eléctrica preferiblemente.

A duración da aplicación do sublimado, desde que empeza a sublimar, será de 3 minutos.

É igual a eficacia do goteo e do sublimado.

Facer un bo sublimado é laborioso.

Por todo o anterior, no aspecto práctico, a aplicación por goteo é preferible ao sublimado.

Podemos concluír que o ácido oxálico debe empezar a formar parte da rutina de tratamento para combater a varroa.

A conferencia completa pódese seguir en : https://www.youtube.com/watch?v=0ocw33KdRdQ

Calquera dúbida, consulta ou aclaración, non dubidedes en poñervos en contacto cos  veterinarios de AGA :

Gonzalo Calvo –  freanky@hotmail.com

Joaquin Lozano – kindok1964@ hotmail.com

Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos FEAGA da Unión Europea.

 

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad