RUTA DAS ALVARIZAS DE VILATUXE
O sábado 9 de xullo, baixo un sol abrasador e de xustiza, unhas vinte persoas percorremos durante catro horas esta Ruta das Alvarizas de Vilatuxe, acompañados polo concelleiro de Medio Ambiente de Lalín, Cesáreo Reboredo Rozas, e co apoio estratéxico e de avituallamento do apicultor da zona David Liñares.
Esta ruta circular sae do Pozo do Boi, na parroquia de Vilatuxe, e consta de 12 km, cunha dificultade media e permítenos ver no seu percorrido unhas oito monumentais alvarizas de tipo circular (máis antigas) e rectangular (máis modernas). Algunhas delas están en activo con colmeas.
A pesar do crecemento da vexetación, está moi ben sinalada cos anagramas da folla do carballo e ofrece treitos sombreados de carballos e piñeiros.
A mirada cara á serra do Candán e a paisaxe ondulada da contorna lalinense é todo un espectáculo da rica biodiversidade que atesoura esta comarca.
A camiñata ben mereceu un xantar campestre abelleiro na paraxe da praia fluvial do Pozo do Boi.
CONFERENCIA SOBRE A NECESIDADE DE CRIAR RAÍÑAS E ENXAMES
Pola tarde, no pazo de Liñares, na parroquia de Prado, Lalín, David Liñares ilustrou as persoas asistentes cun panorama sobre a necesidade de criar raíñas e facer enxames para a substitución das mestras de máis de dous anos e a reprodución do apiario.
CREACIÓN DA DAGA DO DEZA
Coa presenza dunha parte da Xunta Directiva de AGA central e de abelleiras e abelleiros da comarca do Deza e redonda procedeuse a crear de novo a DAGA do Deza, que abarca os concellos de Lalín, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro, Dozón e Silleda.
A dirección desta Delegación de AGA do DEZA quedou composta polas seguintes persoas, coa unanimidade de todos os participantes:
Delegada: Marita Puga González (A Xesta, Lalín)
Delegado 2º: José Antonio Soto Vázquez (Anzo, Lalín)
Tesoureiro: José María Castro Abonjo (Vila de Cruces)
Secretario: Daniel Blanco Moa (Vilatuxe, Lalín)
Vogal 1: Andrés Lamas Iglesias (Santiso, Lalín)
Vogal 2: Fernando Pájaro Castro (Filgueira, Lalín)
Vogal 3: Alejandro Vidueiros Framiñán (Silleda)
Vogal 4: José Manuel Martínez Paz (A Estrada)
É intención desta DAGA estender os seus límites xeográficos á veciña comarca de Tabeirós-Terra de Montes, que comprende os concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade (para o que xa se iniciaron os contactos coa incorporación xa dunha persoa da zona), o que sumaría unha extensión territorial total de 1.552 km2 e abarcaría unha poboación de aproximadamente 68.000 persoas, con moita xente emigrada polo mundo.
Así, arredor do fito montañoso central da serra do Candán aglutinaríase unha DAGA que comprendería todo o recuncho do nordés da provincia de Pontevedra, así como as terras entre os ríos Ulla e Lérez. É toda unha zona onde a apicultura conta cunha tradición melífera e cereira fundamental e cuns meles de excelente calidade e sona.
Os seus obxectivos son a comunicación comarcal entre as súas persoas adscritas para o beneficio de todos os apicultores e apicultoras no eido da actuación apícola ante as respectivas administracións municipais, a formación, o aprovisionamento de material, sanitario e comercial dos seus excelentes meles.
Convidamos as socias e os socios destas dúas áreas a que se adscriban á nova DAGA, pois desde AGA Arzúa estamos en disposición e coa vontade de axuntar todos os esforzos para que a Asociación Galega de Apicultura estea present+e no noso territorio e medre con xente nova e futuro.
Benvidos sexades todos e todas.