Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

UNHA COLMEA VALE O QUE VALE A SÚA MESTRA

(21 / 01 / 2022)

ASESORAMENTO SOBRE SANIDADE APÍCOLA

Publicamos este novo artigo do noso veterinario Joaquín Lozano, incluído na sección «Asesoramento veterinario»

Unha colmea vale o que vale a súa mestra (raíña). Esta é unha frase que oímos moi a miúdo, e non está exenta de verdade, pois a raíña é o individuo único que asegura a supervivencia da colmea e a continuidade da especie.

  1. UNHA COLMEA VALE O QUE VALE A SÚA MESTRA

Por Joaquín Lozano, veterinario de AGA

Unha colmea vale o que vale a súa mestra (raíña). Esta é unha frase que oímos moi a miúdo, e non está exenta de verdade, pois a raíña é o individuo único que asegura a supervivencia da colmea e a continuidade da especie.

A raíña  diferénciase do resto das obreiras en que desde que é larva ata a súa morte é alimentada exclusivamente de xelea real; alimento bastante singular, xa que a súa calidade determina que a mestra sexa eficiente, e vaille a permitir que exerza as súas funcións na colmea.

A mestra, entre outras funcións, exerce dúas que son fundamentais: manter a cohesión da colonia e a posta de ovos, a cal se traducirá en novos individuos.

Esta cohesión é a sensación por parte dos individuos da colonia de pertenza á colmea, a identificación da colonia como propia e a integración do individuo no todo que representa a colmea. Cando a cohesión non existe prodúcese un cambio de actitude en moitos individuos, que escapan desa colonia en busca de novos espazos, levando o que os une, que é a raíña, ao producirse a enxamía. Noutras ocasións, esa falta de cohesión é interpretada polos individuos como unha raíña ou mestra de mala calidade, polo que se produce a súa substitución a través da cría de mestreiros (celas reais) e a eliminación da raíña defectuosa.

Nas  glándulas maxilares das raíñas prodúcese unha  feromona real que é a responsable desa  cohesión, que actúa ademais sobre o resto das obreiras e impide que se exprese a capacidade reprodutiva das obreiras.

A posta asegura a continuidade biolóxica desa colonia. A mestra poñerá ovos para que a colonia se desenvolva e haxa individuos que manteñan a homeostase da colonia. Esta enorme actividade comporta un desgaste enorme nos individuos, que deben substituír ás operarias  constantemente.

Sen entrar noutros factores externos, como poden ser a calidade dos recursos, conforme a mestra vai envellecendo, estes aspectos van diminuíndo, o que ocasiona cambios na colonia. Ese «factor de  cohesión»  non chega a todos os individuos, polo que se crea unha sensación de orfandade, co que se desencadea a necesidade de crear novas realeiras para conseguir unha nova raíña, potente, que cheire e  cohesione, e ademais substitúa facilmente as baixas coa posta.

A posta nas mestras vellas non segue un patrón uniforme, de xeito que a cría aparecerá dispersa por toda a colmea, o que crea zonas onde haxa abellas nutrices que non perciban o cheiro da raíña e desenvolvan mestreiros (realeiras), co que se desencadea a enxamía, que é o proceso natural de reprodución das abellas. Aínda que é desexable para as colonias, pois facilita a súa distribución como especie, para o/a apicultor/a non o é, xa que nese proceso a metade das abellas xunto coa mestra vella marchan da colmea. Outras veces, se o apicultor ou a apicultora non intervén renovando as mestras vellas, un terzo das colmeas adoitan cambiar de mestra de maneira natural nunha campaña. Isto supón a paralización da posta durante cinco semanas, e ás veces isto pasa desapercibido.

Así :

IDADE ENXAMÍA POSTA PRODUCIÓN
1 ano BAIXA MEDIA MEDIA
2 anos BAIXA ALTA ALTA
3 anos ALTA ALTA ALTA
4 anos MOI ALTA BAIXA BAIXA

 

Como recoñecer a idade dunha mestra?

Porque estea marcada coa cor do seu ano de nacemento, ou ben observando o seu aspecto, dado que conforme envellece as ás aparecen máis deterioradas, os seus movementos son máis lentos e pesados, as obreiras préstanlle menos atención, aparece máis brillante ao perder máis pelo e, sobre todo, observando a disposición en xeral da posta.

Cando a cambio?

— Se a colonia non se desenvolve á par das demais.

— Encontramos a cría moi salteada ou desordenada.

— Teñen pouca cría a pesar de dispoñer de panais libres.

— Atopamos unha colmea que é moi agresiva.

— Unha colmea que enxamea facilmente, case sen chegar a completar a caixa.

— É pouco  hixiénica.

Como norma, deberiamos cambialas cada tres anos, pero iso dependerá das nosas observacións, xa que hai mestras que se comportan adecuadamente con esa idade, e non é necesario substituílas. Neste caso serán elas mesmas as que fagan esa substitución sen que haxa perdida de enxames.

Por poñer unha data, poderiamos dicir que podemos proceder ao cambio de raíñas a principio de setembro ou fins de xaneiro, para que a nova mestra aproveite a primavera, ou ben se o facemos ao final da tempada, se hai recursos, poida desenvolver unha cría que aguante o inverno.

Como a cambio?

— Podemos introducir raíñas obtidas do noso programa de cría, atendendo a diferentes técnicas de introdución, segundo se trate de cúpulas, raíñas virxes ou mestras fecundadas.

— Eliminar a mestra vella e asegurándonos de que na nosa colmea queda material reprodutivo (ovos) para que elas mesmas substitúan a raíña.

 

Calquera dúbida, consulta ou aclaración, non dubidedes en poñervos en contacto cos  veterinarios de AGA :

Gonzalo Calvo –  freanky@hotmail.com

Joaquin Lozano – kindok1964@ hotmail.com

Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos FEAGA da Unión Europea.

 

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad