Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

TEMA RECORRENTE DO VERÁN: O LUME E O NÚMERO DE COLMEAS ASEGURADAS

(19 / 07 / 2022)

 

 

O lume intencionado polo ser humano ou ocasional polas forzas da natureza pode provocar estragos e contrariedades nos nosos asentamentos apícolas, sobre todo cando están radicados no monte.

Dadas as condicións climatolóxicas adversas e perigosas destes últimos días para a masa de mato e forestal, con tormentas secas e raios que provocan por si mesmos incendios incontrolados, avísaselles ás persoas asociadas de AGA que debían e poden proceder a tempo á ampliación, se é o caso, do seu número de colmeas adscritas. Pois no caso contrario só entran a ser consideradas polos servizos de peritaxe da compañía aseguradora única e exclusivamente as declaradas na subscrición que se realizou no mes de febreiro do ano en curso.

Isto quere dicir que nun apiario ou alvariza onde haxa un maior número de colmeas das declaradas nese asentamento, as que estean a maiores non serán tidas en conta polo seguro ao non estaren aseguradas.

Así mesmo, recórdasevos que ante calquera incidente, ou previamente, teñades unha fonte fotográfica ou de vídeo fidedigna para poder demostrar en calquera momento o correspondente número e contaxe de colmeas localizadas nun apiario.

No caso de ter que facer un movemento ou traslado de colmeas por efectos causados por un incendio nunha determinada zona débese comunicar en AGA Arzúa este feito, así como xustificar ben o número delas, a localización e as datas do incendio, ben por medios de prensa, ben por calquera outro documento que o acredite, co obxecto de llo relacionar á compañía de seguros para o seu coñecemento.

Así mesmo, recordámosvos a máxima prudencia abelleira no uso dos afumadores e a necesidade de ter bidóns de auga á man no apiario por causa de calquera descoido que se poida producir en nada de tempo.

Coidemos o monte! Máxima precaución apícola!

O lume non perdoa e provoca un inferno para todos os seres vivos.

 

 

 

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad