Colaboración e axuda ás persoas damnificadas polo lume

En AGA poñemos a disposición de todas aquelas persoas que queiran e poidan colaborar coa axuda aos perxiducados polo lume o seguinte formulario.
Diante dos efectos calamitosos para os seres humanos, a natureza e as flores provocados polos grandes lumes deste mes de xullo,
Posto que houbo apiarios devastados polas lapas do lume, o que provoca a única saída momentánea de acudir ao seguro, cunha posible recuperación unicamente para a vindeira campaña apícola,
Dado que tamén houbo apiarios que non sufriron as lapas no seu interior pero si na súa contorna, co que quedaron arrodeados pola queima ou seca da vexetación, o que comporta a previsible morte inmediata por fame das colmeas (ateigadas nestes intres de gando apícola),
Considerando que esta última circunstancia de morte por inanición provocada polos incendios non entra dentro da póliza do seguro,
Xa que pode haber reagrupamento de colmeas en poucos asentamentos e o territorio non pode absorber o número de colmeas que había previamente, nin tampouco cubrir toda a carga de abellas que se lle aplica,
Como as autoridades autonómicas da Xunta de Galicia (Presidencia, Medio Rural e Medio Ambiente) están a verse sobrepasadas polas circunstancias máis apremiantes de apagar os lumes, calcular os desastres e repoñer o perdido no ámbito habitacional. Polo tanto resulta difícil pensar no que pode desaparecer aínda como consecuencia dos incendios, da secura das flores e mais das perdas por fame das abellas, así como a miseria ou ruína dos apicultores e apicultoras afectados,
De inmediato, o máis urxente e importante é ter alimento para as colonias que sobreviviron e axudas ás explotacións apícolas que non están afectadas directamente polo lume pero si o seu territorio floral.
Este alimento necesario pódese conseguir pola procura de novos sitios e asentamentos con flora, ou ben facilitando alimento directamente para o sustento desas colonias de abellas en perigo de morte por fame. Esta actuación levaría os abelleiros e abelleiras a entraren xa nunha dinámica de outono para estas colmeas ameazadas de morte.
De aí que desde a Asociación Galega de Apicultura-AGA fagamos un chamamento a todo o sector apícola de Galicia (apicultores e comerciantes ou provedores apícolas) para que colaboren, cadaquén dentro das súas posibilidades, na solidariedade de ofrecer asentamentos aptos ou mellor alimento a esas colmeas de persoas asociadas que están en perigo de morrer por fame, o que agravaría aínda máis as consecuencias deses lumes que están aínda ardendo, e estas consecuentes baixas non entrarían nas estatísticas das desaparecidas polos efectos inmediatos dos incendios.
Polo tanto, á parte doutras medidas a curto e medio prazo sobre material vivo e outro material que xa sinalamos previamente a este comunicado, procedemos tamén a recoller na nosa sede en Arzúa o alimento (líquido estimulante para ter unha masa crítica de cara ao mes de setembro e propiamente de outono) que se poida facilitar para axudar eses socios e socias a manteren vivas as súas colonias de abellas.
Logo da oportuna xustificación documental (rexistro do caderno de explotación, fotografías, vídeos, noticias de prensa…), o alimento recibido distribuirase proporcionalmente entre as persoas abelleiras socias afectadas pola falta de vexetación floral e solicitantes desas axudas.
Grazas pola vosa solidariedade.
Asociación Galega de Apicultura- AGA