Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

SEMANA DOS POLINIZADORES 2021

(27 / 09 / 2021)

Semana dos Polinizadores

27-30 de setembro 2021

 

Nestas datas celebrarase este evento, que se centra na importancia dos insectos polinizadores (abellas, abellóns, bolboretas…) e xirará arredor do tema de «Un novo trato para os polinizadores», co obxecto de asegurar o papel fundamental dos polinizadores, así como lograr un marco de cooperación máis inclusivo que vexa de protexer todo tipo de polinizadores.

Cómpre que se debatan as ideas e se intercambien propostas para protexer as poboacións de polinizadores silvestres e manexados, así como os seus incalculables beneficios que lle achegan á sociedade.

Sen falarmos dos efectos do cambio climático e doutros aspectos nocivos como o sanitario animal, os motivos da desaparición dos insectos polinizadores querémolos centrar nun elemento fundamental para a alimentación humana e animal: o coidado e o mimo do solo, que levou centos de anos formarse. Porque a apicultura do mañá basearase na riqueza do subsolo existente hoxe en día, nos nutrientes que teña a terra para crear biodiversidade.

A terra, enténdase a materia orgánica, produtiva, está a sufrir a ignorancia, a desconsideración, a explotación, o uso e abuso, o estrago, o emprobecemento e as polucións de todo tipo, tanto na súa codia superficial coma na súa fondura cultivable. Precisa, xa que logo, unha xestión axeitada e acorde cos ritmos da natureza, e non queimala.

As actividades agraria, gandeira e forestal modernas do ser humano non están incardinadas coa terra, pois implantáronse técnicas de cultivo e explotación que rachan a vida no subsolo e rompen a riqueza ancestral e o interese polos cultivos e ecosistemas autóctonos. Porque as macrogranxas, as monosementeiras e as monoplantacións intensivas na superficie e o uso abusivo e intempestivo de pesticidas terrestres e aéreos contaminan este manto vexetal orixinario e polúen as augas, co que matan ou deixan sen pasto os insectos polinizadores. Seica para un rendemento económico soportable hoxe e a previsible improdutibilidade nun medio termo, é dicir, fame e sede.

Para que as nosas abellas, os abellóns, as bolboretas e outros insectos sobrevivan precisan dun solo cun hábitat rico nos seus propios elementos e con microorganismos vivos, en prol de producir unha vexetación e plantas de flores naturais para alimentar os insectos, os outros animais e a humanidade.

Cómpre xa un achegamento do ser humano ao territorio e un diálogo de intereses entre agricultores e abelleiros para implementarmos sinerxías de colaboración beneficiosas entrambos os sectores, con ecoesquemas garantes de alimento apícola e de alimentación humana de calidade.

Non valen as queixas da reforma da nova PAC cando estamos nunha vía camiño da exterminación produtiva natural e sen posible futuro profesional. Tampouco son de considerar as subvencións de pensos de alimentación apícola e asemade a eliminación dos pastos naturais silvestres con flores. É precisa a revisión da Iniciativa dos polinizadores para que teñan alimento natural, determos o declive dos polinizadores e termos verdadeiras perspectivas de futuro sen lastre no rural galego.

Non se trata de deixar pasar por facer política. Agora é un momento crucial para abrir unha nova páxina, pois as institucións da UE e os estados membros están a reestruturar o panorama ambiental europeo co Pacto verde europeo, as súas estratexias emblemáticas de Biodiversidade e Da granxa á mesa. Somos consumidoras e consumidores europeos, e tamén queremos un modelo produtivo europeo con calidade e soberanía alimentaria de noso dentro do que cabe.

Outra actitude, política tamén, leva á desaparición dos polinizadores, así como a que os seres humanos perdamos un de cada tres bocados de comida. Como para actuarmos con pensamentos negativistas da destrución dos sistemas ecolóxicos, economicistas e curtopracistas!

Polo tanto, un novo trato para os polinizadores, si. Unha outra actuación activa contra as especies alóctonas e invasoras, tamén, e nestas non se inclúen as persoas migrantes, pois nós, os galegos e as galegas, fómolo de sempre. En Galicia collemos todos: a xente, o agro vivo e mais os insectos polinizadores.

Acceder

Registro

Restablecer la contraseña

Por favor, introduce tu nombre de usuario o dirección de correo electrónico y recibirás por correo electrónico un enlace para crear una nueva contraseña.

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad