Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

REUNIÓN DO GRUPO OPERATIVO DE SELECCIÓN DA ABELLA NEGRA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE APICULTURA-AGA

(24 / 04 / 2023)
 

 

 

REUNIÓN DO GRUPO OPERATIVO DE SELECCIÓN  DA ABELLA NEGRA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE APICULTURA-AGA

Arzúa, Centro do Queixo e do Mel, día 6 de maio de 2023, ás 10.30 horas

Co obxecto de poñer en marcha o Grupo Operativo de Selección da Abella Negra de AGA convócase unha reunión das persoas inscritas nel para celebrar na nosa sede en Arzúa, o sábado día 6 de maio, ás 10 horas e 30 minutos.

Xa temos unhas vinte e tantas persoas inscritas, mais quen estea interesado en participar dunha forma seria, vocacionalmente e con compromiso neste Grupo Operativo aínda está a tempo de se incorporar para formarmos un equipo sólido neste propósito de colaborar na selección da nosa abella negra. Trátase de facer un grupo homoxéneo e cos mesmos criterios científicos de valoración conxunta.

Poden participar nel persoas con vocación e coñecemento técnico, criadores, testadores e apicultores ou apicultoras con formación e experiencia no eido da apicultura. Tamén poden participar as persoas que están a levar apiarios colectivos ou de formación das DAGAs ou doutras entidades locais.

Esta actividade técnica vén sendo a mellor formación apícola específica que AGA lles pode proporcionar aos seus asociados/as de cara a mellorar a calidade das súas raíñas e conseguir ter un produto gandeiro apícola seleccionado, garantido e valorado. Ese é o fin último á volta do camiño.

Nesta reunión explicarase o proxecto conxunto coas demais asociacións apícolas de Galicia, a súa estruturación colectiva e particular de cada entidade apícola participante, e determinaranse o plan e os obxectivos para este primeiro ano, así como as pautas que cada persoa participante debe seguir co obxecto de lograr a máxima eficacia e eficiencia nos seus resultados.

Os mestres da cerimonia serán Xosé Manuel Durán, coordinador xeral, e Marcos Varela, coordinador técnico.

Benvidas e benvidos a este Grupo Operativo de AGA!

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad