Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

RESUMO DA 37ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA

(23 / 06 / 2022)

A asistencia de público a este evento de AGA da 37ª Mostra Galega de Apicultura anda arredor de catrocentas persoas, coa presenza de numerosas carpas comerciais e de actividades para a xente miúda.

O programa desenvolveuse do seguinte xeito:

Ás 10.30 horas: «Artesanía alimentaria» como figura de calidade diferenciada do mel, por Xoán Miguel Concheiro Abal, Departamento de Protección da Calidade Diferenciada, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal)

Moi didáctica charla na que se aclarou ao publico asistente o Decreto 174/2019,  do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria, así como os requisitos que deben cumprir as persoas artesás e tamén os que deben cumprir as empresas para seren consideradas como empresas artesanais alimentarias.

Tamén se recollen as condicións para a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos dos termos «artesán», «artesán da casa» ou «artesán caseiro» e « artesán de montaña»

Fins do decreto

— Fomentar métodos tradicionais de elaboración.

— Potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras.

Promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade.

É de destacar que as explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros son aquelas explotacións agrarias que comercializan, sempre en venda directa ao consumidor e consumidora ou no mercado local cun único intermediario, os produtos transformados da propia explotación, que terán a consideración de produtos artesáns caseiros ou produtos artesáns da casa.

A posibilidade de colocar na etiqueta estes termos, de uso exclusivo para os artesáns que cumpran as condicións deste decreto, abre un espazo de mercado diferenciado e protexido pola lexislación europea.

Así, produtos artesáns caseiros ou produtos artesáns da casa son aqueles produtos artesáns obtidos por empresas artesanais alimentarias que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria á que estea ligada a mesma persoa física ou xurídica que a dá empresa artesanal. A este respecto, enténdese que as materias primas que constitúen a base fundamental dun alimento son os ingredientes principais ou caracterizantes deste, os cales deben proceder exclusivamente da explotación.

Produtos artesáns de montaña son os produtos artesanais elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como «de montaña» de acordo co que establece o artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do 17 de decembro.

A continuación da exposición de Xoán Miguel Concheiro Abal, como representante do AGACAL, interveu Gonzalo Calvo Díaz, veterinario de AGA para explicar a norma técnica do mel artesán.

A norma técnica aplicable exixirá que o produto estea acollido á IXP, indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, e estar amparado por ela

Ademais, é obrigatorio ter un rexistro sanitario.

Así mesmo, o mel debe ser maioritariamente de produción propia.

Explicou a definición de mel (…a substancia natural doce producida pola abella Apis mellifera a partir do néctar de plantas…), a súa clasificación segundo a orixe botánica (de flores, de melada…), os tipos de presentación, etc.

A única materia prima autorizada é o mel.

A empresa artesanal elaboradora poderá adquirir alzas ou medias alzas doutros apicultores, ou ben mel doutras empresas artesanais elaboradoras, pero o mel envasado deberá ser maioritariamente de produción propia.

No caso particular do mel artesán caseiro, todo o mel ten que ser de produción propia.

Respecto das características físico-químicas, estas son as exixidas pola IXP:

— Humidade máxima: 18,5 %.

— Actividade diastásica: como mínimo 9 na escala Schade. O mel con baixo contido  encimático, como mínimo 4 na dita escala, sempre que o contido en hidroximetilfurfural non exceda Dos 10 mg/kg.

— Contido máximo en hidroximetilfurfural: 28 mg/kg.

11.30 horas: Presentación do libro Reprodución apícola. Tratado do criador, por Marcos Varela Lorenzo

Presentouse a obra de Marcos Varela sobre reprodución apícola, que sen dúbida pasa a ser un referente da literatura apícola .

Con numerosas infografías, ilustracións, debuxos, esquemas e outro material didáctico de elevado nivel explicativo, neste Tratado do criador repásanse en profundidade nas súas 436 páxinas todos os aspectos da reprodución apícola, formación de núcleos, mellora xenética, introdución de raíñas, bancos de mestras, apareamentos, inseminación instrumental, formación de paquetes, cazaenxames, etc.

Este Tratado do criador de Marcos Varela, editado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, estará ao dispor na formación dos socios tanto nas delegacións de AGA coma na sede en Arzúa, logo de solicitude.

Aproveitando a ocasión realizouse tamén a presentación do proxecto e da plataforma do grupo de criadores e seleccionadores de raíñas de abellas negras, por Xosé Manuel Durán Orús. Todo un proxecto para apoiarmos e seguirmos.

 

 

13.15 horas : Conferencia sobre a resistencia aos tratamentos de varroa, por Sara Hernández Rodríguez, do Departamento de Xenética da Universidade de Valencia e pertencente ao grupo de control biotecnolóxico de pragas-CPB

Descrición da actividade investigadora:

A investigadora do grupo de Control Biotecnolóxico de Pragas da Universidade de Valencia pretende optimizar as estratexias de Xestión Integrada de Pragas. Traballan concretamente en tres liñas de investigación: 1) Estudo das bases xenéticas e bioquímicas da resistencia a praguicidas para atrasar a súa aparición e evitar o fenómeno da resistencia cruzada. 2) Desenvolvemento de novos bioinsecticidas: ampliación do espectro de acción coñecido de Bacillus thuringiensis e procura de novos virus entomopatóxenos. 3) Interacción insecto-patóxeno: identificación dos mecanismos implicados na resposta a patóxenos.

Liñas de investigación:

  • Resistencia a bioinsecticidas, desenvolvemento de novos bioinsecticidas. Interacción insecto-patóxeno, e resistencia a praguicidas de síntese Estudo dos mecanismos de resistencia a praguicidas de sínteses e fomento da súa selectividade.

Sobre esta última cuestión tratou a charla de Sara Hernández. Indicounos que xa se localizaran os lugares do ADN que presentaban mutacións e que dotaban de resistencia a algunhas varroas respecto a determinados acaricidas. Ao multiplicarse só estas varroas resistentes, xa que as sensibles foron eliminadas polo produto, en pouco tempo a poboación de varroa vólvese resistente nunha elevada porcentaxe. Hai resistencias a fluvalinato, cumafós, amitraz e outros.

Esta resistencia vén dada pola selección que realizamos os apicultores ao realizar os tratamentos, que eliminan os individuos sensibles, manténdose e reproducíndose a poboacion de individuos mutantes resistentes.

Tambien indico a «facilidade» relativa de reverter esta situacion de resistencia con cambio de tratamentos ou, teoricamente, cunha parada deles, que ao non existir esta selección por tratamento a poboación non mutada volve ser dominante.

16.00 horas: Presentación de produtos alternativos aos tratamentos convencionais de varroa, por Francisco Alonso e Filipa Pucariço, de Hifarmax, e Miguel Capano de BeeVital

Francisco Alonso e Filipa Pucariço, de Hifarmax, actualizaron a información sobre o produto varrocida MAQS, a base de ácido fórmico, admitido en ecolóxico e que presenta a característica de eliminar a varroa no interior da cela, polo que en tan só sete días o tratamento complétase. Presentáronnos o FORMIC Pro, coa mesma concentración de fórmico que o Maqs, pero cunha liberación do ácido fórmico máis controlada e regular, non tan influenciable polas temperaturas externas e un maior período de validez (24 meses).

As precaucións principais no uso deste produto son evitar, nos tres primeiros días de tratamento, temperaturas elevadas, de máis de 29,5 ºC, aínda que por prudencia deberiamos poñer o límite máis abaixo, e non pasar de 25 ºC. Ademais, débese garantir, mediante a colocación dunha media alza, do espazo suficiente para a expansión da colonia e a ventilación por parte das abellas que o produto provoca.

Pola súa banda, Miguel Capano, de BeeVital, foi quen nos presentou o VarroMed, novo concepto pra combater a varroa, baseado unicamente en compoñentes naturais, ácido fórmico e ácido oxálico deshidratado. É admitido en apicultura ecolóxica, vén preparado para o seu uso, e é independente do clima e da temperatura para a súa aplicación.

17.00 horas: Mesa redonda sobre a xestión das explotacións apícolas en ecolóxico e convencional, a súa viabilidade e ou o seu futuro, por varias socias e socios de AGA no eido afeccionado, semiprofesonal e profesional.

Interesantísima, dinámica e complementaria mesa redonda onde se mostraron moitas formas de ver a actividade apícola. Participaron David Liñares (Lalín), Ramiro Loredo Vidal (Ribadeo), Olga Elvira Dorado Gómez (Ourense), Josefa María Durán Casal (Monfero) e Saúl Rodríguez Balboa (Esgos) con enfoques persoais tamén moi diferentes, desde o ecolóxico máis estrito «eu non me preocupo de se enxamean, unhas veces vanse, outras volven», ata os puntos de vista máis produtivos, coa realización de distintos manexos que buscan un elevado rendemento produtivo. Os pesticidas, o cambio climático, a influencia dos eólicos sobre as abellas, a alimentación, a calidade das ceras, o papel das abellas na vida («se un ano non dan nada, estiveron, e iso xa é algo…») foron parte dos temas compartidos nesta mesa redonda.

A Charla sobre o Agroseguro nas novas incorporacións á apicultura profesional e resolución de dúbidas sobre a póliza de seguros colectiva que ten subscrita AGA, por persoal de Ucoga, foi aprazada e realizarase online.

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad