Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

PLAN APÍCOLA 2024

(29 / 12 / 2023)

Data límite de presentación: 24 de xaneiro de 2024

PLAN APÍCOLA 2024

Por medio da Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) cada ano estase a regular a Orde pola que se establece o réxime de axudas á apicultura (2023-2024). Para este ano 2024 adiantouse en moitos meses o período de solicitude, polo que rogamos que nos enviedes todo con urxencia e actualicedes os cadernos apícolas ó longo do mes de xaneiro.

A cantidade subvencionada é repartida pola Administración partindo da base impoñible (o que quere dicir que non entran nela nin o IVE nin os gastos de xestión ou de transporte, nin tampouco a reciclaxe do tratamento convencional) e de acordo co número total de colmeas presentadas en cada liña. Isto quere dicir que hai uns topes máximos, mais este sinalamento non indica que este máximo sexa fixo, senón que pode variar en función da repartición que lle corresponda a cada concepto ou liña de acción.

Ábrese o prazo xa para a presentación de solicitudes de material e tratamento para incluír no Plan Apícola 2024.

Para recibir a subvención de todo este material que se vai solicitar deberanse cumprir os requisitos que se establezan na orde correspondente e que probablemente sexan os mesmos que o ano pasado:

  • Estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola de Galicia antes do 1 de xaneiro de 2024.
  • Ter actualizado o Caderno Apícola co resultado de «Conforme»coa data de validación, o selo e a sinatura do/a veterinario/a da correspondente Oficina Agraria. O prazo remata o 28 de febreiro do 2024. Resulta importante solicitar na Oficina Agraria a «Solicitude de declaración de censo a unha data»por se houbese que presentar algunha reclamación ante a Xunta.
  • Ter contratado un seguro de colmeas a través de AGA ou por conta propia (enviar póliza e xustificante de pago del).
  • Os apicultores que estean dados de alta como ecolóxicos no CRAEGA deberán achegar o certificado correspondente.
  • Recordade que só serán subvencionadas as colmeas rexistradas no 31 decembro 2023.

SOLICITUDE DO PLAN APÍCOLA 2024

Documentación imprescindible para achegar:

  • Solicitude debidamente cuberta (non esquecer marcar o lugar de recollida do material)
  • Xustificante bancario do ingreso co nome e os apelidos da persoa titular da explotación apícola
  • Pagar a cota e o seguro (non se domicilia)
  • Achegar fotocopias do Caderno Apícola, co selo de validación da Oficina Agraria e os datos da persoa titular
  • Fotocopia da declaración censual que expide a Oficina Agraria cando se valida o caderno apícola
  • Os que estean dados de alta no CRAEGA, achegarán o certificado
  • Os que teñan pólizas de seguro propio deberán achegar a póliza completa onde figure o número de colmeas e o REGA, co xustificante de ingreso (non vale o Agroseguro)

 ENVIAR TODA ESTA DOCUMENTACIÓN ANTES DO 24 DE XANEIRO

Hai que pagar o 100 % do custo de cada produto, xa que AGA non pode asumir o adianto da subvención que representa ese 100 %.

SEGURO APÍCOLA

Para solicitar o Plan Apícola é obrigatorio ter un seguro de colmeas (como mínimo as colmeas actualizadas no libro), que se pode facer por AGA ou por conta propia. Para cobrar a subvención a través de AGA ten que subscribirse o seguro na póliza de AGA.

AGA ofrece unha póliza multirrisco a 1,05 € / colmea e válida ata o 7 de febreiro de 2025. O seguro non se renova automaticamente, polo que é preciso comunicar a súa renovación cada ano. Para facer o seguro por AGA pódese indicar na solicitude e facer o pagamento xunto co resto do material solicitado (non se domicilia).

No caso de ter seguro propio, hai que enviar xunto coa solicitude unha copia da póliza, na que figuren o nome da persoa titular da explotación, o REGA e o número de colmeas (moi importante!) e mais o xustificante bancario do seu pagamento. Hai que revisar que a póliza teña todos eses datos.

TRATAMENTOS DA VARROA

O tratamento convencional ten unha subvención do 90 % da base impoñible ata un máximo de 2,5 €/colmea. E o tratamento ecolóxico para os apicultores dados de alta no CRAEGA ten unha subvención do 100 % da base impoñible ata un máximo de 5 €/colmea, para as colmeas que figuren actualizadas na Oficina Agraria no 31/12/2023. Pódese pedir un único produto por explotación, pagado ó 100 % do seu custo, tal como figura na táboa de prezos. (ver Anexo I).

O tratamento seralles enviado ó domicilio a todos os socios e socias a partir de xullo, xunto coa receita e a factura, as cales hai que gardar para a próxima actualización na Oficina Agraria no inicio do próximo ano e durante cinco anos por se hai unha inspección. É obrigatorio anotar na páxina dos tratamentos sanitarios do Caderno Apícola os datos que figuran na receita, así como os relativos á súa aplicación.

CERA E ALIMENTO

Pódense pedir como máximo dous tipos de alimento e un tipo de torta proteica.

No alimento poderase subvencionar ata o 80 % da base impoñible, co límite de 6 € por colmea.

Na cera poderase subvencionar ata o 70 % da base impoñible, co límite de 5 € por colmea

O material solicitado poderase recoller, unha vez que estea pagado e confirmado polo persoal de AGA, nos lugares indicados na solicitude a partir do día 12 de febreiro. (ver Anexo II).

FONDOS SANITARIOS ANTIVELUTINA

No ano 2023, a Xunta non subvencionou os fondos sanitarios antivelutina por esgotamento de crédito. Este ano pódense solicitar e poderán subvencionarse ata o 70 % do seu custo co límite de 3 € por colmea.

O material solicitado poderase recoller, unha vez que estea pagado e confirmado polo persoal de AGA, nos lugares indicados na solicitude a partir do día día 12 de febreiro. (ver Anexo III).

VESPA VELUTINA

No ano 2023, a Xunta non subvencionou as trampas e os atraentes para a captura da Vespa velutina (tártago asiático). Este ano pódense solicitar e poderá subvencionarse ata o 100 % do seu custo cun máximo de 17 €. (ver Anexo IV).

O número máximo de packs subvencionables virá determinado polo numero de colmeas en cada un dos asentamentos que posúa:

  • 1 trampa en asentamentos de ata 10 colmeas
  • 2 trampas en asentamentos de ata 25 colmeas
  • 3 trampas en asentamentos de ata 50 colmeas
  • 4 trampas en asentamentos de máis de 50 colmeas

 

ANEXO I: TRATAMENTOS VARROA

           Prezos:

Uso dos tratamentos:

  • Apivar: Colocar 2 tiras por colmea próximas á cría.
  • Apitraz: Colocar 2 tiras por colmea próximas á cría.
  • Amicel: Aplicar homoxeneamente 10 ml da solución en cada tira e colocala na colmea ó cabo de 6 horas; día 1 a primeira tira e día 12 a segunda: Débese retirar todo ós 35 días.
  • Apistan: Colocar 2 tiras por colmea próximas á cría.
  • Bayvarol: Colocar 4 tiras por colmea próximas á cría.
  • Thymovar: Colocar 1 esponxa partida pola metade sobre os cadros de cría, e repetir ós 21 días.
  • Formic Pro: Colocar sobre os cadros de cría, e recoméndase colocar unha media alza sen cadros para facilitar a ventilación. É moi importante que non haxa altas temperaturas!!! Se se usa por primeira vez, hai que consultar co veterinario.
  • Oxybee: Produto para rociar (esparexer) sobre as abellas na cámara de cría, a dispersión debe de ter 30-35 ºC durante a súa aplicación (as dúbidas débenselle consultar ó veterinario).
  • Apibioxal: Autorizado para o seu uso por sublimación ou goteo.
  • Varromed: Produto preparado para rociar (asperxer) sobre as abellas na cámara de cría; en colmeas sen cría hai que aplicar unha soa dose, con cría entre 3 e 5 veces (hai que consultar ó veterinario).

      

Receitas dos tratamentos

En cada paquete vai ir a receita e a factura; por favor, gardádea debidamente e conservádea durante cinco (5) anos. Os tratamentos que no precisan receita (Thymovar, Oxybee, Apibioxal e Varromed) xa se xustifican coa factura que vai adxunta no paquete de envío.

NOTA IMPORTANTE: A emisión de duplicados de receitas levará un custo adicional de 5 € / receita.

 

Pagamento na conta de AGA: ES02 2080 0348 3830 0001 8210 ABANCA. Indicar no concepto: nome e apelidos do/a socio/a e Plan Apícola 2024

 ENVÍO DA SOLICITUDE – ANTES DO 24 DE XANEIRO

Enviar a solicitude preferentemente por email a: planapicola@apiculturagalega.gal (confirmarase a recepción nun máximo de 9 días; en caso contrario, contactar con AGA) ou por carta a: AGA, Rúa Basilio Carril s/n, 15810 Arzúa, A Coruña.

Non se admiten solicitudes nin xustificantes bancarios por whatsapp. É importante poñer no concepto o nome e os apelidos do ou da titular do Caderno Apícola.

 MÁIS INFORMACIÓN
AGA – Asociación Galega de Apicultura
Rúa Basilio Carril s/n 15810 Santa María – Arzúa
Tel. 981 630 694 / Móbil e whatsapp: 676 000 893 (consultas xerais) / 630 838 312 (consultas técnicas e sanitarias)
info@apiculturagalega.gal / www.apiculturagalega.gal / Facebook AGA / Telegram “Apicultura Galega”

 

l

Acceso ao formulario

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad