PLAN APÍCOLA 2023
Por medio da Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) cada ano estase a regular a Orde pola que se establece o réxime de axudas á apicultura, a cal se adoita publicar ó longo do mes de maio. A súa tramitación comporta un prazo moi limitado e presenta serias dificultades para podermos atender as numerosas solicitudes de todas as nosas persoas asociadas.
Esta subvención vai por concorrencia competitiva, polo cal non todas as entidades apícolas que se adscriben á Orde de axudas perciben todas as liñas contempladas nin a mesma porcentaxe nelas.
No ano 2023 as liñas que se subvencionan para os apicultores e apicultoras son:
- Acción 2.1.1. e 2.1.2., «Tratamentos»: o 90 % da base impoñible dos produtos convencionais e o 100 % para os abelleiros e as abelleiras inscritas no CRAEGA.
- Acción 2.1.3., «Alimentación»: subvención do 80 % da base impoñible, pero cun límite máximo de 6 € por colmea.
- Acción 2.1.4., «Cera»: límite máximo de 5 € por colmea (cun 70 %de subvención da base impoñible).
- Acción 2.1.5.1., «Trampas e atraentes contra a Vespa velutina(tártago negro de patas amarelas)»: en función do número de colmeas rexistradas e dos apiarios, cunha subvención do 100 % da base impoñible.
- Acción 2.1.5.2, «Métodos de eliminación, disuasión e control da Vespa velutina(fondos sanitarios)»: cunha subvención do 70 % da base impoñible, cun límite de 3 € por colmea.
- Acción 2.5.4, «Seguro»:. cunha subvención do 80 % (só responsabilidade civil), cun límite máximo de 0,50 € por colmea.
Esta cantidade subvencionada é repartida pola Administración partindo da base impoñible (o que quere dicir que non entran nela nin o IVE nin os gastos de xestión ou de transporte, nin tampouco a reciclaxe do tratamento convencional) e de acordo co número total de colmeas presentadas en cada liña. Isto quere dicir que hai uns topes máximos, mais este sinalamento non indica que este máximo sexa fixo, senón que pode variar en función da repartición que lle corresponda a cada concepto ou liña.
Ademais, como as necesidades do mundo e da xente abelleira son reiterativas ó longo destes últimos anos e as propostas de prioridades da Administración se manteñen bastante estables desde a súa instauración (con lixeiras modificacións), co obxecto de facilitarmos a tramitación do Plan Apícola e de cubrirmos as necesidades das nosas persoas asociadas, continúase co prazo xa para a presentación definitiva das solicitudes de material, tratamentos, cera e alimento para incluír no Plan Apícola 2023.
Para recibir a subvención de todo este material que se vai solicitar con antelación deberanse cumprir os requisitos que se establezan na orde correspondente e que probablemente sexan os mesmos que o ano pasado:
- a) Estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola de Galicia antes do 1 de xaneiro de 2023.
- b) Ter actualizado o Caderno Apícola co resultado de «Conforme»coa data de validación, o selo e a sinatura do/a veterinario/a da correspondente Oficina Agraria.
- c) Ter contratado un seguro de colmeas a través de AGA ou por conta propia (enviar póliza e xustificante de pago del).
- d) Os apicultores que estean dados de alta como ecolóxicos no CRAEGA deberán achegar o certificado correspondente.
SOLICITUDE DO PLAN APÍCOLA 2023
Poñemos en coñecemento dos socios e das socias que hai que pagar o 100 % do custo de cada produto, xa que AGA non pode asumir o adianto da subvención que representa ese 100 %.
ENVÍO DA SOLICITUDE
Enviar a solicitude antes do 21 de maio, preferentemente por email a: planapicola@apiculturagalega.gal (confirmarase a recepción nun máximo de 9 días; en caso contrario, contactar con AGA) ou por carta a: AGA, Rúa Basilio Carril s/n, 15810 Arzúa, A Coruña.
Non se admiten solicitudes nin xustificantes bancarios por whatsapp. É importante poñer no concepto o nome e os apelidos da persoa titular do Caderno Apícola.
SEGURO APÍCOLA
Para solicitar o Plan Apícola é obrigatorio ter un seguro de colmeas (como mínimo as colmeas actualizadas no libro), que se pode facer por AGA ou por conta propia. Para cobrar a subvención do seguro a través de AGA ten que suscribirse o seguro na póliza de AGA.
AGA ofrece unha póliza multirrisco renovada a 1,05 € / colmea e válida ata o 7 de febreiro de 2024. O incremento este débese á mellora das condicións, polas que a colmea pasou de estar valorada en 115 € a 150 €. O seguro non se renova automaticamente, polo que é preciso comunicar a súa renovación cada ano. Para facer o seguro por AGA pódese indicar na solicitude e facer o pagamento xunto co resto do material solicitado (non se domicilia).
No caso de ter un seguro propio, hai que enviar xunto coa solicitude unha copia da póliza, na que figuren o nome da persoa titular da explotación, o REGA e o número de colmeas (moi importante!) e mais o xustificante bancario do seu pagamento. Hai que revisar que a póliza teña todos eses datos.
TRATAMENTOS VARROA
O tratamento ten unha subvención do 90 % e do 100 % (para os apicultores dados de alta no CRAEGA), para as colmeas que figuren actualizadas na Oficina Agraria no 31/12/2022. Pódese pedir un único produto por explotación, pagado ó 100 % do seu custo, tal como figura na taboa de prezos (ver Anexo I).
O tratamento seralles enviado ó domicilio a todos os socios e socias a partir de xullo, xunto coa receita e a factura, que hai que gardar para a próxima actualización na Oficina Agraria e durante cinco anos por se hai unha inspección. É obrigatorio anotar na páxina dos tratamentos sanitarios do Caderno Apícola os datos que figuran na receita e os relativos á súa aplicación.
Pedido tratamentos varroa sen Plan Apícola
As socias e os socios que non soliciten a subvención do Plan Apícola poden facer o pedido do tratamento igualmente, co envío a AGA da ficha de pedido cuberta xunto co xustificante de pagamento, antes do 21 de maio. Será enviado por transporte a partir de xullo, polo que hai que indicar na solicitude o enderezo onde se quere recibir.
CERA E ALIMENTO
O alimento pode ser subvencionados ata o 80 %, e a cera ata o 70 %, sempre que os fondos sexan suficientes. Pódense pedir como máximo dous tipos de alimento e un tipo de torta proteica na cantidade máxima permitida na subvención, en función do número de colmeas declaradas. As cantidades máximas son:
- Alimento: para a cantidade máxima seguirase o estipulado na Orde de axudas á apicultura 2023, que é de 7,50 € por colmea, para recibir 6 € por colmea.
- Cera: para a cantidade máxima seguirase o estipulado na Orde de axudas á apicultura 2023, que é de 7,14 € por colmea, para recibir 5 € por colmea.
O material solicitado poderase recoller, unha vez que estea pagado e confirmado polo persoal de AGA, nos lugares indicados na solicitude antes do día 1 de xullo (ver Anexo II).
FONDOS SANITARIOS ANTIVELUTINA
No ano 2022 a Xunta non subvencionou os fondos sanitarios antivelutina por esgotamento de crédito (o fondo sanitario é da marca NICOT de plástico coa biqueira especial). Este ano pódense solicitar de novo, serán subvencionados sempre que os fondos sexan suficientes
O material solicitado poderase recoller, unha vez que estea pagado e confirmado polo persoal de AGA, nos lugares indicados na solicitude antes do día 1 de xullo (ver Anexo III).
VESPA VELUTINA
A Xunta vai seguir subvencionando parte das trampas e os atraentes para a captura da Vespa velutina (tártago asiático), exclusivamente para os socios e as socias que soliciten o Plan Apícola por AGA, sempre que non se esgote o crédito (ver Anexo IV).

Uso dos tratamentos:
Apivar: Colocar 2 tiras por colmea próximas á cría.
Apitraz: Colocar 2 tiras por colmea próximas á cría.
Amicel: Aplicar homoxeneamente 10 ml da solución en cada tira e colocala na colmea ó cabo de 6 horas; día 1 a primeira tira e día 12 a segunda: Débese retirar todo ós 35 días.
Apistan: Colocar 2 tiras por colmea próximas á cría.
Bayvarol: Colocar 4 tiras por colmea próximas á cría.
Thymovar: Colocar 1 esponxa partida pola metade sobre os cadros de cría, e repetir ós 21 días.
Maqs: Colocar sobre os cadros de cría, e recoméndase colocar unha media alza sen cadros para facilitar a ventilación. É moi importante que non haxa altas temperaturas!!! Se se usa por primeira vez, hai que consultar co veterinario.
Oxybee: Produto para rociar (esparexer) sobre as abellas na cámara de cría, a dispersión debe de ter 30-35 ºC durante a súa aplicación (as dúbidas débenselle consultar ó veterinario).
Apibioxal: Autorizado para o seu uso por sublimación ou goteo.
Varromed: Produto preparado para rociar (asperxer) sobre as abellas na cámara de cría; en colmeas sen cría hai que aplicar unha soa dose, con cría varias (hai que consultar ó veterinario).
Receitas dos tratamentos
En cada paquete vai ir a receita e a factura; por favor, gardádea debidamente e conservádea durante 5 anos. Os tratamentos que no precisan receita (Thymovar, Oxybee, Apibioxal e Varromed) xa se xustifican coa factura que vai adxunta no paquete de envío.

