Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

O TÁRTAGO NEGRO DE PATAS AMARELAS (Vespa veluntina nigrithorax) UN TEMIBLE DEPREDADOR

(16 / 09 / 2022)

 

 

En Galicia os seus niños tartagueiros cóntase por milleiros, e non se retiran nin sequera a metade dos existentes, o que anda sobre unha media de vinte mil ao ano. Esta especie invasora devora toneladas de insectos nunha tempada de cría, entre eles as abellas. A nosa biodiversidade entomolóxica e en consecuencia ornitolóxica e faunística está comprometida co tártago negro.

Segundo os especialistas, o tártago negro de patas amarelas gusta do clima suave e húmido, mais os episodios de calor desta primavera, así como as vagas de calor que sufrimos neste verán quente e seco semellan ser tamén do seu gusto pola nosa climatoloxía mutante e orografía. Hai lares xeográficos galegos que lle son o paraíso!

O tártago negro está practicamente estendido por todo o territorio da nosa comunidade autónoma, desde os vales ata as montañas, nas cales os seus efectos non son polo de agora tan devastadores.

Conforme un estudo realizado polo Muséum national d’Histoire naturelle, CNRS (Museo de Historia Natural de Francia) — https://www.mnhn.fr/system/files/atoms/files/alerte-presse-mnhn-abeille-domestique-proie-frelon-asiatique.pdf — a Vespa velutina «caza abellas domésticas (38,1 %), moscas (29,9 %) e avespas sociais (19,7 %), así como un amplo espectro doutros artrópodos (como mínimo 159 especies)». Na contorna urbana ou poboacional humana, o tártago negro de patas amarelas ou Vespa velutina nigrithorax come principalmente abellas, e nos nosos montes ou campos repárteas con avespas.

O estudo tamén nos dá unha idea das cantidades destes insectos inxeridos. «O tártago negro captura os insectos para alimentar as súas larvas, cos que fai unha boliña rica en proteínas. Ao compararen o peso seco das boliñas co das larvas do tártago negro de patas amarelas, e en función da dinámica da colonia, os investigadores estimaron que unha única colonia de Vespa velutina consome de media uns 11,32 kg de insectos na estación de cría que vai de marzo a outubro», afirma o Museo de Historia Natural de Francia. E nos nosos lares costeiros estas colonias adoitan estender a súa vida activa aínda máis!

Botando as nosas contas: en Galicia, en positivo, co vaso medio cheo, cos niños tartagueiros que se retiran nun ano podemos evitar que esas velutinas coman sobre unhas 226 toneladas de insectos; co vaso medio baleiro, podemos afirmar que as colonias do tártago negro de patas amarelas en Galicia cobran cada ano da natureza como mínimo unhas 500 toneladas de insectos. O impacto ecolóxico resulta enorme! Isto é totalmente insostible para a nosa biodiversidade!

Esta predación non é unha boa nova en tanto que as poboacións de insectos están a diminuír. O tártago negro (Vespa velutina nigrithorax) entra en concorrencia co seu homólogo europeo (a Vespa crabro), así como cos paxaros, que tamén teñen necesidade de proteínas.

Polo tanto, a loita continúa: debemos evitar a explosión reprodutiva do mes de setembro coa eliminación dos niños tartagueiros de cría previamente e a captura das futuras fundadoras da próxima estación.

A retirada de niños e o trampeamento eficaz e selectivo das raíñas fundadoras liberadas no medio natural (setembro-outubro) e sobrevividoras do inverno (febreiro-maio) non son accións inútiles. Mais non é só un problema dos abelleiros e abelleiras, senón unha disfunción de toda a sociedade respecto da natureza que nos rodea.

Nota informativa realizada con base no artigo publicado en https://france3-regions.francetvinfo.fr/normandie/manche/le-frelon-asiatique-un-redoutable-predateur-une-seule-colonie-preleve-11-kilos-d-insectes-dans-la-nature-2595484.html

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad