
Os ministros europeos de Agricultura acordaron ter en conta, na avaliación dos pesticidas, os seus efectos sobre as colonias de abellas, co que se abre unha vía a novas medidas contra o declive dos insectos polinizadores, para o que fixaron un limiar «aceptable» do 10 % da perda de colonias que, segundo eles, «ofrece unha protección suficiente».
Con todo, AGA, membro de BeeLife, quere denunciar que España anda sempre a rebufo dos outros estados e se mantén no grupo de cabeza á hora de aceptar a mortalidade das abellas e dos demais insectos polinizadores por causa dos efectos dos praguicidas ou pesticidas usados na agricultura. Sabemos da importancia desta e hai outras alternativas menos daninas, mais xogamos nunha liga con terceiros países, non na champions coa ecoloxía e a biodiversidade. O lobby da agroindustria química pesa moito no Goberno español e no MAPA; como simple exemplo, non hai máis que ver o uso do glifosato por parte das administracións públicas nas beiras das estradas galegas, sexan estatais, autonómicas, provinciais ou locais. Iso da Transición Ecolóxica é unha simple nomenclatura falaz.
De seguido, actualizamos a posición de cada país en canto aos Obxectivos de protección específicos (SPG, Specific Protection Goals) para a avaliación dos riscos dos efectos dos praguicidas nas abellas. Primeiramente, preguntóuselles aos estados membros se apoiaban un SPG harmonizado na UE e mais que porcentaxe máxima de redución da poboación de abellas nunha colonia sería aceptable. A Comisión Europea propúxolles aos estados membros teren uns Obxectivos de protección harmonizados cun 10 % de efecto máximo de pesticidas na poboación das colonias de abellas.
Non se tomou unha decisión formal (sen votación), mais os estados membros presentaron este luns pasado 28 de xuño o seu posicionamento na reunión do Consello AGRIFISH no Consello da Unión Europea. Así:
Países Baixos: harmonizado 7 %.
Francia: harmonizado 7 % – 10 % aceptable para consenso.
Italia: harmonizado 7 %.
Estonia: harmonizado 12 %.
Lituania: harmonizado 10 %.
Chipre: harmonizado 10 %.
Eslovaquia: harmonizado 7 % – 10 % aceptable para excursións.
Polonia: harmonizado 12,8 % – 10 % aceptable para un compromiso.
Irlanda: harmonizado 10 %.
Malta: (declaración pouco clara).
España: harmonizado 10 %. (Propoñía do 15 ao 23 %)
Luxemburgo: harmonizado 10 %.
Bélxica: harmonizado 10 %.
Alemaña: harmonizado 10 %.
Letonia: non harmonizado.
Croacia: harmonizado 10 %.
Hungría: harmonizado 7 % – 10 % aceptable para un compromiso.
Finlandia: harmonizado 12,8 %.
Austria: harmonizado 10 %.
Bulgaria: harmonizado 12 %.
República Checa: harmonizado 12 % – 10 % aceptable para un compromiso.
Grecia: harmonizado 23 %.
Suecia: harmonizado 7 %.
Eslovenia: (declaración pouco clara).
Romanía: harmonizado 10 %.
Dinamarca: harmonizado (porcentaxe pouco clara)
Portugal: ?
Este é un pequeno paso da UE para protexer as abellas, insectos cruciais para a polinización. Para o señor ministro español cabe dicirlle que hai que prever a avaliación do risco para todos os pesticidas, incluídos tamén os herbicidas e funxicidas, ademais ―claro está― dos insecticidas, para os polinizadores e ver dunha restrición ou mesmo prohibición de tratamento sobre os cultivos atractivos que estean en floración.
A Comisión Europea presentaralles agora unha proposta formal aos estados membros para un 10 % de SPG. De ser aprobado este índice, haberá que ver como o Estado español e as consellerías respectivas das comunidades autónomas aplican este obxectivo de protección, que ―relembramos— debería estar nun limiar do cero por cento; por saúde para as abellas e os insectos polinizadores, así como da propia cidadanía.
Por último, non debemos esquecer que para as abelleiras e os abelleiros esta porcentaxe do 10 % se suma aos efectos do cambio climático, a varroa, o tártago da Vespa velutina e outros máis, para quedarmos á fin de contas en perdas das colonias que andan do 30 ao 40 %, e roldan nalgunha comarca o 50 %. Todo un panorama mataesperanzas apícolas!