Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

Nota informativa “ONDE HAI PAPEIS CALAN BARBAS”

(08 / 01 / 2024)

 

Calquera entidade ou persoa física ou xurídica que perciba cartos «públicos» dunha administración —local, provincial, autonómica, estatal ou europea— ten que demostrar en calquera momento a xustificación das axudas ou subvencións percibidas para actividades de interese público ou social, tal como está considerada a apicultura hoxe en día. Polo tanto, cando un ou unha asina a correspondente solicitude está asinando o cumprimento da debida xustificación. Para iso o título deste artigo: hai que gardar toda a documentación referente ás axudas públicas e á facturación que realicemos como apicultores ou apicultoras nas nosas explotacións apícolas, e os documentos falan por si mesmos. Se non hai papeis non hai nada, é a nosa palabra non demostrada. Nunha auditoría ou inspección realízase a práctica da proba.

O tempo que é necesario gardar determinados documentos baséase nunha obriga establecida nunha lei ou norma e nos prazos de prescrición de determinada documentación. Polo común, o prazo xeral de garda e custodia desa documentación é de cinco (5) anos, que nola poden requirir en calquera momento nunha inspección, ou as debidas facturas do material nun parte do seguro obrigatorio das colmeas, por exemplo. Xa que logo, as persoas abelleiras que solicitan o Plan Apícola deben obrigatoriamente resgardar toda a súa documentación e facturación apícolas.

Unha auditoría de contas é un mecanismo de control que serve para dar confianza e seguridade á información financeira e, xa que logo, achega unhas mellores garantías fronte a terceiros e fronte aos propios asociados dunha asociación, como é o noso caso de AGA —empezamos a facela precisamente por propia vontade na contabilidade do 2022, por parte de Auditgal, S. A.—. Por conseguinte, é un procedemento moi recomendable que poida realizarse sempre de forma voluntaria, como estamos xa tamén preparando a documentación inventariable para elaborar en AGA a do ano 2023. Con todo, en determinados casos convértese nun requisito obrigatorio, habitualmente vencellado ao volume da entidade ou da actividade que se desenvolve, «para os efectos de verificar o adecuado cumprimento do disposto na normativa reguladora». Esta foi a que nos aplicaron a AGA o 12 de decembro pasado a través do FEAGA por parte do Ministerio dentro do Plan de control 2023-2024, que levou a cabo a empresa auditora AAMAS Auditores, S.L.. Confiamos en que o resultado sexa positivo para o benestar da nosa asociación. Polo mes de marzo, de cara á Xuntanza Abelleira (Día do Apicultor), contamos ter o seu resultado definitivo dela.

O baseamento da auditoría do FEAGA 2023 foi o seguinte:

“Consonte o artigo 45 da Lei 9/2007 os beneficiarios de subvencións están obrigados a prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervencion Xeral.

O control realizarase sobre a seguinte actuación, financiada con cargo ao FEAGA:

(*) O importe sinalado correspóndese co das transaccións seleccionadas pola Intervención General del Estado (IGAE) na súa mostraxe, sen detrimento das posibles extensións de control contempladas no art. 42.2 do Regulamento de execución (UE) 908/2014 da Comisión que se poidan levar a cabo sobre os restantes pagamentos das ditas actuación, se é o caso.

O control será realizado por persoal dunha empresa auditora externa, que poderá ir acompañado de representantes da Intervencion Xeral.

A empresa auditora, entre outra documentación, solicitounos 57 documentos contables, incluído todo o ano 2022 e ata o 30 novembro do ano 2023.

E sobre o período do ano 2022 aínda nos pode caer outra auditoría máis por parte da Unión Europea, xa que con base no artigo 50 da Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, recentemente aprobada no Parlamento de Galicia, temos a necesidade de xustificar as axudas e as subvencións percibidas:

«Sen prexuízo do disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para aquelas axudas e subvencións que se concedan con cargo a créditos financiados por recursos procedentes da Unión Europea, a xustificación dos gastos efectuarase con facturas ou con documentos contables de valor probatorio equivalente, logo da comprobación explícita da execución da obra por parte dos servizos técnicos da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 30.2 da dita lei, e a do pagamento, cos xustificantes das transferencias bancarias ou dos documentos acreditativos dos pagamentos realizados, de acordo coa normativa contida nos regulamentos aplicables aos fondos.»

Non hai problema. Todo claro: hai que poder xustificar todo pola vía legal: actuacións, ingresos, facturas e pagos.

Ademais, requiriuse a presenza na auditoría de cinco socios de AGA co obxecto de comprobar a súa documentación do percibido polo Plan Apícola 2021-2022, aos que lles agradecemos a súa cordial participación. A este respecto sinalamos que se lles referiu o artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que dispón nos seus puntos 1 e 2:

«1. Os beneficiarios, as entidades colaboradoras e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestarlles colaboración e facilitarlles canta documentación sexa requirida, no exercicio das funcións de control, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro…».

«2. A negativa ao cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos previstos no artigo 33 desta lei, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, puidesen corresponder.»

Este último punto quere dicir que, ademais da pertinente sanción, procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Polo tanto, en conclusión, pódese sinalar que quen solicita unha axuda ou subvención dunha administración ten que estar disposto a colaborar coa debida documentación para acreditar a súa solicitude e o seu beneficio.

 

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad