Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

MÉRCORES NEGRO CO VOTO EN CONTRA DA REDUCIÓN DA UTILIZACIÓN DOS PESTICIDAS NA EUROCÁMARA

(24 / 11 / 2023)

MÉRCORES NEGRO CO VOTO EN CONTRA DA REDUCIÓN DA UTILIZACIÓN DOS PESTICIDAS NA EUROCÁMARA

 

Tras unhas emendas da dereita europea que diluían de xeito considerable o texto, o Parlamento Europeo rexeitou, o mércores 22 de novembro, un proxecto de lei que propoñía reducir na metade o uso dos pesticidas na Unión Europea de aquí ao ano 2030, por 299 votos en contra, 207 votos a favor e 121 abstencións. Xa vos contamos noutra información a leria das abstencións dubitativas, non si? Talmente un Black Wednesday. Pola santa Cecilia non tocou a música ambiental.

Uns días despois da renovación da autorización do glifosato por dez anos máis, temos un novo mal día para o ambiente, pois a Eurocámara ao desbotar esa lei enterrou de feito un texto primordial no eido ambiental, a algúns meses das eleccións europeas de xuño de 2024. Como abelleiras e abelleiros, quérennos gañar?, quérennos perder?, ou quérennos matar?, ou queren todo de nós?

Esta lexislación proposta en xuño do 2022 pola Comisión Europea prevía reducir na metade (en comparación co período 2015-2017) a utilización e os riscos dos produtos fitosanitarios químicos. Esta acción era o elemento crucial do Pacto verde da Unión Europea. Un baleiramento ben pensado. A solución está na «subvención ambiental» non na saudable produción agroecolóxica.

Os/as eurodeputados/as tamén rexeitaron o reenvío á Comisión Parlamentaria do Medio Ambiente. O que pon un termo efectivo para o futuro dese texto, que dividía fondamente os Estados membros. Adiamos o problema de hoxe uns anos máis. No problem.

Por certo, unha pregunta sinxela que nos debemos formular: presión dos lobbies industriais da agroquímica ou dos agricultores? Como dicimos con sabedoría en Galicia baseándonos no empirismo: haberache un pouco de todo! A afouteza dos apicultores e apicultoras, alicerce primario pola polinización da produción agrícola europea, quedou soterrada no rego agrario.

A biodiversidade e a saúde dos agricultores en xogo

En palabras da ecoloxista relatora do texto trátase de «un día negro» para o medio ambiente e os agricultores. Pola súa banda, unha eurodeputada alemá dos Verdes sinalaba que o Parlamento Europeo «rexeitou este proxecto de lei desfigurado (polas emendas do PPE), e os conservadores poñen en perigo a saúde dos agricultores e a biodiversidade nunha loita con toda a forza contra a redución dos pesticidas.

Pola outra banda, un eurodeputado alemán do PPE declarou que «hoxe é un bo día para os agricultores e para todos aqueles que cren que a UE debe absterse de impoñerlles novas cargas». E reafirmándose unha eurodeputada francesa (tamén do PPE) afirmaba que hai que «deixar de xogar ao meigallo en materia de política ambiental e ter en conta a realidade dos agricultores no campo».

Ese proxecto de lei desfigurado levou a que mesmo algúns defensores anteriormente da redución do uso dos pesticidas á metade votasen en contra da lei no pleno.

E nesta festa negra non podían faltar as declaracións das organizacións agrarias maioritarias, como as da presidenta do COPA-COXEGA europeo —por un sector agrario sostible, innovador e competitivo—: «Por fin, o Parlamento Europeo recoñece que era un proxecto pouco realista, sen financiamento e cun texto ideolóxico». Pensando un pouco mal, en boas mans está tamén a defensa da apicultura europea e española! Diaños, así vai!!

Todo o anterior, a pesar de que o 80 por cento da cidadanía europea apoiaba esta medida de redución dos praguicidas, pesticidas ou fitosanitarios. Vendo os alimentos comúns contaminados polos pesticidas —amorodos, pexegos, mazás, tomates,  leitugas, avea…— producidos en Europa, a saúde é a mellor riqueza que hai.

Daquela, ¿cúal es el problema? O mel podémolo importar e facelo falso mel, fake honey. A fraude reborda os tarros de xarope dito «mel» nalgunhas superficies comerciais. A etiquetaxe segue ser clara nin precisa. Os laboratorios europeos non teñen capacidade de detectaren os enganos tecnolóxicos alimenticios —nin os poles— no mel. Os consumidores tragan… Non hai problema!

What is this pollination thing? Qu’est-ce que la pollinisation? Was ist Bestäubung?  什么是授粉? Perdón, non entendo nada.

E os abellóns cucos, Bombus bohemicus, sábeno…

 

O abesouro autóctono Bombus terrestris

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad