Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

Meles Cinco Estrelas

O Concurso de Meles Cinco Estrelas é un concurso anual, organizado por AGA.

A Excelencia dos Meles Galegos

O Concurso de Meles Cinco Estrelas, da Asociación Galega de Apicultura, celébrase como un puntal para dignificarmos, diversificarmos e valorarmos estes meles nos ámbitos produtivos, degustativos, promocionais e comerciais, así como no de informarmos máis detalladamente as persoas consumidoras.

Dende AGA queremos destacar o bo facer, a atención ás abellas, o esmero na castra e o coidado do produto melífero e a súa presentación por parte das abelleiras e dos abelleiros asociados, así como as calidades organolépticas dos distintos meles seleccionados e premiados.

Neste Concurso de Meles Cinco Estrelas, de meles do país, hai dúas categorías básicas: a de meles multiflorais, das flores silvestres do noso monte, e a de meles monoflorais de plantas agrestes e árbores forestais froiteiras ou silvícolas, que á súa vez se determinan nos tipos de mel de breixo-queiroga-carpaza-carrasca-uz, mel de silva, mel de castiñeiro, mel de eucalipto e mel de bosque ou melato.

                                                                                   Meles gañadores no II Concurso (2020)

Apreciamos e salientamos o primor do produto. Para iso, un comité de cata —o xurado— avalía organolepticamente os meles concursantes. O premio para as persoas gañadoras consiste nun selo distintivo no envase do seu mel, unha valoración á alta do prezo dese mel premiado no mercado e mais na promoción no ámbito nacional e internacional da súa singularidade.

O breve percorrido deste concurso estanos a dar grandes satisfaccións e renome, cuns resultados espectaculares pola calidade dos meles premiados. O éxito é mutuo para os produtores e os consumidores.

A fama, o prestixio e a sona dos Meles Cinco Estrelas vense agrandados pola súa excelencia nos concursos internacionais e a estima mundial pola súa demanda exclusiva.

Ademais, os meles gañadores de cada ano pasan a facer parte da rede de distribución dos produtos da Cooperativa Erica Mel, sexa na venda directa ou na venda en liña.

Nós tamén podemos gozar destes excelentes e gorentosos meles!

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad