Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

MEL ENVASADO EN ERICA ENTRE O MELLOR MULTIFLORAL DE ESPAÑA

(09 / 04 / 2021)

 

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) acaba de atribuír as cualificacións aos mellores meles postos á venda nos supermercados en España. No segundo lugar, como representante do Mel de Galicia con IXP, quedou o mel envasado por Erica Mel para Carrefour baixo a denominación “De Nuestra Tierra”, coa máxima cualificación nos apartados organoléptico, orixe botánica e de frescura, polo que obtivo 85 puntos de 100.

Todo un recoñecemento ao labor desenvolvido pola nosa Cooperativa Erica Mel e os seus abelleiros asociados. Parabenizémonos pola boa calidade!

 

MANIFESTACIÓN DE INTERESES

A Asociación Galega de Apicultura-AGA e a Cooperativa Erica Mel están a traballar na “manifestación de intereses” convocada pola Consellería do Medio Rural para facer propostas necesarias para desenvolver a apicultura en Galicia utilizando fondos da UE.

 

Manifestación de intereses de AGA-Asociación Galega de Apicultura:

Selección e reprodución de abellas

Debido á alta mortaldade das colonias de abellas, 30-40% anual, e ao grande interese en incorporarse a este sector pola xente nova, hai  unha forte demanda de enxames que fai necesario satisfacer con criadeiros de abellas seleccionadas.

Laboratorio

Resulta imprescindible que Galicia conte cun laboratorio de referencia que certifique mediante análises laboratoriais a calidade dos nosos meles e descubrir as posibles fraudes sobre o mel e os outros produtos apícolas.

Manifestación de intereses da Cooperativa Erica Mel:

Envasadora, mel crema e derivados

A nosa aspiración é que todos os meles de Galicia con IXP vaian ao mercado europeo envasados con toda a súa plena calidade e non como acontece na actualidade, onde o valor engadido o levan outras factorías industriais meleiras.

Galicia exporta unha porcentaxe de mel moi alta por xunto que vai para envasadoras europeas que o mesturan con mel chinés de moi baixa calidade.

Ao mesmo tempo, pretendemos envasar produtos derivados da innovación e diversificación, como son os meles crema e derivados.

Queremos pasar dun envasado anual de 100.000 quilos a 250.000 quilos.

Envase orgánico

Aspiramos a contar cun envase exclusivo para mel de Galicia IXP, elaborado a partir de produtos ecolóxicos, fuxindo de calquera envase derivado do petróleo.

Equipamento, transhumacia, melería móbil, recollida de mel

Queremos ofrecerlles aos apicultores medios mecánicos consistentes nun camión tractor equipado con dous remolques.

Un remolque sería unha melería móbil para dar o servizo de esmelga aos pequenos produtores in situ.

Outro remolque estaría equipado para dar o servizo de traslado de colmeas (transhumancia), tanto para evitar a Vespa velutina mediante esta tecnoloxía coma para facer traslados de colmeas buscando nos nosos montes meles monoflorais e de paisaxe de máis alto valor engadido. Así mesmo, serviría tamén para a recollida de mel e levalo ao centro de envasado en Arzúa.

Tenda online

Unha vez que temos toda unha gama de produtos apícolas da máis alta calidade, apoiados na invocación e na IXP-Mel de Galicia, realizar fortes campañas de promoción e venda online dos nosos produtos melíferos envasados en toda a Unión Europea.

 

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad