40 anos
de historia
“Sen abellas non hai alimentación para os humanos”
(Albert Einstein).
Puntos clave

Modernización

Innovación

Respecto
E sustentabilidade co Medio Ambiente
MÁIS QUE MEL!!!
Dende da Asociación Galega de Apicultura-AGA suxerímoslle á Real Academia Galega unha redefinición do termo abella con base nunha apicultura dos nosos tempos e globalizada, coa engádega (en letra negra) de que este «insecto poliniza unha gran parte dos cultivos predominantes na alimentación humana e animal, sustenta a biodiversidade floral das plantas entomófilas, e produce mel, cera, pole, xelea real, própole, veleno e enxames».
Con esta precisión conceptual damos unha visión máis exacta do que representan todos os seres polinizadores da natureza para a humanidade, dos que os himenópteros (abellas, abellóns, avespas) e os lepidópteros (bolboretas) son un fundamento clave. Asemade, salientamos a función esencial que cumpren as abellas, tanto as silvestres coma as melíferas ou domesticas, así como os produtos esenciais que nos proporcionan e consumimos na nosa dieta actual.
Xa que logo, a maior valorización das abellas non repercute nos produtos que nos ofrecen directamente ás abelleiras e aos abelleiros, senón nos alimentos que nos subministran indirectamente a todos os seres humanos do planeta Terra e mais no benestar vital e na biodiversidade con que nos agasallan por medio seu traballo polinizador.
Cómpre a nosa maior consideración por todos os insectos polinizadores, un gran respecto por este inxente labor e un gran recoñecemento polo beneficio natural que nos achegan. Échenos toda unha débeda da sociedade para con eles!
E andando cos tempos da comunicación en liña, os abelleiros e as abelleiras de AGA queremos responder con esa espléndida e diversa táboa panorámica de pétalos nutritivos para os consumidores e as consumidoras.
Máis que mel ofrécelles eses produtos alimenticios das abellas nas máis exquisitas gamas de calidade, cos seus sabores, aromas, colores, estados líquido ou cristalizado e propiedades naturais de seu alimenticias e terapéuticas.
O gusto das flores e das paisaxes de Galicia é de noso voso! Saúde!!
HISTORIA
Dende a súa fundación, ano 1980, a Asociación Galega de Apicultura- AGA desenvolveu e participou nunha serie de actividades que modernizaron a nosa apicultura procurando satisfacer os intereses tanto dos abelleiros afeccionados coma daqueles que teñen ánimo de lucro con esta actividade, respectando sempre a natureza e o comportamento e cultura das nosas amigas e imprescendibles abellas, desenvolvendo darredor delas unha actividade sustentable e da máis grande importancia ecolóxica.
A innovación, o coidado e o desenvolvemento de novos produtos apícolas foi outra constante que desde AGA se tivo sempre presente co ánimo de satisfacer aos consumidores máis esixentes que buscan a calidade na súa alimentación e aprecian os beneficios terapéuticos destes produtos.
Na actualidade, AGA está centrada na exploración de todos os campos que conforman este variado e complexo mundo apícola. Baixo a denominación de “aapicultura, unha actividade multifuncional” estamos asistindo a un renacer da actividade apícola a escala mundial, situando as abellas e os abelleiros no centro da conservación da biodiversidade debido ao efecto polinizador das nosas abellas.
Poderiamos traer mel de lugares moi afastados de aquí, pero non poderiamos importar a polinización da flora silvestre nin das plantas cultivadas;polo tanto, de non existir as abellas nos nosos campos, a biodiversidade, a paisaxe e a gastronomía non terían nada que ver co que temos. Poderiamos pois importar o mel, pero endexamais a polinización imprescindible.
Para que a nosa actividade teña éxito é fundamental que a nosa agricultura tamén sexa unha actividade sostible e respectuosa co ambiente. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servizo público gratuíto e dun incalculable valor; esta será sempre unha demanda de AGA.
O sector apícola forma parte integrante da agricultura europea. Proporciona ingresos primarios ou complementarios a máis de 600.000 ciudadáns da UE, presta uns servizos vitais á agricultura a través da polinización e contribúe ao mantemento da biodiversidade. Calcúlase que un 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria en Europa dependen da polinización por parte das abellas, cuxo valor económico é moito maior que o valor do mel producido e ascende a uns 15.0000 millóns de euros anuais na UE. A apicultura tamén presta un servizo importante aos ecosistemas a través da polinización, que contribúe á mellora da biodiversidade ao manter a diversidade xenética das plantas e o equilibrio ecolóxico.
Ademais, a apicultura forma parte do patrimonio agrícola europeo e das tradicións nacionais (Parlamento Europeo, 14/11/2011).
Cal é a especie máis valiosa do planeta? Son as abellas (segundo os científicos convocados pola Royal Geographical Society no ano 2008 en Londres).
En Galicia, no día de hoxe, as abellas representan un recurso educativo dun alto valor, como se vén amosando na demanda de visitas escolares que teñen os nosos centros de visitantes establecidos en toda Galicia. Tamén é un recurso de apiturismo, como o demostran as visitas que estamos recibindo doutras parte de España e tamén do extranxeiro; a posta en valor da nosa apicultura tradicional é un recurso dun alto interese para estes visitantes foráneos. A elaboración e a diversificación de produtos das abellas e derivados están a darlle á nosa produción primaria un máis alto valor engadido. A apiterapia é unha ciencia tradicional que medra moi axiña na actualidade. A coméstica con produtos das abellas tamén ten un desenvolvemento espectacular.
A mellor maneira que ten a sociedade de colaborar a resarcir a débeda histórica que ten coas abellas e os abelleiros é adquirindo os produtos apícolas das e dos abelleiros máis próximos. Deste xeito, garántese a presenza de abellas e abelleiros na nosa contorna e, polo tanto, a polinización necesaria das flores dos campos circundantes.
Estamos convencidos en AGA que en Galicia, igual que no resto do mundo, a xente nova que xa se está apróximando a esta actividade vai ser a que poña as abellas no lugar que lles corresponde como unha actividade multifuncional.
Os nosos programas: “A apicultura, unha actividade multifuncional”, “Abellas tolerantes á varroa”, “Pon unha colmea na túa horta”, “”Apiarios urbanos”, “Apiturismo”, “Saír do armario” etc. van encamiñados a desenvolver a nosa apicultura como unha actividade multifuncional.
Para todo isto, AGA xa ten establecido en distintas comarcas de Galicia delegacións que se encargan de levar adiante actividades co ánimo de conducir a bo porto os nosos obxectivos. Tamén contamos con outra ferramenta moi importante, as cooperativas, Erica Mel e outras cooperativas locais. Os Centros de Visitantes que hai establecidos pola nosa xeografía tamén forman parte desta multifuncionalidade da nosa apicultura.