Inscrición Concurso Meles Cinco Estrelas e Laboratorio AGA 2021
LABORATORIO DE AGA 2021
O mel forma parte de noso patrimonio cultural, por iso para distinguilo, expoñelo, valorizalo e defendelo é necesario primeiro saber del e da súa constitución, sobre todo por parte das persoas produtoras.
Os nosos meles presentan características propias que os fan únicos, froito da nosa rica e abondosa flora e das características dos nosos solos, así como das paisaxes vexetais das que proceden.
A diferenciación entre os diferentes tipos de meles é o que en certo modo os valorizará, e esa diferenciación pasa por establecer valores máis esixentes, que farán do noso produto algo único no mercado.
Para podermos determinar estes valores, os laboratorios de análises do mel perfílanse como unha ferramenta imprescindible, xa que van poder caracterizar de modo obxectivo os nosos meles. O servizo dun laboratorio ofrece garantías e confianza ó consumidor e ó produtor, que poderá esixir e xustificar un prezo diferente do seu produto precisamente porque eses parámetros por determinar non só van indicar as características diferenciadoras, senón que tamén expresarán ou demostrarán un manexo máis esixente na obtención e na conservación do mel.
En definitiva, trátase de utilizar o laboratorio como ferramenta na clasificación, diferenciación, valorización e garantía de confianza no consumidor e no produtor dos nosos meles.
A partir do 1 de setembro deica o 1 de novembro do 2021 ábrese o prazo de presentación mostras no Laboratorio do Mel de AGA, que se remitirá á:
Asociación Galega de Apicultura-AGA – Feira Nova s/n – 15819 Santa María – Arzúa
A mostra para enviar ó laboratorio recollerase da castra de mel deste ano 2021; en relación coa cantidade total da produción e do que se queira analizar poderá ser recollida dun bidón, do mel obtido nun apiario determinado etc. Este mel debe ser homoxeneizado, de modo que a mostra sexa o máis representativa posible da nosa produción.
A mostra enviarase por correo a AGA, nun envase de vidro de 250 gramos mínimo por mostra, identificada cun número no caso de enviar máis de unha, xunto coa ficha de solicitude que se axunta.
No laboratorio identificarémola e procederemos á determinación dos parámetros solicitados, que incluirá como mínimo: hidroximetilfulfural HMF (frescura) e humidade (conservación).
Se o desexa, pode realizar tamén a análise sinxela, así como a análise polínica (meles monoflorais) e de condutividade eléctrica (melatos), que terá que indicar na solicitude. Esta información pasarase a unha ficha creada para o efecto e enviaránselle por correo os resultados á persoa interesada.
INFORMACIÓN SOBRE O LABORATORIO
- Prazo entrega das mostras: Do 1 de setembro ó 1 de novembro
- Formato mostra:
1 envase de mel 250 g (tipo analíticas de farmacia),cada mostra identificada co seu número (no caso de máis dunha mostra) - Envío:
Enviar as mostras xunto coa solicitude e, se é o caso, o xustificante de pagamento a:
AGA Feira Nova s/n – 15819 Santa María – Arzúa - Recepción de resultados:
Enviarase un informe por email ou en papel se non se dispón de correo electrónico. - Prezos socios:
- HMF e humidade: 10 €.
- Polínico sinxelo: 15 €.
Polínico (pole maioritario) e condutividade: 20 €.
- Prezos non socios:
- HMF e humidade: 20 €
- Polínico sinxelo: 20 €
- Polínico e condutividade: 30 €
- Pagamento:
- Transferencia bancaria: Nº de conta AGA: ES02 2080 0348 3830 0001 8210 (ABANCA).
- Efectivo na sede de AGA.
- Tarxeta: presentando a solicitude online.