Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

INICIATIVA: A DAGA DO MORRAZO A PROL DA BIODIVERSIDADE

(01 / 02 / 2022)

Neste inverno, grazas á colaboración das comunidades de montes das parroquias do Hío, Coiro e Darbo, no concello de Cangas e a parroquia de Beluso en Bueu, coa expectación de alumnos dos seus colexios e o empuxe da DAGA do Morrazo, os seus eucaliptais deses montes veciñais están en vías de se mudaren nunhas fragas totalmente distintas e variadas, con posibilidades de se protexeren do lume e á súa vez de se converteren nunha fonte de néctar e poles para as abellas cando dentro duns anos esa xente miúda sexa adulta. A esta riqueza de biodiversidade floral tamén contribuirá o sotobosque natural que se recupere das especies de carqueixas e outras plantas de interese apícola.

Con este obxectivo, logo da corta e limpeza dos montes, plantáronse centos de pés esencialmente  de cerquiños, érbedos, sobreiras e castiñeiros. Unha perspectiva de futuro moito máis óptima e diversa que na conversión nun deserto verde de eucaliptos globulus sen flores á vista.

Para desenvolver este programa estanse a asinar convenios cos distintos concellos da comarca con vixencia ata o ano 2024. Pasos de a pouco, pero reais e efectivos. Serán focos bioverdes na monopaisaxe do Morrazo.

Somos conscientes de que igual o resultado melífero tarda e non é todo o desexado polas circunstancias edafolóxicas e o cambio climático, pero a participación dos comuneiros propietarios, a esperanza de rendementos nobres, o lecer das súas sombras e os beneficios para a sociedade, así como a recuperación da paisaxe autóctona orixinal teñen un valor incalculable e de moito peso.

Toda unha experiencia de plantar árbores interesantes para as nosas abellas, a base de ilusión, traballo e sementeira!

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad