Inscrición Concurso Meles Cinco Estrelas e Laboratorio AGA 2021
BASES III CONCURSO DE MELES CINCO ESTRELAS
O Concurso de Meles Cinco Estrelas é un concurso anual que organiza a Asociación Galega de Apicultura-AGA a partir dos meles do país facilitados polas apicultoras e os apicultores socios, co obxecto de valorizar os nosos meles, diversificar a nosa produción melífera e mellorar a información ás persoas consumidoras a partir dunha concreta especificación de cada mel.
Base primeira. Responsables
AGA nomeará un Comité organizador, que será o responsable da organización do Concurso de Meles Cinco Estrelas.
O Comité organizador nomeará un Comité de cata (xurado), que será o responsable de realizar a avaliación organoléptica dos meles concursantes.
Base segunda. Características
Os meles que concursen deberán ser meles do ano vixente orixinario de explotacións con REGA.
Os concursantes deberán posuír un mínimo de 200 quilos de mel multifloral e de 100 quilos de mel monofloral do lote presentado ó concurso, que será envasado en botes de medio quilo (500 gramos) e non poderá estar requentado.
Así mesmo, estes meles deberán saír ó mercado debidamente etiquetados conforme a lexilación vixente, que poderá pertencer a unha marca propia de cada abelleira ou abelleiro ou ben ir coa etiqueta «Mel Das Miñas Colmeas».
Os meles deberán cumprir os seguintes requisitos físico-químicos:
- Humidade, menos dun 18 %
- HMF, menos de 10 mlgr/quilo
- Estar libres de impurezas e outros defectos visuais e organolépticos.
Base terceira. Categorías
Poderase concursar nas seguintes categorías:
- Meles multiflorais, de flores silvestres, de monte.
- Meles monoflorais:
- Mel de eucalipto, 70 % mínimo
- Mel de queirogas, 30 % mínimo
- Mel de silva, 45 % mínimo
- Mel de castiñeiro, 70 % mínimo
- Mel de bosque, carballo rebolo, máis de 0,8 mS/cm de condutividade.
Base cuarta. Fases do concurso
As persoas concursantes enviarán as mostras que presentarán ás diferentes categorías, o cal será indicado na ficha de inscrición, elaborada polo Comité organizador. O prazo do envío da solicitude xunto coas mostras será do 1 de setembro ata o 1 de novembro do 2021.
As mostras presentadas serán sometidas a unha análise laboratorial, visual e de clasificación segundo as categorías do concurso. As que superen a fase anterior serán sometidas a unha análise organoléptica polo Comité de cata (xurado).
O Comité organizador adxudicará os premios tendo en conta as puntuacións en cada categoría.
Base quinta. Presentación dos meles
A persoa participante cubrirá a ficha de inscrición e responsabilizarase dos datos facilitados dentro dun sobre pechado.
Por cada mostra presentada ó concurso, a persoa participante enviará dous (2) envases de mel, de vidro, de 1/2 kg, sen etiqueta comercial, pero identificados cun número, no caso de enviar máis dunha mostra.
As mostras serán enviadas ou entregadas en Arzúa, no Centro do Queixo e do Mel, no seguinte enderezo: Asociación Galega de Apicultura-AGA. Feira Nova. Santa María s/n. 15819 Arzúa. A Coruña.
O Comité organizador procederá a adxudicarlles un número ós envases de cada categoría e o sobre coa documentación no seu exterior.
Base sexta. Admisión
Serán admitidas ó concurso as mostras que cumpran as condicións especificadas nestas bases (base segunda).
Os envases que non estean dentro dos parámetros esixidos serán eliminados, dado que non se admite ningún outro tipo de envase, e aos seus propietarios seralles aplicable así mesmo o estipulado no segundo parágrafo da base sétima.
Cada produtor ou produtora poderá presentar ó concurso como máximo tres (3) mostras a dúas (2) categorías diferentes, sendo unha para mel multifloral e dúas para monofloral (Base terceira).
Tanto os membros do xurado coma os do Comité organizador non poderán participar no concurso.
Base sétima. Avaliación das mostras
As mostras que superen a fase laboratorial e visual serán sometidas a unha cata cega polo Comité de cata, que puntuará as características organolépticas e mais a cor, o arrecendo, o gusto e a textura.
As persoas participantes que non superen as probas mínimas de laboratorio serán penalizadas (30 €); quen as supere pasará ó concurso. No caso de non aboar a penalización, esa persoa non poderá participar máis no Concurso Mel Cinco Estrelas de AGA ata resarcir a dita débeda.
Base oitava. Premios
Os meles que acaden a máxima puntuación en cada categoría serán os Meles Cinco Estrelas.
Distincións: os Meles Cinco Estrelas no primeiro premio recibirán un diploma acreditativo e os selos 5 estrelas que certifiquen o premio nos envases postos á venda.
Os meles premiados en segundo e terceiro lugar recibirán á súa vez un diploma referente ó posto conseguido neste ano e na respectiva categoría.
Realizarase a compra dun lote de meles por parte de AGA, por un valor de 1.200 €, para repartir entre os gañadores do primeiro premio, co obxecto da súa promoción nos actos da asociación, degustacións, feiras do mel etc.
Base novena. Compromisos
Polo feito de participar, os e as concursantes aceptan estas bases e sométense ós criterios do Comité organizador e á resolución do Comité de cata do concurso, que será inapelable.
A resolución do concurso será feita pública antes do 30 de novembro.
As persoas premiadas comprométense a usar nos seus Meles Cinco Estrelas, durante un ano, ou ata rematar as existencias, os selos identificativos que lles proporcione a organización nos seus envases.
Tamén se comprometen a vender o mel premiado a un prezo mínimo fixado cada ano polo Comité organizador. Para o efecto do ano 2021, o prezo mínimo será de 12 € para o envase de 1 quilogramo, e 7 € o envase de medio quilo.
A participación terá un custo que aparece na ficha de inscrición.
Nesta terceira edición do ano 2021 a participación dos socios e das socias de AGA será de balde para a primeira mostra, e para o resto (segunda e terceira mostras) terá un custo de 30 € cada unha.
Para os non socios/as que desexen participar no concurso o prezo será de 40 € para a inscrición e participación por mostra.
No caso de resultar o mel descualificado, por non cumprir os parámetros esixidos en cada categoría, haberá unha penalización de 30 €, de acordo co segundo parágrafo da base sétima.