Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

I FEIRA “ALVARIZA” INTERNACIONAL DE APICULTURA DE LALÍN. RESUMO

(13 / 04 / 2022)
I FEIRA “ALVARIZA” INTERNACIONAL DE APICULTURA DE LALÍN. RESUMO

Esta fin de semana pasada, o 9 e 10 de abril, tivo lugar en Lalín, na carpa do cocido do Campo da Feira, a I Feira “Alvariza” de Apicultura, na que participaron uns 46 stands do diverso eido apícola, desde o asociacionismo, os produtos das abellas, o material apícola ata as innovacións nos tratamentos, e incluso algúns produtos bos acompañantes do mel. Esta feira representa un fito no devir dun acontecemento desta envergadura na nosa comunidade autónoma. Hai que parabenizar o Concello de Lalín e o organizador do evento, David Liñares, quen amosou unha mostra de superación, capacidade e boa disposición.

Nesta feira houbo presenza das principais organizacións apícolas de Galicia. Entre elas estivo a Asociación Galega de Apicultura-AGA, cunha caseta asistida polo seu persoal veterinario e varios membros da Xunta Directiva, en que se presentaba a nosa asociación e ofrecía a nosa mercadotecnia de publicacións, material diverso e os meles premiados no Concurso Cinco Estrelas. Así mesmo, divulgábase o programa de Apiturismo e as nosas actividades. Numerosos socios e visitantes das catro provincias e visitantes achégaronse a nós para departir sobre AGA, o mundo das abellas e a situación das colmeas hoxe en día.

Á parte das degustacións por dosificadores de todos os meles presentes na feira, houbo a presenza na venda ao público dos meles do concello de Lalín e comarca, na que participaron maioritariamente socios de AGA, tales como Antoxo do Carrio, Ribeira do Deza, Mel A Uxeira, Abella Lupa, De Liñares e Mel Pájaro, así como de varios meles específicos e representativos do panorama melifluo de toda Galicia.

 

 As degustacións estiveron acompañadas por cadansúa cata de meles de Beatriz Ríos Cebreiros, da IXP Mel de Galicia, e de cadanseu showcooking nos dous días, que foron unhas actividades moi aplaudidas pola asistencia.

A concorrencia das principais casas comerciais galegas e portuguesas tamén foi abundante, que se viu culminada por dúas demostracións en vivo dunha fundidora de cera por vapor de auga.

As charlas e os relatorios tiveron como participantes activos a varios dos nosos socios nas materias da súa incumbencia investigadora e de análise, como Xosé Manuel Durán (biodiversidade e bioapicultura), Martiño Nercellas (a fábrica da cera nos mosteiros como enerxía) e Marcos e Jara Varela (criterios selectivos do apiario). Outros relatores e relatoras trataron sobre os polinizadores, a xenética e a selección da abella negra, a IXP e o novo distintivo de “artesanía alimentaria” da Consellería do Medio Rural.

Os pícaros tiveron obradoiros infantís apropiados e os adultos puideron percorrer a andaina abelleira pola serra do Candán na inauguración da respectiva ruta de apiturismo o sábado.

Novas relacionadas

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad