Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

Grupo de Cría e Selección da Abella Negra Galega

(22 / 12 / 2022)

 

Circular informativa para os posibles apicultores fornecedores de material xenético apícola, criadores e testadores de raíñas seleccionadas da abella negra. AGA fai parte deste grupo aberto xunto coas demais entidades apícolas de Galicia e outras persoas independentes.

 

Grupo de Cría e Selección da Abella Negra Galega

 

Desde hai un tempo estamos a vivir unha transformación importante da nosa apicultura. Por unha parte, motivada polas ameazas crecentes da varroa e a velutina. Por outra, está a contaminación do medio natural e o cambio climático que afecta a súa alimentación e as nosas producións.

Outra das transformacións que estamos a vivir é a arriscada introdución de abellas alleas con xenética distinta á nosa. Un feito que está a acontecer de xeito crecente en toda Europa e tamén na Península Ibérica. Seguramente como falsa solución ás ameazas anteriormente expostas, ofrecendo supostas vantaxes de manexo e produtividade.

Pero en Galicia aínda estamos a tempo de dar solución a este perigoso problema. A nosa abella negra segue a ser maioritaria na maior parte do territorio. Cada vez contamos con máis criadores experimentados na selección e os retos que temos por diante piden que as nosas colonias se adapten aos tempos. Para iso, o camiño pasa por xuntar esforzos e compartir coñecementos de todos os que formamos o sector apícola galego.

Para traballar polo noso propio futuro cremos necesario a creación dun Grupo en Galicia que reúna todo o sector: abelleiros, criadores, asociacións, outras organizacións… traballando pola resiliencia da nosa abella negra adaptada á nosa terra, con capacidade de produción e resistencia a doenzas que fose accesible a todos os apicultores galegos.

Os obxectivos iniciais deste Grupo de Cría e selección da Abella Negra Galega son:

  1. Ampliar a oferta de nais e outro material biolóxico para a reposición efectiva de baixas e facela visible e accesible a todo o sector a través das asociacións apícolas e casas comerciais.
  2. Mellora da abella propia de Galicia defendéndoa da introdución de subespecies alleas para evitar a perda do noso patrimonio xenético.
  3. Unificación de criterios selectivos e da calidade mínima das nais criadas mediante programas de cría.
  4. Creación e coordinación dunha rede de abelleiros de campo para a avaliación e probas de rendemento dos xenotipos seleccionados polos programas de cría.
  5. Posibilidade de compartir recursos: inseminación artificial, apiarios de fecundación, etc.
  6. Coordinación e apoio dos centros de investigación de Galicia.
  7. Solicitude de axudas públicas para a mellora da abella negra galega.
  8. Organización de xornadas de formación continua e divulgación dos resultados acadados para coñecemento de todo o sector apícola.
  9. Contacto e transferencia de información e coñecementos con outras agrupacións de criadores de Apis mellifera iberiensis.
  10. Regulación do mercado en canto á calidade e aos prezos do material biolóxico de crianza.
  11. Intercambio de información e técnicas.

Para acadar estes obxectivos precisamos a colaboración de apicultores que fornezan de cepas de abellas que consideren de interese, de criadores dispostos a criar estas liñas seleccionadas e de apicultores testadores que avalíen as novas colonias que se vaian formando.

Desde a Asociación Galega de Apicultura-AGA convidamos a todos os socios e socias interesados neste proxecto de mellora da apicultura galega a asistir a unha reunión informativa que terá lugar o vindeiro día 4 de febreiro de 2023, pola tarde, en Arzúa, na celebración do Día do Apicultor.

Apertas abelleiras

Asociación Galega de Apicultura-AGA

Acceder

Registro

Restablecer la contraseña

Por favor, introduce tu nombre de usuario o dirección de correo electrónico y recibirás por correo electrónico un enlace para crear una nueva contraseña.

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad