Congratulámonos en anunciarvos que o vindeiro sábado 20 de decembro celebraremos no mercado de Abastos da cidade de Lugo a 1ª Feira do mel de Nadal, coa que aga pretende difundir o fermoso mundo das abellas e dos produtos da colmea entre a cidadanía, e achegar os mellores meles do país á cidadanía lucense. Nesta feira, que terá as portas abertas de 9:00 a 19:00h, faranse dúas charlas sobre o mundo apícola e os meles galegos, ao que seguirá posteriormente unha cata de meles galegos, que terán lugar ás 12 da mañá e ás 17 da tarde, abertas e gratuítas a tódolos públicos.
Queremos tamén sinalar que os postos de mel e produtos da colmea que acudirán á devandita feira, serán unha boa representación dos meles do país, xa que foron escollidos entre os gañadores e participantes do concurso de Mel 5 Estrelas, o concurso de mel galego cun maior número de mostras e polo tanto, participantes, e que está aberto ao conxunto da comunidade apícola, perténzase ou non á Asociación Galega de Apicultura.
Por esta razón, os postos que nos atoparemos nesta Feira do mel de Nadal de Lugo responderán aos meles galegos de maior calidade, producidos con agarimo, esmero e bo facer, sendo unha boa representación dos mellores meles da nosa terra, cun foco especial nos produtores da provincia de Lugo e nos participantes da provincia e premiados en xeral.
O contexto e esixencias da apicultura actual fan que sexa de vital importancia reivindicar cada gramo de mel que obtemos, e o noso vínculo íntimo coas abellas e a terra. Para as/os apicultoras/es galegas/os isto é un proxecto de vida, no que a maior parte das veces non hai unha soa persoa atrás, senón familias enteiras e proxectos de vida libres apegados á natureza, que vivides dignamente formando parte indispensable, e non destruíndo, o contexto natural que herdamos.
