Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS

(18 / 05 / 2022)

DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS E DOS INSECTOS POLINIZADORES

Venres, 20 de maio de 2022

As abellas unha gran causa local, comarcal, autonómica, estatal, europea e mundial

O 20 de maio é unha data para lembrarmos todos os anos os apicultores e apicultoras, así como as persoas amantes e protectoras da natureza, da vida na terra. Nela celébrase o Día Mundial das Abellas no planeta Terra, sobre unha iniciativa da ONU e da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura).

Esta quinta celebración que celebra a Asociación Galega de Apicultura-AGA, neste ano 2022, dinos  moito sobre a importancia das abellas e dos outros polinizadores, tales como as bolboretas, os abellóns ou abesouros, as avespas, algunhas moscas, os morcegos, algúns paxaros etc., no ámbito  da alimentación humana, da dos animais dos que nos alimentamos os seres humanos e mais da dos animais salvaxes dos nosos campos e montes. Xa que da polinización que realizan todos estes bichos laboriosos e beneficiosos depende a reprodución de preto do 90 % das plantas salvaxes de flores do mundo, así como o 75 % dos cultivos locais de subsistencia e o 35 % das terras agrícolas no noso planeta.

Xa que logo, os polinizadores (entre eles, as abellas e os abellóns) non soamente contribúen directamente á seguridade alimentaria, senón que xogan un papel determinante na preservación da natureza, da biodiversidade e do equilibrio ecolóxico.

Como factor fundamental neste eido, debemos sinalar que a polinización é o primeiro produto que nos ofrecen á humanidade as abellas e esoutros insectos polinizadores na natureza. Teñamos en conta que a polinización natural que realizan as abellas reproduce moitas plantas e árbores, o que dá lugar a unha produción de froitos máis numerosos e meirandes e, á súa vez, máis accesibles económica e comercialmente para a nosa alimentación.

Os cultivos nutritivos e variados de kiwis, améndoas, cereixas, amorodos, framboesas, melóns, peras, mazás, ameixas…; berenxenas, cogombros, cabazas, fabas e feixóns, tomates…; ademais de abelás, noces, limóns, pexegueiros, chícharos, pementos…;  e a reprodución das sementes de cenoria, apio, allo, remolacha, col, repolo e nabo, colza ou xirasol, cebola e porro, entre outros, dependen e collen valor pola fecundación realizada polas abellas. E non esquezamos, evidentemente, a diversa e rica flora natural dos nosos montes, desde os breixos, carpazas e queirogas ata os castiñeiros, as silveiras e os eucaliptos, que nos ofrecen os exquisitos e afamados meles monoflorais que se producen en Galicia.

Son tempos chegados de reaccionar e de que a sociedade se sensibilice e mobilice en accións para protexermos na nosa comunidade autónoma de Galicia estes insectos polinizadores, co fin de que os responsables gobernativos, políticos, agricultores e demais persoas que actúan no medio e no solo tomen conciencia do problema da súa desaparición.

Esta Día Mundial das Abellas non é motivo de ningunha celebración festeira, pois a taxa de extinción dos polinizadores vai de 100 a 1.000 veces máis alá do normal. Así, en Galicia o 35 % dos nosos insectos polinizadores están en perigo de extinción.

A pesar dos esforzos das abelleiras e dos abelleiros galegos por reproduciren as súas colonias de abellas, do 20 % ao 30% desaparecen cada ano. Son cifras de escándalo e moi prexudiciais nunha gandería natural e extensiva.

Por que ese declive das abellas? Ademais dos axentes patóxenos como os virus, os parasitos, os fungos e determinados ácaros como a Varroa destructor e depredadores como o tártago negro de patas amarelo (Vespa velutina), as causas son múltiples, xa que as prácticas agrícolas intensivas, os monocultivos e os desertos verdes de eucaliptos sen aproveitamento melífero ou nectarífero, o uso de pesticidas, insecticidas e herbicidas, os efectos do cambio climático (como as altas temperaturas, as secas, os asolagamentos e, sobre todo, as perturbacións nas floracións) e mais o cambio de uso das terras figuran entre as principais ameazas que sofren as abellas e os outros polinizadores.

Para que a produción de mel non siga na liña descendente dos últimos anos, pois caeu o 50 %, cómpre ter na nosa paisaxe árbores de especies melíferas diversas, co obxecto de enriquecer e variar a alimentación natural das abellas, porque co reforzamento do seu alimento conseguimos un medio eficaz para preservar estes insectos.

E que podemos facer nós polas abellas?

De xeito individual:

plantar plantas ou árbores diversas na nosa horta ou xardín, e aínda mellor se florean en épocas distintas;

mercar mel e pole dos abelleiros locais;

comprar produtos alimenticios orixinarios de prácticas agrícolas perdurables;

apadriñar colmeas dalgún apiario, para obtermos un bote do seu mel;

manter unha reforestación diversa e produtora de pole e néctar;

sensibilizar as xentes da nosa contorna sobre o feito de que a desaparición das abellas nos afectan a todos.

Apicultores ou agricultores:

evitar o uso de pesticidas tóxicos para os polinizadores e os ecosistemas;

non sulfatar os cultivos en plena época de floración, ou, de ser preciso, facelo na caída da tarde, por teren as abellas menos actividade;

diversificar os cultivos en todo o posible;

crear sebes ou barreiras vexetais e deixar zonas verdes a poula con plantas melíferas.

Gobernantes, políticos e empresas ambientais:

reforzar a participación das comunidades, sociedades e propietarios de montes locais na toma de decisións de futuro ecolóxico;

esixir dos ministerios e das consellerías de agricultura e medio ambiente as políticas de apoio a unha PAC verde e sostible;

poñer en marcha medidas estratéxicas para axudar ao cambio de produción agrícola;

implementar a colaboración na investigación universitaria para controlar e vixiar os servizos de polinización.

O noso futuro alimenticio está na polinización natural efectuada polos polinizadores. Protexámolos! Coidémonos!

As abellas sobreviven desde hai millóns de anos no noso planeta e sobrevivirán sempre. E nós, os humanos, sobreviviremos sen o seu incesante labor?

Neste ano 2022, desde a Asociación Galega de Apicultura-AGA invitámosvos a contemplar as abellas, observalas no seu labor polinizador, gravalas e probar os seus exquisitos produtos. Participa no noso concurso de vídeos.

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad