
O 20 DE MAIO : DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS
A biodiversidade das plantas, das árbores e das flores: diversidade dos insectos e das abellas, melíferas e silvestres
O sábado día 20 de maio celébrase por todo o mundo o Día Mundial das Abellas. As abellas son uns insectos comúns coma os demais, cunha grande achega para a natureza e a humanidade a través da polinización. Hai que salvalos. A nivel mundial xa hai unha campaña de “Salvemos as abellas”. Pero como abelleiras e abelleiros debemos ir máis alá.
Este día non debe ser único senón unha cotiandade para todos os insectos, incluídas as abellas, pois eles e elas aliméntanse todos os días e precisan dunha variedade vexetal e de flores ao longo de todo o ano, para alimentarse, gorecerse, reproducirse e sobrevivir.
Desde AGA e as DAGAs, en varias localidades e centros educativos da comunidade autónoma, analizamos neste día a sobrevivencia das abellas e dos insectos polinizadores nunha biodiversidade floral que precisan para o desenvolvemento das súas colonias e individualidades.
Os insectos están a desaparecer. Pódenos semellar que non é unha gran cousa que se perde, mais resulta preocupante, sobre todo porque o fenómeno parece estenderse agora aos nosos bosques ou fragas.
Os insectos non se libran da extinción masiva que parece ter comezado desde hai uns anos atrás. A súa desaparición está ben documentada nas zonas agrícolas —o uso de praguicidas cada vez máis eficaces, a eliminación de sebes, o aumento do cultivo do millo etc.—. Agora, os investigadores da Universidade de Darmstadt (Alemaña) fixeron unha nova achega aos achados: nos bosques, a maioría das especies de insectos tamén están en declive. E sinalan un declive máis acusado nas repoboacións forestais; en cambio, os bosques autóctonos parecen ser os máis preservados. Como para pensar algo ao respecto!
Na nosa Galicia tamén podemos observar como ese declive se estende nas plantacións forestais de monocultivos arbóreos sen floracións e sen sotobosque; un auténtico deserto verde falto de biodiversidade floral e da entomofauna pode ocupar unha gran parte da nosa superficie.
Para contrarrestalo, os investigadores xa propoñen fomentar unha composición máis natural das especies arbóreas e limitar a corta de madeira.
Se non se fai nada, poderían desaparecer para sempre, e nosoutros, sen ningunha dúbida, con eles. Porque dependemos destas pequenas criaturas moito máis do que pensamos.
A herdanza que lles debemos ás novas xeracións, e non só no papel e nun día senón na práctica e coa conciencia de todos os días, é a dun mundo diverso, cunha nova agricultura sostible, cunha agroforestería, cunhas repoboacións forestais variadas e multifuncionais e con ecoesquemas poliníferos nas nosas veigas e montes, onde as abellas, os abellóns, as bolboretas, os escaravellos e os demais insectos cumpran as súas funcións vitais, que son todas elas esenciais para nós.
Todo se resume nun termo para aceptar: (bio-)di-ver-si-da-de!!!
CONCURSO INFANTIL NO MORRAZO
CENTRO GAÑADOR: CPR PLURILIGÜE SAGRADA FAMILIA (CANGAS)
CONCURSO INFANTIL NA COMARCA DO DEZA
CENTRO GAÑADOR: CEIP PLURILINGÜE CERDEIRIÑAS (VILA DE CRUCES)