Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

DEBATE NO PARLAMENTO DE GALICIA DA PROPOSICIÓN NON DE LEI SOBRE AS ACTUACIÓNS QUE DEBE IMPULSAR A XUNTA DE GALICIA CO FIN DE FREAR A PROLIFERACIÓN DA AVESPA ASIÁTICA

(05 / 01 / 2024)

DEBATE NO PARLAMENTO DE GALICIA DA PROPOSICIÓN NON DE LEI SOBRE AS ACTUACIÓNS QUE DEBE IMPULSAR A XUNTA DE GALICIA CO FIN DE FREAR A PROLIFERACIÓN DA AVESPA ASIÁTICA

O Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou, por iniciativa de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) —participante no I Congreso de Control da Vespa Velutina de Chantada—, Diego Lourenzo Moura e Carme Aira Díaz unha Proposición non de lei no Pleno (PNP) sobre as actuacións que debe impulsar a Xunta de Galicia co fin de frear a proliferación da Vespa velutina nigrithorax ou tártago negro de patas amarelas (publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia nº 607, fascículo 2, do 5 de decembro de 2023, páxs. 230575-230579), que despois dunha exhaustiva exposición de motivos insta a Xunta de Galicia a:

“— Crear un Comité Asesor de carácter transversal que coordine e informe todas as experiencias, investigacións e estratexias de control desta especie invasora.

— Neste Comité estarían representados todos os sectores afectados por esta especie invasora e predadora.

— Deseñar e levar a cabo unha campaña de trampeo masivo para a próxima primavera de parte da Administración previo asesoramento do citado Comité.

— Deseñar e levar a cabo un Plan Piloto de Control Remoto arredor de varias zonas representativas da presenza e presión do tártago, avaliación de resultados e análise no Comité Asesor, da súa implantación.

— Facer públicos os datos de Seaga a respecto da retirada de niños, localización, incidencia, se é o caso, trampeo…”.

O que vén sendo todo un compendio das conclusións elevadas a coñecemento público no I Congreso de Control da Vespa Velutina polas entidades representativas do sector apícola de Galicia.

Pódese ver a iniciativa parlamentaria completa na seguinte ligazón:

https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/BibliotecaBoletinsOficiais/B110607_2.pdf

A esta iniciativa parlamentaria non se presentou ningunha emenda nin suxestión de transacción. Poderíase pensar daquela nunha aceptación por parte de todos os grupos da Cámara.

Mais de primeiras, o asunto xa non foi por aí, pois rexeitáronse preguntas parlamentarias sobre o mesmo tema na Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, e iniciouse cun erro lingüístico de carácter terminolóxico dos servizos do Parlamento ao non designar no resumo da(s) iniciativa(s) de xeito correcto en galego a identificación do insecto invasor alóctono, ben coa nomenclatura científica en latín, ben coa designación propia do galego: tártago —que lles pregunten nos Ancares, na bisbarra do Courel-Quiroga e en toda zona leste da provincia de Ourense como identifican a Vespa crabro ou tártago autóctono ou europeo—, que os propios autores reflicten nas diversas iniciativas parlamentarias que presentaron. Así imos mal, pois xa confundimos desde un principio as avespas e os tártagos, (coma se falaramos do mesmo) que desde o punto de vista apícola non teñen un mesmo significado e si unhas consecuencias ben diferentes. E a confusión, segundo o novelista estadounidense Henry Miller, é unha palabra que inventamos para unha orde que aínda non se entende. E non se entende, non.

Na derradeira sesión plenaria desta lexislatura, que tivo lugar o día 20 de decembro, debateuse esta PNP, onde interviñeron os tres grupos parlamentarios representados na Cámara autonómica galega.

Xosé Luís Rivas Cruz, autor da PNP, do BNG, apicultor, estendeuse máis alá da exposición de motivos na realidade do problema, dado que identificou as consecuencias que suscita o tártago negro de patas amarelas (Vespa velutina) nas colonias de abellas, sinalando os danos no sector vitivinícola e frutícola, nos insectos polinizadores e as repercusións na alimentación humana; identificou os lugares de asentamento dos niños tartagueiros primarios e secundarios sobre o terreo, e incidiu na tardía retirada deles, dando datos desta facilitados por parte de Seaga, así como da súa neutralización; indicou a ameaza que supoñen as picadas para a saúde humana e os traballos agrícolas e forestais; afondou na enorme emerxencia social pola presenza de niños tartagueiros e a invasión de todo o territorio galego; destacou a necesidade de investigación, que “ten que ir polas ferormonas” (sic); propuxo a realización dun trampeamento primaveral controlado e masivo; expuxo os métodos de eliminación dos tartagueiros e explicou os métodos de control utilizados polos abelleiros, dando unha explicación polo miúdo do control remoto nun plan experimental de control e avaliación; resaltou a necesidade de coordinación entre todas as administracións implicadas; e rematou a súa intervención por presentar os principais acordos do I Congreso de Control da Vespa Velutina recollidos arriba, concluíndo que “o peso destas accións non debe quedar encima dos apicultores” (sic).

Na súa intervención, Martín Seco García, do PSdeG, relatou a identificación que ten a sociedade deste insecto alóctono; expuxo as demandas ao Goberno galego para que tome medidas e criticou a autocompracencia do Goberno galego ao pensar que nesta materia está todo feito, cando en Galicia a velutina representa un serio problema (sic); anunciou a preocupación da cidadanía e a desesperación dos sectores vitivinícola, frutícola e apícola, así como os custos e as perdas económicas que supón para eles; presentou tamén os problemas de saúde que causa a Vespa velutina e os efectos ambientais e na polinización.

Así mesmo, relatou a manifestación do sector en Lugo debido á falla de medidas eficaces por parte da Administración (sic); cuestionou a eficacia do plan de retirada de niños tartagueiros, “tarde, mal e arrastro”(sic).

Solicita que se escoiten os produtores e así mesmo os investigadores e que se vexa o que están a facer nesta loita de control noutras comunidades autónomas, porque está habendo resultados mellores. Pola súa vez, describiu os diferentes métodos de loita, dos que destaca o trampeamento primaveral de raíñas, a eliminación dos niños primarios e o control remoto cos troianos. Recolle a solicitude dos apicultores de atallar o problema moito antes do que se fai actualmente e que a campaña de trampeamento sexa organizada pola Administración autonómica, xeneralizada, masiva e coordinada, coa participación da cidadanía e dos concellos (sic), pois non se lle pode atribuír esta acción só aos apicultores (sic).

Recolle a creación do Comité asesor coa participación de todas as administracións e a recollida de datos por parte de Seaga, para analizalos posteriormente, así como os proxectos piloto propostos para o control remoto. Advirte de que a Xunta non pode quedar só na acción da retirada de niños.

Finalmente, anuncia o apoio a esta iniciativa do Grupo Parlamentario dos Socialistas e demanda que a Xunta se poña á fronte desta situación problemática, que vai ir a máis.

José Antonio Armada Pérez, do PP, dixo que este é un problema grave e importante que a Administración da Xunta de Galicia o considera como tal. E dadas as declaracións dos anteriores intervenientes, aclara que a Xunta de Galicia ten actuado neste asunto, dando datos de que no ano 2014 xa se puxo en marcha un Programa de vixilancia e control da Vespa velutina e de que no ano 2020 impulsou de forma coordinada e conxunta coa Fegamp un Plan de retirada de niños en todo o territorio galego, que conta con 311 concellos. Polo que non se pode dicir que a Xunta non puxo en marcha medidas para combater a invasión deste insecto (sic). Namentres a oposición traia máis iniciativas sobre este tema, a Xunta vai seguir afondando en buscar unha solución coa colaboración da poboación e do resto das administracións.

O gran incremento neste ano do número de niños de velutinas débese a unhas condicións climatolóxicas axeitadas para a expansión deste insecto, nas que non tivo nada que ver a Xunta de Galicia (sic). O señor Armada detallou o número de avisos e sinalou que Emerxencias puxo ao dispor numeroso material para a retirada de niños, falou do 40 % de niños a maiores retirados respecto do ano 2022 e das mínimas queixas dos cidadáns sobre a retirada (sic).

Respecto do sector apícola, a Xunta desde o 2019 ata o 2023 incrementou substancialmente as axudas aos apicultores no Diario Oficial de Galicia (sic), polo que está comprometida coa importancia deste sector e en buscar solucións aos problemas que sofre. A Administración galega está implicada tamén en combater a Vespa velutina, e para iso, desde o ano 2020, faise o reparto de trampas e atraentes aos apicultores entre xaneiro e marzo a través das oficinas agrarias (sic, sic). Innegable! No ano 2021 incrementouse o financiamento das axudas para o sector apícola.

Sobre a retirada de niños, pensa que a Consellería do Medio Rural cumpriu e facilitou toda a información completa e púxoa á disposición da investigación e universidades e de todas as asociacións que o solicitaron (sic).

No tocante ao plantexamento dun comité, está claro que moitos se poñen de lado, empezando polo Partido Socialista, porque non é un problema exclusivo de Galicia, e falla que se fixera alusión ao Goberno do Estado para que invista fondos para buscar solucións a este problema (sic). Galicia, segundo el, está asumíndoo con cifras.

Respecto do sistema dos troianos, afirma que hai apicultores que aplicaron este sistema e houbo éxitos e fracasos. É unha loita biolóxica, e aí é onde hai               que realizar a investigación, porque coas ferormonas pódense atraer as velutinas (sic).

Sábese de diferentes métodos: mover colmeas, serpas, koldo, sistemas labirintos, pero son solucións que non van erradicar o problema. No eido da investigación é onde se vai implicar o Partido Popular e a Xunta de Galicia (sic).

A Xunta de Galicia vai seguir apostando por apoiar o sector apícola pero, sobre todo, vai seguir apostando por buscar solucións (sic).

Na rolda de réplica, o señor Rivas Cruz (BNG) sinala que non se quere talmente entender a iniciativa parlamentaria, por seren os abelleiros un colectivo con conciencia, respecto e preocupación ambiental, que saíu á luz en numerosas ocasións para dar solucións máis ecolóxicas cando se presentaron (sic). Recalca que no Principado de Asturias o sistema do control remoto cos troianos está amparado pola Administración, polo que solicita que se probe a súa experimentación en Galicia. Para o efecto, compara a enormidade dos tratamentos biocidas de fipronil nos animais de compañía (9,3 millóns de cans no 2022) relacionada coa insignificancia dosificación dos “troianos” dos abelleiros, así como do uso dun determinado herbicida. Observa que non se está a falar dunha medida desmedida de uso de biocidas, senón dunha proba aplicada e controlada en condicións preto de apiarios para comprobar a diminución da presenza de velutinas. (O señor Armada Pérez nega coa cabeza.)

Ante a dúbida, solicita que se poña en marcha o comité asesor demandado coa participación dos sectores afectados. Afirma que a Consellería do Medio Ambiente non ten vontade e que se pon de perfil cando en Galicia temos competencias plenas na materia (sic). O problema é moi gordo. Non foi a meteoroloxía a que fixo a expansión en Lugo, senón a progresiva colonización do territorio deste bicho, que sabe adaptarse á marabilla (sic).

A velutina estanos rebentando o equilibrio dos polinizadores, dos que falta o forte zoar, e estanos poñendo en perigo alimentación e a propia xente. O problema soluciónase nas áreas urbanas poboadas porque hai votos. E non é cuestión diso, senón de poder vivir nas aldeas normalmente.

Polas razóns anteriormente expostas e pola votación da maioría das señorías presentes na Cámara, esta PNP foi desbotada por 32 votos a favor, 39 votos en contra e ningunha abstención. Polo que as abellas perderon e as velutinas gañaron. E así as abelleiras e os abelleiros galegos a esperar e a ver vir as velutinas a tope nos seus apiairos ou alvarizas no vindeiro 2024.

SIC DIXERUNT = Tal cal dixeron.

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad