Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

DAGA MULLERES ABELLEIRAS DE GALICIA

(16 / 08 / 2022)

Dende AGA levamos xa un tempo dando a coñecer o traballo das mulleres da apicultura galega e vendo a necesidade de visualizar a todas as apicultoras que están asociadas (xa que representan o 25 % da masa social) ou relacionadas coa nosa entidade. Por esa razón pensamos en formar unha delegación específica dentro da Asociación Galega de Apicultura para darlle cabida a este proxecto.

O ámbito territorial de funcionamento desta DAGA será o da comunidade autónoma de Galicia. Así mesmo, esta DAGA Mulleres Abelleiras formará parte do Consello Apícola e integrarase no Consello das DAGAs.

Por este motivo convidámosvos a que acudades á fundación da DAGA MULLERES ABELLEIRAS DE GALICIA o día 3 de setembro, ás 18.30 h, en Allariz, co gallo da celebración da IV Feira de Produtos Apícolas.

Seredes benvidas todas as mulleres socias, así como as familiares directas de primeiro grao de calquera socia ou socio. Só as socias directas terán dereito a formar parte dos órganos de xestión da delegación. As outras mulleres adscritas a esta DAGA terán voz e voto nas decisións de actuación.

Con este proxecto e cun programa anual estableceremos uns lazos para que as mulleres apicultoras de Galicia, así como as mulleres colaboradoras en moitas tarefas abelleiras, teñan voz e ensinen ao mundo todo o enorme valor do seu traballo e bo facer apícola.

Para calquera dúbida podedes escribir a dagamulleres@apiculturagalega.gal e para anotarse teredes que cubrir o seguinte formulario.

 

Esperámosvos a todas!

 


Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad