FORMULARIO PLAN APÍCOLA 2022
Por medio da Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) cada ano estase a regular a Orde pola que se establece o réxime de axudas á apicultura, a cal se adoita publicar ó longo do mes de maio. A súa tramitación comporta un prazo moi limitado e presenta serias dificultades para podermos atender as numerosas solicitudes de todas as nosas persoas asociadas.
Por outra parte, debemos sinalar que estas axudas son unha subvención á apicultura que se conceden a unha persoa ou entidade asociativa por ter cumprido certos requisitos e actividades relacionadas coa nosa actividade. Polo tanto, son percepcións que se perciben despois de ter realizado a compra ou o aboamento dos produtos que cadaquén precise neste eido. Resulta necesario aclarar que as subvencións son para cubrir determinadas necesidades das asociacións ou da xente abelleira. Non son unha dádiva que nos conceden así como así as tres administracións actuantes: comunitaria, estatal e autonómica, senón unha axuda.
No ano 2021 as liñas que se subvencionaron para os apicultores e apicultoras foron:
- Lina B1 e B2, «Tratamentos»: o 90 % da base impoñible dos produtos convencionais e o 100 % para as persoas abelleiras inscritas no CRAEGA.
- Liña B5.1, «Trampas e atraentes contra a Vespa velutina (tártago negro de patas amarelas)»: en función do número decolmeas rexistradas e dos apiarios, cunha subvención do 100 % da base impoñible.
- Liña B4.1, «Alimentación»: subvención previsible do 90 % da base impoñible, pero cun límite máximo de 4 € por colmea.
- Liña B4.2, «Cera»: límite máximo de 6 € por colmea (cun 90 % de subvención da base impoñible).
- Liña C4, Seguro»: só se subvenciona a parte de responsabilidade civil, que vén sendo na nosa póliza de 0,08 €/colmea (o 80 % de 0,10 % de RC).
- Liña B5.2, «Métodos de eliminación, disuasión e control da Vespa velutina (fondos sanitarios) »: máximo de 3 € por colmea .
Non debemos esquecer que este inxente labor administrativo co que corremos as asociacións é unha carga que nos impón a Administración de cara a facilitar a xestión e mais a agrupación das axudas e a súa tramitación perante ela. Por iso neste ano 2022 o desenvolvemento do Plan Apícola (PA) pódese facer en dúas fases: a) unha inicial de provisión de material —que xa se iniciam agora— e b) outra de aprovisionamento de tratamento sanitario —que se iniciará a partir da Orde de publicación de axudas da Consellería—.
Con base nestes fundamentos, como desde AGA non nos abarcan os fondos para os anticipos necesarios (varios centos de miles de euros), vémonos na obriga de seguir as pautas marcadas para todas as subvencións, a saber, primeiro, págase e, posteriormente, percíbese a cantidade asignada na subvención pola propia Administración autonómica.
Esta cantidade subvencionada é repartida pola Administración con base na base impoñible (o que quere dicir que non entran nela o IVE nin os gastos de xestión ou de transporte, nin tampouco a reciclaxe do tratamento convencional) e de acordo co número total de solicitudes presentadas en cada liña. Isto quere dicir que hai uns topes máximos (que incluso non alcanza a porcentaxe marcada na orde, pois xa está previamente determinada, como, por exemplo, no caso dos fondos sanitarios), mais este sinalamento non indica que este máximo sexa fixo, senón que pode variar en función da repartición que lle corresponda a cada concepto ou liña.
Ademais, como as necesidades do mundo e da xente abelleira son reiterativas ó longo destes últimos anos e as propostas de prioridades da Administración se manteñen bastante estables desde a súa instauración (con lixeiras modificacións), co obxecto de facilitarmos a tramitación do Plan Apícola e de cubrirmos as necesidades das nosas persoas asociadas, ábrese o prazo xa para a presentación de solicitudes de material para incluír no Plan Apícola 2022.
Rógaselles ás persoas asociadas que intenten pedir o que precisen nestes momentos, exceptuando os tratamentos, os cales teredes que solicitar obrigatoriamente, a través de AGA, a partir da publicación da Orde de axudas á apicultura deste ano (maio) no correspondente Diario Oficial de Galicia.
Para recibir a subvención de todo este material que se vai solicitar con antelación, deberanse cumprir os requisitos que se establezan na orde correspondente e que probablemente sexan os mesmos que o ano pasado:
- Estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola de Galicia antes do 1 de xaneiro de 2022.
- Ter actualizado o Caderno Apícola co resultado de «Conforme» coa data de validación, o selo e a sinatura do/a veterinario/a da correspondente Oficina Agraria. O prazo remata o 28 de febreiro do 2022.
- Ter contratado un seguro de colmeas a través de AGA ou por conta propia.
SOLICITUDE DE MATERIAL DO PLAN APÍCOLA 2022
Poñemos en coñecemento dos socios e das socias que este ano hai que pagar o 100 % do custo de cada produto, xa que AGA non pode asumir o adianto da subvención que representa ese 100 %.
ENVÍO DA SOLICITUDE
Enviar a solicitude preferentemente por email a: planapicola@apiculturagalega.gal (confirmarase a recepción nun máximo de 9 días; en caso contrario, contactar con AGA) ou por carta a: AGA, Feira Nova s/n, 15819 Santa María, Arzúa. Non se admiten solicitudes nin xustificantes bancarios por whatsapp. É importante poñer no concepto o nome do titular do Caderno Apícola.
SEGURO APÍCOLA
Para solicitar o Plan Apícola é obrigatorio ter un seguro de colmeas (como mínimo as colmeas actualizadas no libro), que se pode facer por AGA ou por conta propia. Para cobrar a subvención a través de AGA ten que suscribirse o seguro na póliza de AGA.
AGA ofrece unha póliza multirrisco a 1 €/colmea e válida ata o 7 de febreiro de 2023. O seguro non se renova automaticamente, polo que é preciso comunicar a súa renovación cada ano. Para facer o seguro por AGA pódese indicar na solicitude e facer o pagamento xunto co resto do material solicitado (non se domicilia).
No caso de ter seguro propio, hai que enviar xunto coa solicitude unha copia da póliza, na que figuren o nome da persoa titular da explotación, o REGA e número de colmeas (moi importante!) e mais o xustificante bancario do seu pagamento. Hai que revisar que a póliza teña todos eses datos.
CERA E ALIMENTO
O alimento e a cera poden ser subvencionados ata o 90 %, sempre que os fondos sexan suficientes. Pódense pedir como máximo dous tipos de alimento e un tipo de torta proteica na cantidade máxima permitida na subvención, en función do número de colmeas declaradas.
As cantidades máximas son:
- Alimento: en principio na cantidade máxima seguirase o estipulado na Orde de axudas á apicultura 2022 (Neste ámbito a cantidade máxima subvencionada no ano 2021 foi de 4,45 € por colmea).
- Cera: a cantidade máxima establecerase na Orde de axudas á apicultura e no ano 2021 foi de 6,67 €/colmea.
O material solicitado poderase recoller, unha vez que estea pagado e confirmado polo persoal de AGA, nos lugares indicados na solicitude a partir do día 24 de xaneiro. (ver Anexo II).
FONDOS SANITARIOS ANTIVELUTINA
Este ano contamos que a Xunta siga subvencionando os fondos sanitarios antivelutina (o fondo sanitario é da marca NICOT de plástico coa biqueira especial) que se subvencionaron ó 70 %, cun límite de subvención de 3 € por colmea. O material solicitado poderase recoller, unha vez que estea pagado e confirmado polo persoal de AGA, nos lugares indicados na solicitude a partir do día 10 de xaneiro (ver Anexo III).
VESPA VELUTINA
Prevendo que as condicións van ser as mesmas que o ano pasado, neste ano 2022 supoñemos que a Xunta vai subvencionar as trampas e os atraentes para a captura da Vespa velutina (tártago asiático) ó 100 %, exclusivamente para os socios e as socias que soliciten o Plan Apícola por AGA, sempre que non se esgote o crédito. Pódense pedir por packs en función dos asentamentos e as colmeas en cada un deles (ver Anexo I).
IMPORTANTE: O alimento e a cera inclúen no seu prezo o IVE e outros gastos, que non son subvencionables, o que hai que ter en conta á hora da devolución.
NOTA: Consultar con AGA os prezos por palets e contedores ou para explotacións en ecolóxico.
ANEXO I: PREZOS TRAMPAS E ATRAENTES VELUTINA
IMPORTANTE:
- 1 pack cando hai ata 10 colmeas no mesmo asentamento.
- 2 packs cando hai ata 25 colmeas no mesmo asentamento.
- 3 packs cando hai ata 50 colmeas no mesmo asentamento.
- 4 packs cando hai máis de 50 colmeas no mesmo asentamento.
ANEXO III: FONDO SANITARIO ANTIVELUTINA
OBSERVACIÓNS:
- As porcentaxes de subvención que se perciban aplícanse sobre a base impoñible da factura do provedor, non sobre o prezo de venda ó público.
- Debido á situación económica mundial actual e á dependencia de produtos básicos do mercado occidental, así como á súa subministración, coa suba de prezos das materias primas, da enerxía, do transporte, etc., os prezos experimentaron unha subida bastante considerable no último trimestre do ano 2021, o que repercute no prezo final de venda ó público de moitos dos produtos apícolas. Na xestión do Plan Apícola, a Administración obríganos a manter uns prezos fixos en todo o período da súa efectividade ata o mes de xuño, por iso estes foron pactados coas casas comerciais e presentan as circunstancias dos mercados.
MÁIS INFORMACIÓN
AGA – Asociación Galega de Apicultura
Feira Nova s/n 15819 Santa María – Arzúa
Tel. 981 508 142 / Móbil e whatsapp: 630 069 637 (consultas xerais) / 630 838 312 (consultas técnicas e sanitarias)
info@apiculturagalega.gal / www.apiculturagalega.gal / Facebook AGA / Telegram “Apicultura Galega”