
O IV CONCURSO DE MELES CINCO ESTRELAS PREMIA OS MELLORES MELES DO PAÍS
O pasado xoves 24 de novembro celebrouse a cata do IV Concurso Meles Cinco Estrelas onde se premiaron os meles colleitados polas apicultoras e os apicultores galegos. Todo un éxito de convocatoria, con 65 mostras que chegaron á fase final.
Arzúa, o 29 de novembro de 2022
Por cuarto ano a Asociación Galega de Apicultura-AGA convocou o Concurso Meles Cinco Estrelas. O comité de cata estivo presidido por Noela Torres, técnica de AGA e restauradora, que dirixiu o panel de cata composto por: Begoña Balado Conde, concelleira de Turismo de Arzúa; José Luis González Portabález, apicultor e fabricante da cervexa con mel Esmorga (988); Peter Brea Rodríguez, socio de AGA, forestal e poeta; e Jose Luís Meixide Vilariño, biólogo e socio fundador da asociación, con longa traxectoria no mundo apícola e do mel. O xurado catou 65 mostras selecionadas, das que 14 eran de mel multifloral e 51 monoflorais, repartidas entre 10 de mel de bosque, 13 de castiñeiro, 7 de eucalipto, 18 de queiroga e 3 de silva, unha variada e completa representación de meles de toda Galicia.
As gañadoras e os gañadores, todos socios de AGA, divídense nun primeiro, segundo e terceiro premio. No caso da silva, só se adxudicou o primeiro premio. As persoas premiadas foron as seguintes:
MULTIFLORAL:
- MEL A CASOA-María Isabel López Pérez (Lugo)
- MEL SANTIRSO-Ricardo Bouzas Ferreiro (Zas- A Coruña)
- MEL AIALMA-José Antonio Pazos González (Laza- Ourense)
EUCALIPTO:
- José Benito Míguez Montouto (Lugo)
- O PODER DAS FLORES-Javier Carreiras Cuadrado (Alfoz- Lugo)
- Ana María Castro Aneiros (Ferrol- A Coruña)
BOSQUE:
- ECOMEL-Amable Pérez Diz (Muíños- Ourense)
- VALDABELLA-Cristalina Rodríguez Rodríguez (Verín- Ourense)
- MEL BONILLA- Bonifacio Luís Diz (Verín- Ourense)
CASTIÑEIRO:
- CASA SEVERA- Miguel Rodríguez Pérez (A Proba do Brollón- Lugo)
- Carmen Álvarez Álvarez (Folgoso do Courel- Lugo)
- A PAREDIÑA- Pedro Vázquez Álvarez (Folgoso do Courel- Lugo)
QUEIROGA:
- MEL DO SOR- Ángeles Morán García e Rubén Amigo Bellas (Narón- A Coruña)
- O PODER DAS FLORES- Javier Carreiras Cuadrado ( Alfoz- Lugo)
- MEL VITUCO- Javier Vázquez Picos (Muras- Lugo)
SILVA
- LAGO DAS ENCROBAS- Santiago Botana Tasende (Cerceda- A Coruña)
O concurso valoriza os meles do noso país e axuda a visibilizalos e posicionalos na comercialización. Os meles premiados co primeiro premio levarán un selo identificativo e estarán dispoñibles na tenda física de AGA en Arzúa, así como na nosa nova tenda online, que se estreará en xaneiro de 2023. O resto de gañadores recibirán un diploma acreditativo que poderán usar como promoción e publicidade. O produto terá un prezo mínimo de 12 € o envase de 1 kg e 7 € o de ½ kg. Todos os meles promocionaranse en todos os eventos e actos realizados pola asociación.
Dámoslle a noraboa a todas e todos os gañadores, que nos ofrecen os mellores meles, así como manifestamos o noso agradecemento a todas as persoas que participaron no concurso pola confianza posta en nós e no laboratorio Lasapaga de Lugo.
Malia todas as circunstancias adversas da presenza da velutina e infestación de varroa e dun cambio climatico evidente (climatoloxía severa, secas, floracións atemporais…), acompañado polos desastrosos lumes do verán, que repercutiron notablemente na produción de mel en determinadas comarcas e concellos da nosa comunidade autónoma, os asentamentos apícolas dos gañadores revélannos que en Galicia se están producindo meles dunha excelente calidade, referendada esta polo bo facer dos nosos apicultores e apicultoras asociados, que esmelgan as súas colmeas en paisaxes de flora natural libres de contaminacións agrolóxicas. Isto tennos que levar a superarmos as inmensas trabas do coidado das nosas abellas e a pensar que temos territorio, por coidar tamén, para a supervivencia da apicultura.
O Concurso dos Meles Cinco Estrelas de AGA xa é unha icona da singular calidade e garantía dos meles de Galicia. Por iso desexámoslles moitos éxitos ao meles gañadores, que son o mellor do mellor. Toda unha recomendación para o consumidor.