O sector apícola galego, por medio da organización do GDR Miño-Ulla e de AGA e a colaboración do Concello de Chantada, reuniuse nesta vila os días 4 e 5 de novembro para tratar o tema do control da Vespa velutina ou tártago negro de patas amarelas. Neste congreso estiveron representadas a maioría das entidades apícolas galegas, que representan o 90 % dos apicultores e apicultoras asociados de Galicia.
O congreso xuntou en Chantada 300 persoas, procedentes maioritariamente da apicultura, mais tamén houbo participantes dos demais sectores afectados pola presenza da velutina, sexa o frutícola, o vitivinícola e o silvícola.
Durante este congreso tivo lugar unha reunión das asociacións apícolas galegas Abellas Nais, Agrupación Apícola de Galicia, Asociación de Apicultores de la Provincia de Pontevedra, Asociación Galega de Apicultura-AGA, Asociación Provincial Lucense de Apicultura-APLA, Asociación Valdeorresa de Apicultores, Casa do Mel e Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que elevan as conclusións deste I Congreso de Control da Vespa Velutina á Administración, sendo as reivindicacións as seguintes:
Primeira.- Creación dun Comité específico ou activación pública, complementación externa e implementación da Comisión de Seguimento da Vespa Velutina da Xunta de Galicia, no/na que participen transversalmente, entre outras, as consellerías de Vicepresidencia Primeira e de Presidencia, Xustiza e Deportes (alerta social e emerxencias), de Vicepresidencia Segunda e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (biodiversidade e polinización –de valorización incalculable no PIB agrario galego–) e do Medio Rural (gandería), a Delegación do Goberno central en Galicia (erradicación da praga, coordinación estatal e impulso de accións no ámbito europeo) e as administracións locais (deputacións e concellos, pola proximidade á cidadanía e seren actuantes primarios), así como dos representantes sectores agrarios gravemente afectados pola invasión das velutinas, tal como é o apícola.
Pola súa vez, este comité/comisión de seguimento deberá estar expectante, receptivo e activo no estudo e na valorización de iniciativas e proxectos foráneos que poidan ser aplicables no ámbito da comunidade autónoma galega.
Segunda.- Creación dunha aplicación informática (app) de ámbito galego, para a doada transferencia de información entre a Administración e a poboación en xeral con respecto á tramitación de avisos de niños, retirada, etc., así como á localización das trampas que se poñen, para axudar entre todos ao control e seguimento da presenza e invasión do tártago negro de patas amarelas (Vespa velutina) no territorio de Galicia, co obxecto de facilitar posibles medidas de reacción e control.
Terceira.- Transparencia e coñecemento por parte dos concellos, do sector apícola e da cidadanía colaboradora dos datos das actuacións realizadas nos avisos e na retirada e neutralización de niños tartagueiros pola empresa pública Seaga do presente ano 2023, de cara a poder utilizalos no trampeamento do ano seguinte, e así levar a cabo medidas de control do tártago negro de patas amarelas (Vespa velutina) no vindeiro ano 2024 que sexan máis efectivas e eficientes.
Cuarta.- Atribución de fondos orzamentarios en investigación básica e aplicada sobre a Vespa velutina, determinando a Comisión de Seguimento da Vespa Velutina de Galicia as necesidades de investigación e o seguimento de actuacións e métodos do seu control polos apicultores.
Quinta.- Non-inclusión das accións contra a velutina na Orde de axudas á apicultura de cada ano, posto que estariamos en clara desvantaxe con respecto a outras comunidades autónomas en que non teñen esta praga, nin a atribución deste labor social aos apicultores. No trampeamento selectivo débense implicar directamente a Xunta de Galicia, con medidas de prevención a través de Seaga, e os concellos.
Sexta.- Elaboración dun plan piloto cun protocolo de accións de control e defensa dos apiarios contra a Vespa velutina, seguindo as suxestións do Comité de seguimento.
Sétima.- Establecemento de axudas directas ao sector apícola galego (semiprofesionais e profesionais) por mor da Vespa velutina, dado que somos o sector primixenio do que dependen outros sectores como o agrícola, o gandeiro, a alimentación humana e a biodiversidade.
Oitava.- Elevar estas propostas á presidencia da Xunta de Galicia e mais ás consellerías con competencias na materia do control da velutina.
Palabras claves: Vespa velutina; unidade sector apícola; implementación comité/comisión transversal; estudo e seguimento métodos de control; aplicación informática para trampeamento raíñas e retirada niños; Seaga, prevención e retirada; plan piloto de acción de control; investigación básica e aplicada; supervivencia do sector apícola
Asinado.: Abellas Nais, Agrupación Apícola de Galicia, Asociación de Apicultores de la Provincia de Pontevedra, Asociación Galega de Apicultura-AGA, Asociación Provincial Lucense de Apicultura-APLA, Asociación Valdeorresa de Apicultores, Casa do Mel e Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.
En representación de todas elas, asina Xosé Torres Romar (da Asociación Galega de Apicultura)