Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

Comercializar mel sen rexistro sanitario

(06 / 12 / 2020)

Comercializar mel sen rexistro sanitario

Marcos Varela Lorenzo
Equipo Técnico de AGA

Comercio de mel de produción propia

Aínda que dende 2006, en base á normativa que regula os alimentos de Produción Primaria, o marco lexislativo europeo permite que a maioría dos apicultores comercialicen o seu propio mel sen necesidade de tramitar a obtención do rexistro sanitario; esta posibilidade non está a ser posta en práctica.

A Asociación Galega de Apicultura iniciou hai un ano xestións para intentar abrir esta alternativa. Pasados os meses, o traballo realizado deu o seu froito pois AGA logrou un fito histórico para as aspiracións de grande parte dos abelleiros galegos ao ser a promotora en Galicia da implantación do comercio directo de mel de produción propia por parte dos apicultores máis pequenos, sen ter que utilizar o rexistro sanitario.

Este mel, sen embargo, deberá estar perfectamente etiquetado e no proceso do seu envasado os produtores se comprometerán a seguir as recomendacións dunha guía de boas prácticas e cumprimentar os rexistros formalizados que a seguridade alimentaria necesita.

 

Por qué sen rexistro

A comercialización dun alimento require normalmente a tramitación dun rexistro sanitario, porén a actual lexislación non fai este requirimento para o caso da maioría do mel que se produce en Galicia. O requisito que exime desta obriga de rexistro é que o mel sexa de “produción primaria”.

Con esta medida facilítase aos pequenos produtores a saída das súas producións sen ter que recorrer a sobredimensionadas infraestruturas e burocracia prescindible, ao mesmo tempo que os consumidores poden acceder a produtos moito máis próximos e variados sen ter que renunciar á garantía sanitaria.

 

Lexislación europea

Dende 1 /01/2006 existe un marco normativo europeo de obrigado cumprimento nos países membros, coñecido comunmente como “paquete de hixiene”.

Este paquete lexislativo, xunto coa lexislación xeral alimentaria, marca criterios para que a seguridade alimentaria estea sempre presente e para que se definan os niveis de responsabilidade de cada un dos axentes implicados na produción e distribución.

 

Lexislación xeral

Ven marcada polo Regulamento CE 178/2002, de 28 de xaneiro, que establece os principios xerais da lexislación alimentaria, crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e fixa os procedementos da seguridade alimentaria.

Síntese:

  • A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria encárgase de emitir criterios científicos que serven de base para elaborar a lexislación.
  • O principio de cautela aplicarase nos casos de incerteza científica (información non concluínte ou incompleta), para protexer a saúde.
  • O principio de transparencia persigue unha mellor información aos consumidores.
  • A trazabilidade (dende onde ven e onde vai o produto) permite a retirada eficaz dun alimento con risco.
  • A seguridade alimentaria se complementa tamén marcando as responsabilidades das empresas alimentarias, os sistemas de alerta rápida e a xestión de crises en situacións de emerxencia sanitaria.

Para empresas alimentarias

A normativa para as empresas alimentarias recóllese no Regulamento CE 853/2004, de 29 de abril, relativo á hixiene dos alimentos de orixe animal e no Regulamento CE 852/2004, de 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimentarios.

Síntese

  • A responsabilidade da hixiene é da empresa alimentaria e a verificación corresponde á autoridade competente
  • Deben comercializarse unicamente alimentos seguros, implantando sistemas de autocontrol baseados nos principios de APPCC (Análise de Perigos e Puntos Críticos de Control).
  • Para a produción primaria non é obrigatorio aplicar os principios APPCC. É suficiente seguir unha “Guía de prácticas correctas de hixiene”
  • Como excepción estas normativa non se aplican para o caso da produción primaria, sendo de aplicación normas nacionais

Para control oficial

Máis orientados para as autoridades sanitarias que exerzan os controis está o Regulamento CE 882/2004, de 29 de abril, sobre os controis oficiais de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde e benestar animal e o Regulamento CE 854/2004, de 29 de abril, que establece normas para controis dos produtos de orixe animal destinados a consumo humano.

 

Lexislación española

Para a comercialización do noso mel tamén é necesario ter en conta as leis españolas que afectan a esta actividade. As dúas principais son o Real Decreto 1049/2003, de 1 de agosto, que trata sobre a norma de calidade relativa ao mel e o Real Decreto 1334/1999, de 31 de xullo que marca a norma xeral de etiquetado, presentación e publicidade dos produtos alimenticios.

 

Produción primaria

Debido a que toda a excepcionalidade de rexistro para a comercialización do mel de produción propia baséase na súa clasificación como prodecente da produción primaria, é imprescindible ter ben claro este concepto.

Definición
No Regulamento CE 178/2002, de 28 de xaneiro, artigo 3, apartado 17: “Produción primaria é a produción, cría ou cultivo de produtos primarios, con inclusión da colleita, o ordeño e a cría de animais de abasto previa ao seu sacrificio. Abranguerá tamén á caza e a pesca e a recolección de produtos silvestres”.

Observacións puntuais sobre produción de mel
No Documento de orientación de 16 de febreiro de 2009, sobre aplicación do Reg CE 852-2004: “Todas as actividades da apicultura deben de considerarse produción primaria. Isto comprende á apicultura propiamente dita (aínda no caso de que as colmeas estean lonxe das instalacións do apicultor), a recollida do mel, a súa centrifugación e o envasado e/ou embalaxe nas instalacións do apicultor”.
Pero máis adiante continúa: “Non poden considerarse produción primaria outras operacións efectuadas fora das instalacións do apicultor (por exemplo a centrifugación ou o envasado ou embalaxe do mel), incluídas as realizadas en nome dos apicultores por establecementos colectivos (por exemplo, cooperativas)”.

Operacións conexas incluídas na produción primaria
Hai que ter en conta que existen operacións na nosa ocupación que van máis aló da actividade no apiario ou na melaría e que tamén debemos considerar como produción primaria, por exemplo o transporte de alzas de mel nun vehículo.

Isto recóllese no Reg CE 852-2004, anexo I, parte A, punto I, apartado 1: ”Contémplanse as seguintes operacións conexas á produción primaria e que deberán entenderse como parte desta:

    • Transporte, almacenamento e manipulación de produtos primarios no lugar de produción, sempre que non se altere a súa natureza de xeito substancial.
    • Transporte de animais vivos, cando sexa preciso para obter os obxectivos do Regulamento.”

 

Qué é e que non é PP?

 

Si é produción primaria
(Non RGSEAA)

Non é produción primaria, senón industrial (Si RGSEAA)

Mel de apiarios propios

Mel de terceiros ou mel de apiarios propios máis de terceiros

Zona e cantidade limitada para o comercio

Libre comercio na UE

Extracción e procesado do mel exclusivamente nas propias instalacións do apicultor

Extracción e procesado do mel en instalacións propias ou alleas

Venda exclusiva ao consumidor final, tendas minoristas ou envasadores (non a distribuidores)

Venda libre

Exclusión do Registro General Sanitario de Empresas Alimenticias y Alimentos (RGSEAA)

Obrigado a inscrición no RGSEAA

 

Principios a cumprir
Aínda que o rexistro sanitario non sexa obrigado si que existen un abano de requisitos que é preciso cumprir:

  • Identificación.
    • Etiquetado do produto (RD 1334-1999 de 31 de xullo. Norma xeral de etiquetado, presentación e publicidade dos produtos alimenticios).
  • Seguridade alimentaria..
    • Boas prácticas no manexo apícola e no procesado do mel.
  • Trazabilidade.
    • Rexistros de medicamentos e alimentos apícolas mediante a cumprimentación do CEAT (Caderno de explotación apícola e de trashumancia que debemos ter permanentemente actualizado).
    • Identificación de empresas de destino do mel (envasadores, tendas, restaurantes…) mediante un caderno de recibos con matrices e número correlativo.

 

O caso galego

 

Dado que a lexislación europea deixa en mans das administracións do estados as puntualizacións dos aspectos non suficientemente regulamentados, dende AGA fixéronse unha batería de propostas para clarexar estes puntos escuros.

Felizmente a Xunta de Galicia aceptou favorablemente as propostas feitas pola nosa asociación que, dun xeito inexplicable e sorprendente, unicamente tiveron alegacións e reticencias por parte do resto de asociacións e entidades do sector apícola galego consultadas pola autoridade autonómica.
Límites de zona e cantidade

A zona para o comercio do noso mel de produción primaria será a da Comunidade autónoma de Galicia.

A cantidade máxima de mel a comercializar por cada produtor virá determinada polo resultado de multiplicar o número de colmeas rexistradas na actualización anual por 20 quilos, que é a cantidade media de produción por colmea en Galicia. Cun límite máximo de 3.000 quilos anuais.

 

Modelo de etiqueta

Os envases serán aptos para consumo alimentario e portarán unha etiqueta contendo, como mínimo os seguintes datos:

  • Marca (evitando marcas rexistradas)
  • A denominación do produto: Mel
  • A cantidade neta expresada en g ou Kg
  • Lugar de procedencia
  • Nome, domicilio e nº REGEAP do envasador
  • Unha lenda co texto: “Produto procedente da produción primaria. Destinado ao consumidor final”.
  • O lote que determine o envasador. A súa indicación irá precedida da letra “L”.
  • Data de consumo coa lenda: “Consumir preferentemente antes de fin de (nº do ano)”. Situando o límite en 2 anos posteriores á colleita.
  • País de orixe España

De non ser para envases de menos de 10 cm. cadrados, figurarán no mesmo campo visual as indicacións relativas a: denominación do produto, cantidade neta e marcado de datas.

Tamén  necesitarán o logotipo do “Punto verde” (previo pago do canon)

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad