Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

CHARLA – PRESENTACIÓN NUTRICIÓN APÍCOLA

(08 / 11 / 2022)

ASESORAMENTO SOBRE ALIMENTACIÓN APÍCOLA

 

O pasado venres 28 de outubro celebrouse en Arzúa unha charla sobre a nutrición apícola impartida por Xusto García, de Alltech, empresa elaboradora de alimento proteico para as abellas.

Deuse un repaso ás necesidades proteicas das abellas, recordando que estas son moi elevadas nas primeiras etapas de desenvolvemento da cría, de cara a conseguir un crecemento correcto e a consecución dun tamaño corporal óptimo, que se verá reflectido na súa lonxevidade vital. Este dato é importante en calquera momento, pero aínda máis para as abellas de inverno, que deben ter unha esperanza de vida que lles permita chegar vivas á primavera.

O pole, fonte proteica para as abellas, ten unhas porcentaxes de proteína entre o 18 e o 30 %, precisando as abellas dun mínimo do 20 %. O pole de piñeiro ten sobre un 8 %, polo que é nutritivamente pobre.

Tamén sabemos que o desenvolvemento fisiolóxico da abella termina de completarse despois do nacemento, precisando unha vez nada unha achega correcta de proteína desde as dúas horas de nacer, chegando o máximo aos 5-6 días e diminuíndo aos 8-10 días.

Ademais, unha achega de proteína correcta é imprescindible para o desenvolvemento dos accines glandulares (células exocrinas, fabricantes da xelea real), das glándulas hipofarínxeas, elaboradoras de xelea real, quedando estas atrofiadas de non existir esta achega, con penosas consecuencias, loxicamente.

Sabemos que a fonte de proteínas natural das abellas é o pole, mais non todos os poles son igual de completos, e algúns presentan escaseza de aminoácidos limitantes (aqueles que se faltan ou non están nunha porcentaxe correcta impiden a construción da proteína). Un exemplo típico é a carencia en isoleucina —aminoácido que utilizan as células para sintetizar proteínas— no pole de eucalipto.

Para que haxa un consumo correcto de pole é precisa a entrada de néctar; do contrario, o pole non será consumido.

Coa nosa climatoloxía e flora, o pole adoita ser abundante en moitos meses do ano, non sendo habitual a falta del, pero o/a apicultor/a debe coñecer a súa importancia, non só en cantidade (unha colmea consome de 20 a 50 kg anuais) senón en calidade, con pole variado que se complemente en aminoácidos, para estarmos preparados e suplementar cando o creamos necesario.

Así o/a apicultor/a ten que valorar os distintos momentos para usar, se o cre preciso esta suplementación:

— estimulación, na primavera con abundante entrada de néctar para adiantar a posta da raíña e garantir ou seu correcto desenvolvemento.

— momentos ou situacións puntuais, como a cría de raíñas, os monocultivos, os enxames en desenvolvemento…

— carencias puntuais por seca extrema, ataques da Vespa velutina… ( ¡¡¡sempre acompañando de achega de néctar!!!)

— preparación da invernada, momento crítico no que ou ben a natureza facilita eses aminoácidos, completos e abundantes, ou o/a apicultor/a terá que complementar para garantir o nacemento de abellas sas que cheguen vivas á primavera.

Alltech presentou a súa liña de produtos proteicos BEE-SAC, de 20 % e 16 % de proteína para consumo lento, e PROTEALL ao 11 % de proteína, de consumo máis rápido.

A nutrición apícola é unha ferramenta que o/a apicultor/a, e máis co cambio climático, co tártago da velutina, etc.,  ten que coñecer e utilizar con bo criterio para garantir a viabilidade das colmeas.

Calquera dúbida, consulta ou aclaración, non dubidedes en poñervos en contacto cos  veterinarios de AGA :

Gonzalo Calvo –  freanky@hotmail.com

 

Joaquin Lozano – kindok1964@ hotmail.com

Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos FEAGA da Unión Europea.

 

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad