Telf.: 981 508 142 info@apiculturagalega.gal

DÍA DO APICULTOR 2022 : 26 DE MARZO, EN ARZÚA
(Centro do Queixo e do Mel e Polbería de Santa María)

Dadas as circunstancias da pandemia covid-19, este ano a celebración do Día do Apicultor tivo que atrasarse para permitirnos poder ter un día apícola coas máximas garantías sanitarias. Tamén motivado polas incertezas de contaxio, a presenza de casas comerciais verase reducida ao máis común e básico. Por outra parte, os socios de AGA poderán aproveitar para aprovisionarse do seu material do Plan Apícola.
Con todo, imos contar con dous temas de plena actualidade e vixencia neste mes de marzo, tal como son unha reflexión sobre o trampeo de raíñas velutinas desde xa e a súa valoración práctica, así como a abordaxe do tema da necesidade e dos beneficios da cría de raíñas e da formación de núcleos nesta primavera. En ambos os casos contamos con expertos senlleiros socios nestas materias.

Por outra banda, AGA terá que ser a asociación de todos, máis participativa e forte posible para que os socios e as socias poidan decidir que candidatura apoian para rexer os seus destinos nos próximos dous anos. O futuro de AGA e de parte da apicultura galega está nas mans dos seus asociados, que deben ser eles os que decidan libre e democraticamente. Este ten que ser o motivo primordial para a asistencia a este Día do Apicultor.

Programa:
Palestras: na Polbeira de Santa María, de Arzúa.

Ás 10.15 horas:

  • Presentación dunha trampa selectiva para cazar raíñas de Vespa velutina, por Enrique Rojo Rojo, veterinario de Chantada.
  • Debate sobre a necesidade e eficacia do trampeamento primaveral, por varios socios representativos desta técnica.

Ás 11.00 horas:

  • Beneficios da cría de raíñas e necesidade da formación de núcleos nos apiarios, por Marcos Varela Lorenzo (autor do libro Tratado do criador. Reprodución apícola, que está no prelo).

Ás 11.45 horas (en primeira convocatoria ou ás 12.15 horas en segunda convocatoria):

CONVOCATORIA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE AGA
Dada a situación contable que se creou no Consello Apícola que tivo lugar en decembro de 2021 e a solicitude presentada polos delegados de AGA, convócase unha asemblea extraordinaria para o día 26 de marzo, ás 11.45 horas, na Polbeira de Santa María, coa seguinte orde do día:

  • Punto 1.- Designación dunha persoa que exerza as funcións de secretario/a das dúas asembleas que van ter lugar.
  • Punto 2.- Modificación dos Estatutos de AGA co engadido no capítulo III dunha nova sección de Creación do Consello das DAGAs.
  • Punto 3.- Creación dunha Comisión mixta con asesores fiscais para aclarar todo o relatorio respecto da contabilidade de AGA dos anos 2020 e 2021, así como dos anos 2018 e 2019, e presentar os seus resultados na Asemblea xeral que se celebre no ano 2023, ou a encarga dunha auditoría externa.
  • Punto 4.- Proposta para o estudo do traslado da sede oficial de AGA de Santiago a Arzúa.
  • Punto 5.- Rogos e preguntas sobre os temas desta Asemblea extraordinaria.
    NOTA: Texto articulado da sección de Creación do Consello das DAGAs, que foi elaborado polos delegados das DAGAs e que contou coa aprobación da maioría e o voto en contra da DAGA-Celanova.

    “Artigo 36 bis. Finalidade da creación

    Créase o Consello das DAGAs (delegacións de AGA) co propósito de impulsar o traballo das DAGAs, enriquecer a asociación e facela máis participativa e dinámica.

    “Artigo 36 ter. Composición do Consello das DAGAs

    1. O Consello das DAGAs estará composto polos responsables das delegacións activas e constituídas conforme os artigos 34 e 35 dos Estatutos, ou polas persoas en quen estas deleguen.

    2. Este órgano, á parte de cada representante de cada DAGA, debe complementarse cun membro da propia Directiva de AGA, elixido por esta, coa finalidade de facelo participar nas súas deliberacións e ser partícipe e testemuña das inquietudes, iniciativas e necesidades das delegacións.”
    Artigo 36 quater. Funcións do Consello das DAGAs
    Son funcións do Consello das DAGAs:
  1. Potenciar a comunicación e coordinación entre as DAGAs para optimizar os medios, potenciar actividades formativas conxuntas, organizar compras conxuntas de materiais, etcétera, así como todas aqueloutras actuacións que favorezan os intereses dos membros das respectivas delegacións.
  2. Consolidar as delagacións existentes e fomentar a formación de novas DAGAs nas dsitintas comarcas de Galicia.
  3. Ter voz directa e voto a través dos seus representantes na directiva de AGA e participar activamente na preparación e no desenvolvemento dos programas que vaia impulsar AGA.
  4. Dous membros proactivos do Consello das DAGAs formarán parte da candidatura ou das candidaturas ás eleccións á Xunta Directiva de AGA, que será ratificada pola votación da Asemblea xeral. Estes dous representantes serán elixidos democraticamente polo Consello das DAGAs, e poderán ser propiamente delegados ou persoas en quen eles deleguen. Á súa vez, estes representantes irán variando preferentemente de forma bianual con cada convocatoria á directiva.
    “Disposición transitoria única. Procedemento para as eleccións do ano 2022

    De resultar aprobada esta incorporación da Creación do Consello das DAGAs nos Estatutos de AGA, nestas eleccións á Xunta Directiva de AGA xa se poden introducir os dous membros representantes das DAGAs na(s) respectiva(s) candidatura(s), logo de lles deixar a estas un tempo de deliberación para a súa elección tras esta asemblea extraordinaria”.

    [A xustificación da adición desta disposición transitoria nos Estatutos de AGA baséase no acordo remitido polas DAGAs e na necesidade inmediata da súa presenza na Xunta Directiva para efectivizar o establecido nos artigos 36 bis, 36 ter e 36 quater.]

    En consecuencia, a aprobación desta adición do Consello das DAGAs nos Estatutos de AGA comporta a modificación do artigo 17 do dito texto co seguinte contido:

    “A Xunta Directiva estará formada por un/ha presidente/a, un/ha vicepresidente/a, un/ha secretario/a, un/ha tesoureiro/a, dous vogais e os dous representantes designados polo Consello das DAGAs, cargos que deberán recaer en asociados/as que leven polo menos un ano na asociación”.

    Observación: a este texto articulado do Consello das DAGAs pódenselle presentar emendas de modificación ou adición dentro do espírito de recoller nos Estatutos este novo órgano.


Ás 12.45 horas:

CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL DE AGA
O día 26 de marzo de 2022, na Polbeira de Santa María (Arzúa), ás 12.45 horas en primeira convocatoria e ás 13.15 horas en segunda
convocatoria, coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación da acta anterior, de proceder.
  2. Relatorio das actividades realizadas e economía de AGA do ano 2021.
  3. Presentación de candidaturas, defensa do seu programa de actividades e orzamento para o ano 2022.
  4. Constitución da mesa electoral.
  5. Elección da nova Xunta Directiva, votación, escrutinio e declaración da candidatura elixida.
  6. Rogos e preguntas.
    NOTA 1: As candidaturas que se queiran presentar á directiva de AGA deberán adxuntar á solicitude (co nome da candidatura e a lista das persoas que a compoñen, así como os cargos) nun sobre pechado firmado no reverso un programa de actividades e orzamento nas oficinas de AGA en Arzúa (Feira Nova s/n, 15819 Arzúa, A Coruña) ata o 16 de marzo de 2022, dada a imposibilidade de poder cumprir unha parte do estipulado no artigo 23 dos Estatutos de AGA.

    NOTA 2: A votación realizarase nunha urna con papeleta que se subministrará no salón da asemblea. Cada persoa socia deberá vir provista do seu DNI ou documento oficial que acredite a súa identidade. En función das persoas asistentes, concederase un tempo prudencial para que se poida realizar a votación ás candidaturas presentadas.

 

MÁIS INFORMACIÓN
Asociación Galega de Apicultura Feira Nova s/n 15819 Santa María Arzúa

Tel. 981 508 142 / Móbil e whatsapp: 630 069 637 (consultas xerais) / 630 838 312 (consultas técnicas e sanitarias) info@apiculturagalega.gal / www.apiculturagalega.gal

Facebook AGA / Telegram “Apicultura Galega”/Instagram

Share This
Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Mais información
Privacidad