Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

“As Colmeas no Outono”

(11 / 11 / 2021)
ASESORAMENTO SOBRE SANIDADE APÍCOLA
Comezamos cunha nova vía de asesoramento por parte dos veterinarios de AGA, Gonzalo Calvo e Joaquín Lozano. Serán unha serie de artigos, que publicaremos mensualmente, sobre cuestións relacionadas coa saúde das abellas.  O primeiro deles titúlase: “As colmeas no outono”, xa que esta é unha época crucial de cara a próxima campaña, e a tarefa do apicultor ou apicultora é aquí de gran importancia, pois ten que garantir que se dean varias circunstancias favorables para garantir a supervivencia da colmea.

1.- AS COLMEAS NO OUTONO

Por Gonzalo Calvo

O outono é unha época crucial para a supervivencia da colmea para a próxima campaña. É nesta época cando a raíña ten que realizar a posta da que nacerán as abellas de inverno que, se todo é correcto, manteranse vivas ata o final do inverno e comezo da primavera.

O labor do apicultor é aquí de gran importancia pois ten que garantir que se dean varias circunstancias favorables. Unha delas é a ausencia de varroa ou polo menos que os niveis sexan mínimos. Para iso debemos realizar a retirada do mel canto antes, ao acabarse a última  melada, para poder proceder ao tratamento contra a varroa. Lembrade que non chega con que as abellas de inverno estean limpas de varroa, é preciso que xa fosen coidadas por nodrizas sen o parásito, e terse desenvolvido como larvas sen varroa. Pola contra, a súa viabilidade pode estar xa comprometida, debido ás lesións provocadas pola varroa, baixo peso ao nacemento, poucas reservas corporais de viteloxenina, que afectasen o seu metabolismo, sistema  inmunitario,  inoculación de virus dos que a varroa é vector, etc.

O momento de realizar o tratamento da varroa é unha boa ocasión para organizarlles un pouco a casa ás abellas. Estamos afeitos a decir e a escoitar que as abellas son moi organizadas, e que realizan moitas tarefas “domesticas” con eficiencia. É certo, pero tamén o é que o niño precisa do labor do apicultor para que este funcione correctamente. É preciso retirar aqueles cadros bloqueados por pole (non o retiran elas nin o aproveitan, están inutilizados). Tamén retirar os cadros con cera escura, ver que a raíña ten onde poñer e se hai pouca poboación agrupala nunha esquina, retirar os cadros sobrantes, e tratar de deixar o niño coa estrutura correcta, cadros con mel a ámbolos extremos, zona central con cría e cadros utilizables pola raíña para a posta.

Outro factor determinante para a supervivencia invernal será a nutrición. Sabemos que a raíña realizará unha  ovoposición abundante se hai unha boa entrada de néctar. Se o tempo acompaña cun outono con choiva e boa floración isto ocorrerá. De non ser así ten que ser o apicultor o que proporcione unha axuda en forma de xarope para axudar a esta estimulación da posta. Como as condicións meteorolóxicas son moi variables, non se poden dar cifras exactas, pero  orientativamente poderiamos apuntar cara a uns 8-10 litros de xarope de azucre (proporción de 1:1) por colmea, repartidos en 4-5 tomas, cada 5-7 días. Evidentemente xa sabemos que é preciso ter reservas ou realizar unha achega  proteica para chegar a bo termo esta cría, o cal estará garantido se hai entrada de pole.

Outro aspecto para considerar nesta preparación da colmea para o inverno é que a poboación de abellas ten que estar acorde co tamaño da colmea.  Un enxame que ocupe tres cadros, nunha caixa dese tamaño pasará ben o inverno se ten reservas suficientes, pero non o pasará tan ben nunha caixa de 10 cadros de tamaño. No primeiro caso teremos unha maior viabilidade da colmea que no segundo e, polo tanto, é o que debemos perseguir. Como? Pois temos distintas formas: cambiando as abellas a unha caixa máis pequena, reducíndoa con poliespán, ou usando o que chaman “manta”, que consiste simplemente nunha lámina de plástico negro como o que se utiliza para ensilar herba, que cubrirá os cadros directamente por enriba e caendo lateralmente ata tocar o chan da colmea. Conseguimos así que as abellas estean xuntas, poidan quentar ben a cría e o seu niño, manter o que chamamos “densidade de abellas” e, desta maneira, manter o niño ben preparado para pasar o inverno. Non será mala idea, e a práctica dinos que é positiva, colocar unha bolsa de alimento colocado sobre o buraco de alimentación ou directamente sobre a “manta” (á que fariamos un corte para poder levantar unha pestana rectangular, sobre a que colocaremos o alimento sólido). Tede en conta que, en pleno inverno, as abellas despráznse poucos centímetros para chegar ao alimento. Se o  alimento esta afastado, é como non telo.

Por certo, con que idades tedes invernando ás vosas raíñas? Cantas colmeas esperades que vos sobrevivan ao inverno?

Calquera dúbida, consulta ou aclaración, non dubidedes en poñervos en contacto cos  veterinarios de AGA :

Gonzalo Calvo –  freanky@hotmail.com

Joaquin Lozano – kindok1964@ hotmail.com

Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos FEAGA da Unión Europea.

 

Acceder

Registro

Restablecer la contraseña

Por favor, introduce tu nombre de usuario o dirección de correo electrónico y recibirás por correo electrónico un enlace para crear una nueva contraseña.

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad