Aprender Apicultura

Manual de Apicultura

Ver online:

Que atoparás no Manual de Apicultura?

O Manual de Apicultura de AGA está estruturado para que calquera persoa poida seguir os contidos paso a paso, mesmo sen experiencia previa. Entre outros temas, aborda:

  • A polinización e o papel dos polinizadores: explica, con debuxos e esquemas, como o simple viaxe do pole dunha flor a outra sostén a produción de froitos, a diversidade de plantas e a economía local.
  • As abellas e a colmea: quen vive dentro (mestra, obreiras, abázcaros), como se organizan, como se comunican e como chega o néctar a converterse en mel.
  • As flores melíferas de Galicia: un percorrido polas principais especies que aproveitan as abellas, dende o eucalipto á silva, pasando polo castiñeiro, o carballo ou as urces, e como inflúen no sabor e na cor dos distintos meles.
  • O traballo do apicultor e da apicultora: explicación sinxela das colmeas modernas, dos utensilios básicos (afumador, espátula, alimentadores…), do calendario de manexo ao longo do ano e das boas prácticas para coidar a saúde das abellas.
  • Produtos da colmea e calidade do mel: como se obtén un mel de calidade, que pasos hai que seguir para extraelo e procesalo correctamente e que outros produtos (pole, própole, cera…) poden saír dunha colmea ben coidada.

Todo isto complétase con ilustracións, fotografías e táboas que facilitan a comprensión, tanto para persoas que comezan como para quen xa ten colmeas e quere seguir aprendendo.

Un recurso educativo aberto á sociedade

Máis alá do seu uso estritamente técnico, o manual é tamén unha ferramenta educativa moi útil para centros de ensino, entidades ambientais, asociacións veciñais ou calquera colectivo interesado en organizar obradoiros e actividades arredor das abellas. Axuda a comprender como se relacionan agricultura, gandería, forestas e consumo diario co pequeno insecto que vemos voar sobre unha flor.

A participación da Deputación de Lugo, a través da súa subvención, contribúe a que este coñecemento chegue ao conxunto da sociedade, reforzando o compromiso co rural, co medio ambiente e coa produción alimentaria sustentable.

Coidar as abellas é coidar de nós

As abellas non son só produtoras de mel: son aliadas invisibles que manteñen vivos os nosos montes, leiras e soutos. Coñecelas mellor é o primeiro paso para protexelas. O Manual de Apicultura de AGA, subvencionado pola Deputación de Lugo, é unha invitación a achegarse a este mundo fascinante e a descubrir todo o que unha colmea pode facer pola vida cotiá en Galicia.

Por que son tan importantes as abellas?

En Galicia, a apicultura é moito máis ca mel. As abellas son unha peza clave para a biodiversidade, a produción de alimentos e a saúde dos ecosistemas. Cada visita dunha abella a unha flor axuda a que se formen froitos e sementes: maceiras e pereiras cargadas, hortas máis produtivas, prados máis ricos para o gando.

Sen polinización, boa parte das árbores froiteiras, hortalizas e plantas silvestres terían colleitas escasas ou irregulares. As abellas funcionan como “sentinelas do medio ambiente”: se elas están ben, o territorio adoita estar tamén en bo estado.

A apicultura en Galicia: tradición e futuro

O manual lembra que a apicultura galega é unha actividade multifuncional, ligada ao rural dende tempos moi antigos. Na nosa terra predominan os meles procedentes de flores silvestres: silvas, castiñeiros, queirogas, xestas, toxos, prados con trevo branco… Esta riqueza floral fai que os meles galegos sexan moi valorados pola súa calidade e variedade de sabores.

Ao tempo, a apicultura tamén se enfronta a desafíos: cambios climáticos que alteran as floracións, uso de praguicidas, perda de hábitats ou ameazas como a vespa velutina. O manual insiste en que conservar e potenciar as abellas é unha forma directa de protexer o noso medio e asegurar alimentos sanos para o futuro.

Guía dos meles de Galicia

Ver online:

Guía dos meles galegos: variedades, características e valores
Os meles galegos son o reflexo máis fiel da relación entre as abellas e a nosa terra, froito de miles de anos de adaptación conxunta entre insectos e plantas. O seu proceso de elaboración é totalmente natural: as abellas recollen néctares e secrecións das flores e árbores, lévanos á colmea, deshidrátanos e enriquécenos con encimas, ata obter un produto final sen manipulación industrial.
 
Para garantir a súa calidade, establécense estándares que avalían parámetros como cor, humidade, composición de azucres, condutividade eléctrica ou acidez. Ademais, cada tipo de mel ten características organolépticas propias —cor, aroma, sabor e textura— que dependen directamente da flora e do ecosistema onde se produciu. A cristalización, por exemplo, é un proceso natural e desexable, que adoita indicar que o mel non foi modificado.
Principais variedades recoñecidas pola IXP Mel de Galicia
A guía detalla os cinco meles monoflorais máis representativos do noso territorio, todos eles incluídos na Indicación Xeográfica Protexida:
 
  • Mel de eucalipto: Procede sobre todo da costa galega. É claro, cun toque verdoso, aroma húmido que lembra ao bosque despois da choiva e sabor doce. Require un 70% de pole desta especie para ser considerado monofloral. Atribúenselle propiedades balsámicas, útiles para afeccións respiratorias.
  • Mel de silva: Atópase en toda Galicia, especialmente en zonas con terreos abandonados. De cor ámbar, ten un aroma afroitado intenso e sabor con notas ácidas. Cristaliza moi rápido e precisa un 45% de pole de silva. É coñecido polas súas propiedades dixestivas e depurativas.
  • Mel de castiñeiro: Prodúcese sobre todo no interior, en Lugo e Ourense. De cor escura con reflexos vermellos, ten un sabor pouco doce, cun toque amargo final e aroma a madeira seca. Necesita un 70% de pole de castiñeiro. É rico en minerais e antioxidantes, e úsase para tratar a anemia ou a fatiga.
  • Mel de queiroga: Obtido en zonas de monte e montaña. De cor avermellada, ten un aroma forte e persistente, sabor doce e amargo á vez. Require un 30% de pole desta planta. É útil para mellorar o tracto urinario e as dixestións pesadas.
  • Mel de bosque: O máis escuro de todos, obtido entre agosto e setembro. Formado principalmente por melatos (substancias doces de orixe vexetal ou animal), ten un sabor complexo, con notas salgadas e amargas. Non adoita cristalizar e identifícase por ter unha condutividade eléctrica superior a 0,8 mS. Mellora o estado anímico e favorece a dixestión.
Outras variedades destacadas
Ademais das anteriores, inclúense outras variedades propias da nosa flora, aínda que non recoñecidas pola IXP:
 
  • Mel de xesta: De cor ámbar escuro, aroma a cereais e sabor doce con toques salgados. Axuda a problemas dixestivos, hepáticos e de circulación.
  • Mel de chuchamel: Moi claro, aroma suave e sabor doce cun retrogusto que lembra aos cítricos. Cristaliza con facilidade. Dependendo da zona, este nome refírese a distintas plantas, algunhas con propiedades estimulantes do sistema inmune.
  • Mel de prado: Prodúcese en toda Galicia, a partir de floracións variadas de prados e marxes. De cor clara, sabor suave e aroma complexo. Cristaliza moi fino e representa a gran diversidade vexetal dos nosos campos.
Un produto único da nosa terra
Todos estes meles son o resultado da riqueza dos nosos ecosistemas: fragas, soutos, costas, montañas e prados. Cada bote leva consigo a esencia da paisaxe galega, a calidade da nosa contorna natural e o traballo tanto das abellas como das persoas apicultoras. Esta guía nace co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor un dos nosos produtos máis auténticos e representativos.

Loading...
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad