Neste mes de xullo, Galicia está sufrindo uns lumes (naturais e provocados) inauditos e desbocados, coma sempre devastadores dos bens materiais humanos e da nosa flora e paisaxe.
Entre outros moitos, o sector apícola estase vendo afectado dun xeito brutal nalgunhas e diversas comarcas de Galicia, pois leva ao abandono forzado nalgúns casos das colonias de abellas e á desaparición de miles de colmeas e centos de alvarizas, quedando en consecuencia a súa contorna queimada polas lapas. Un deserto negro e chamuscado.
Desde a Asociación Galega de Apicultura somos conscientes dos estragos e perdas que o lume está a provocar e da enorme superficie afectada nalgún concello. Isto supón a ruína material en colmeas, no gando apícola e na produción de mel e pole, así como a económica para algúns abelleiros e abelleiras (semi)profesionais. Esta devastación ecolóxica leva á morte da apicultura por uns anos nalgunhas zonas melíferas emblemáticas da nosa xeografía.
A cobertura pola póliza do seguro resulta insuficiente para a reimplantación das colmeas perdidas por algunhas persoas afectadas. O seu valor real delas está lonxe de ser o efectivo.
A solidariedade dalgunha xente da apicultura reclámanos a creación dunha plataforma de axuda aos asociados e asociadas socios de AGA polo lume. Por iso facemos un chamamento a toda a masa asociada da nosa asociación para que de atoparse con asentamentos apícolas favorables, con colmeas ou enxames de abellas sobrantes ou coa posibilidade de realizar núcleos para a vindeira primavera, que se o teñen a ben nolo comuniquen para poder axudar e compensar algúns dos abelleiros afectados gravemente.
O seguimento realizarase baixo o control do número de colmeas inscritas no caderno de explotación, a visualización gráfica dos incendios, a inspección dos peritos do seguro e toda a documentación que se poida achegar. Isto permitirá un pasiño para que ninguén quede sen abellas. Para este efecto podedes contactar e anotarvos nas nosas oficinas en Arzúa.
Así mesmo, solicitamos da Administración autonómica galega, consellerías de Presidencia, do Medio Rural e de Medio Ambiente, o establecemento e a axilización de axudas directas e específicas para colaborar na recuperación do sector apícola nesas zonas afectadas, co obxecto de complementar as coberturas do seguro.
