ASESORAMENTO SOBRE SANIDADE APÍCOLA
Publicamos o segundo dos artigos da nova sección sobre asesoramento técnico, nesta ocasión sobre alimentación das colmeas e realizado por Joaquín Lozano, veterinario de AGA.
Alimentamos no inverno as nosas colonias de abellas e que usarmos son dúas das preguntas básicas que nos formulamos moitas veces na chegada do inverno. Mais, que debemos saber á hora de pensar na necesidade de alimentarmos ou non as nosas colmeas?

- ALIMENTAMOS NO INVERNO AS NOSAS COLONIAS DE ABELLAS?, ¿QUE USARMOS?
Por Joaquín Lozano, veterinario de AGA
Estas son dúas das preguntas básicas que nos formulamos moitas veces na chegada do inverno. Mais, que debemos saber á hora de pensar na necesidade de alimentarmos ou non as nosas colmeas?
― Primeiramente, de que se alimentan as abellas?, que comen?
― Deseguido, como están de reservas? Procurámoslles ou deixámoslles as suficientes para pasaren o período invernal?
― A continuación, que tipo de alimentación imos proporcionarlles?
Ó longo da súa vida as abellas pasan por diferentes tipos de alimentación, determinada en función do seu estado vital e do desenvolvemento, e incluso esta depende da estación do ano en que nos encontremos. Deste xeito, nos primeiros estadios, as abellas son alimentadas con xelea real, posteriormente esta alimentación é substituída por pole e mel, que favorecerá a súa transformación e crecemento. Eses dous dos elementos son fundamentais na colonia e mais na abella como ser individual. O primeiro elemento, o pole, representa as proteínas, que participarán na formación de estruturas orgánicas e no almacenamento de enerxía en forma de graxas, e o segundo elemento, o mel, participará sobre todo como xerador de enerxía (para manter a temperatura da colmea, para conseguir manter a impresionante actividade da abella etc.).
A colonia debe ter reservas abondas de mel (20 kg de mel) para producir calor no inverno e tamén pole para que esas abellas de inverno estean o suficientemente potentes para que ó chegar a primavera ser capaces de lle ofreceren á abella mestra unha xelea real de calidade, co fin de que arranque coas primeiras postas.
Por iso é primordial observar como están as reservas das nosas colmeas e prever se vai ser necesario ou non darlles algún apoio nutricional. Para tal efecto, fixarémonos fundamentalmente na cantidade de cadros con mel que ten a cámara de cría, así como no pole que teñen estes cadros.
O mel que teña reservado vai ser o que gasten para manter a temperatura da colonia no inverno, e o pole será fundamental, pois del vai depender que haxa un bo arranque da colmea na primavera. Estes elementos deben estar en equilibrio coa masa de abellas que haxa na colmea. Como xa subliñamos, as abellas necesitarán nunha colonia normal uns 20-25 kg de mel. De aí a importancia de non tocarmos o mel da cámara de cría cando da súa castra.
Un mal ano de floracións, o cambio climático, unha esmelga excesiva, colmeas débiles, ataques fortes do tártago asiático (Vespa velutina), cadros sen mel ou con poucas reservas melíferas etc. poden darnos pistas sobre a necesidade de lles proporcionarmos alimento para poder suplir esas deficiencias.
Agora, no inverno, as nosas colonias estarán practicamente inactivas, non haberá postura e non será necesario crear estruturas orgánicas; ademais, estimulalas para que a mestra poña ovos sería un absurdo, dado que non hai nin actividade nin recursos alimenticios no campo.
Agora ben, resulta fundamental manter a colonia cun bo aporte calórico. Por iso debemos pensar pois nun alimento que lles proporcione enerxía (hidratos de carbono ou o que é o mesmo: azucres), e canto máis se pareza ó mel (glicosa e frutosa), mellor. Estes alimentos de inverno son de mantemento. Adoitan ser sólidos, co que transmiten pouco ou nada de humidade á colonia, asimílanse máis lentamente, non estimulan a postura da mestra e son moi calóricos.
Cando alimentamos no inverno podemos observar, ás veces, que o alimento está sen tocar, o que nos leva a pensar na existencia dalgún problema:
- Que a colmea este moi débil. De ser así, resulta difícil que a colonia acceda ó alimento, xa que saír do acio invernal pode supoñer a morte da abella. Polo tanto, debemos achegar o máis posible o alimento ó acio de abellas, e usarmos un alimento calórico con proteínas ou ben os seus precursores (aminoácidos). Non fai falla insistir en que debemos procurar sempre, antes de entrar no inverno, que as colmeas non estean débiles (xuntándoas se é o caso, pois é preferible unha colonia forte ca dúas débiles, as cales de seguro que morrerán nese mesmo inverno).
- Alimento moi duro. En moitas ocasións o alimento endurécese de tal maneira que son incapaces de o diluíren para poder utilizalo. Neste caso, pódese cambiar por outro, ou proceder a amolecer o endurecido a unha temperatura ambiente axeitada ou con auga.
- Alimento mal colocado. Esta é unha das accións que debemos ter en conta e prestar atención nela, xa que moitas veces o acio invernal de abellas áchase afastado do alimento. No inverno, hai que procurar poñer o alimento o máis próximo posible das abellas, co uso inclusive dunha entretapa cobrecadros axeitada para o efecto ou con outros buracos para facilitárllelo directamente.
Como resumo:
> Revisar no outono as reservas e as colonias en xeral.
> Alimentar no inverno só sé é necesario.
> Utilizar, se é o caso, mellor alimento sólido de mantemento durante a invernía.
> Revisar o seu consumo.
E sen esquecer que o mellor alimento é o da propia colmea.
Calquera dúbida ó respecto podedes expoñela e trataremos de vos dar resposta o máis axiña posible.
¿Canto alimento debo colocarlles ás colmeas agora para o inverno?
Hai que empezar cunha bolsa dun quilogramo de alimento sólido. Esta ábrese nunha parte pequena para que poidan ter acceso a el e non se reseque demasiado. A cantidade iránnola sinalando as abellas co seu consumo. E cando rematen unha bolsa poñeráselles outra.
Débese sinalar que unha vez que empezamos a alimentar é conveniente continuar constantemente ata que teñan recursos alimenticios fóra da colmea (primavera).
¿Pódolles ofrecer mel vello?
Se preparas ti o alimento e tes a garantía sobre el, en principio, non hai problema. O inconveniente é que ese mel proveña dalgunha colmea afectada por algunha enfermidade e poidas infectar ou transmitir enfermidades ás colonias que alimentes.
ALIMENTAMOS NO INVERNO AS NOSAS COLONIAS DE ABELLAS?, ¿QUE USARMOS?
Calquera dúbida, consulta ou aclaración, non dubidedes en poñervos en contacto cos veterinarios de AGA :
Gonzalo Calvo – freanky@hotmail.com
Joaquin Lozano – kindok1964@ hotmail.com
Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e fondos FEAGA da Unión Europea.