Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

“A vida das abellas redúcese á metade en só cincuenta anos”

(21 / 11 / 2022)

A duración da vida das abellas melíferas reduciuse en case un 50 % nos últimos cincuenta anos, segundo revela un novo estudo realizado nos Estados Unidos.

As abellas desempeñan un papel esencial na natureza. Estes insectos son os principais polinizadores das plantas silvestres e de moitos cultivos alimentarios. Ás abellas do mel, mantidas polos apicultores en colmeas artificiais, non lles vai nada ben. E non se trata das abellas «silvestres», as non son coidadas polo ser humano e das que xa se sabe que están en franco declive nos últimos anos. Destas, case unha de cada dez especies de abellas silvestres está en perigo de extinción.

 

Mortalidade inexplicable

Os apicultores e as apicultoras de todo o mundo están a informar das taxas de mortalidade inexplicablemente altas nas súas colonias de abellas nas últimas décadas.

Desde principios do século XXI, esta inexplicable mortalidade das abellas considérase unha grave ameaza para a natureza e para os seres humanos, que dependen en gran medida delas. Sen as abellas e outros polinizadores non podemos cultivar a maioría dos produtos que nos alimentan. Para tratar de entender o que está a ocorrer, os investigadores estudan o impacto dos pesticidas, das pragas, das enfermidades etc.

Unha esperanza de vida de 18 días

Un novo estudo realizado por entomólogos da Universidade de Maryland (EE.UU.), publicado recentemente, intenta explicar este fenómeno. O estudo mostra que a esperanza de vida dunha abella obreira individual nun contorno controlado de laboratorio nos Estados Unidos se reduciu a case a metade, pasando dunha media de 34 días en 1969 a só 18 días.

Aínda que o contorno dun laboratorio é moi diferente da vida nunha colonia, os datos históricos sobre as abellas criadas en laboratorio suxiren unha vida útil similar á das abellas dunha colmea.

Utilizando modelos matemáticos, os investigadores demostran que a diminución da esperanza de vida das abellas obreiras pode efectivamente provocar unha mortalidade masiva na colonia. Os seus resultados son igualmente coherentes coa tendencia á redución da produción de mel e ao aumento das perdas de colonias ás que se enfrontaron os apicultores estadounidenses nas últimas décadas.

Enfermidades

Os investigadores cren que as abellas melíferas poden enfrontarse a unha maior prevalencia de enfermidades, como o virus das ás deformadas. Trátase dunha doenza que se volveu máis común desde que se descubriu hai corenta anos, xa que o seu vector (o transmisor da enfermidade), o ácaro varroa, se estendeu. A varroa é un parasito externo parecido a unha araña que se encontra nunha variedade de insectos, pero só pode reproducirse na cría das abellas melíferas. Ao parasitar as abellas e chuparlles a graxa debilítaas. E os xermes poden introducirse a través das feridas dos insectos.

Pesticidas

As abellas melíferas ou domésticas pódense ver aínda máis comprometidas polas novas xeracións de pesticidas que non existían hai cincuenta anos. Moitas veces, o pole co que as abellas alimentan as súas larvas está contaminado con eses pesticidas. Isto podería agravar a situación, xa que as abellas expostas a doses baixas dun grupo de pesticidas moi tóxicos, os neonicotinoides, teñen unha menor resistencia ás enfermidades.

Xenética

Unha explicación relacionada proposta polos autores —e a máis rechamante— é que os xenes das abellas puideron mudar. A duración da vida das abellas está directamente relacionada cos seus xenes.

Así que se trata dunha especie de evolución. Talvez algúns dos factores de estrés do mundo moderno —como os pesticidas e as enfermidades xeneralizadas— estean a provocar a diminución da vida útil estándar das abellas melíferas. A súa evolución pode favorecer un estilo de vida de «vivir rápido, morrer novo». Os científicos tamén observan este fenómeno noutras especies. O bacallau, por exemplo, madura máis rápido que antes, pero tamén segue sendo máis pequeno, porque a sobrepesca fai que os peixes rara vez sobrevivan o suficiente para alcanzaren un tamaño meirande.

«Para o noso estudo, illamos as abellas que vivían na colonia xusto antes de se converteren en adultas», explica o autor principal, Anthony Nearman. «Así que o que precisamente acurta a súa vida útil xa existe antes desa etapa. Isto levou á idea dun compoñente xenético. Non obstante, tamén hai perspectivas de solución. Se podemos illar determinados factores xenéticos, por exemplo, poderemos criar abellas que vivan máis tempo».

O sitio web «Science Alert» sinala que, neste tipo de experimentos, os investigadores adoitan traballar con grupos de control ao mesmo tempo e en condicións idénticas. Os autores deste estudo comparan os datos históricos dos grupos de control dos estudos realizados con abellas nos Estados Unidos desde 1969. Os autores confirman que este é un punto débil da súa investigación, pois non poden garantir que as condicións dos laboratorios se mantivesen exactamente igual. Estes cambios ao longo de cincuenta anos, aínda que parezan detalles, tamén poden explicar a redución da lonxevidade.

Así e todo, as normas para a cría de abellas no laboratorio non fixeron máis que mellorar. «Cando fixen un mapa da lonxevidade ao longo do tempo, deime conta de que había un grande efecto do tempo», di Nearman. «Os protocolos estandarizados para o cultivo de abellas no laboratorio non se formalizaron realmente ata a década dos anos 2000, polo que se podería pensar que a vida útil sería máis longa ou non cambiaría a medida que mellorásemos nisto, non si? En cambio, vimos unha duplicación da taxa de mortalidade».

Que é o seguinte? Os seguintes pasos do estudo consistirán en comparar as tendencias da lonxevidade das abellas nos Estados Unidos e noutros países. Se se encontran diferenzas, o seguinte paso permitiralles aos científicos illar e comparar os factores explicativos antes mencionados, é dicir, a xenética, a presenza de virus nas poboacións de abellas e o uso de pesticidas locais.

Cfr.: https://www.7sur7.be/sciences/la-duree-de-vie-des-abeilles-divisee-par-deux-en-seulement-50-ans~ab7e9c82/

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad