Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

A METADE DO MEL IMPORTADO NA UNIÓN EUROPEA ESTÁ ADULTERADO, NON É MEL, MAIS SI QUE É UNHA FRAUDE MASIVA

(05 / 05 / 2023)

Unha investigación das autoridades europeas sospeita que a metade do mel importado na Unión Europea (UE) está adulterado coa adición de xaropes de azucre.

Sospéitase que a metade do mel importado na UE está adulterado, sobre todo pola adición de xaropes de azucre, segundo unha investigación das autoridades europeas que sinala principalmente os meles procedentes de China e Turquía. A UE importa arredor do 40 % do mel que consome.

A enquisa realizada polo Servizo de Estudos da Comisión Europea, a Dirección Xeral SANTE-Saúde e Seguridade Alimentaria e mais a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (Olaf) demostra que de 320 mostras controladas en 16 estados membros, aproximadamente sobre o 46 % téñense fortes sospeitas de que incumpren as normas da UE, unha porcentaxe moi superior ao 14 % atopado na última enquisa de 2015-2017, o que vén significando que esta práctica da fraude no mel está crecendo. En concreto, o 74 % dos 89 meles procedentes de China resultaron sospeitosos de fraude, ao igual que case todas as importadas de Turquía (14 de 15).

Os 10 meles que entran no Reino Unido considéranse non conformes, «probablemente debido á mestura de meles producidos noutros países antes da súa reexportación» doutros países europeos.  Coidado!, a defraudación está así mesmo dentro da UE. Tamén están implicados meles ucraínos, mexicanos e brasileiros. A principal técnica fraudulenta é a adición de xaropes de azucre (de arroz, trigo ou remolacha azucreira) para abaratar o prezo. Mais o informe tamén menciona o uso de aditivos e colorantes ou a falsificación da información da rastrexabilidade.

«O mel contén azucres de forma natural e, segundo a lexislación da UE, debe seguir sendo puro: non pode haber nel auga nin xaropes de azucre baratos engadidos artificialmente para aumentar o volume», afirma a Olaf.

Competencia desleal

«Aínda que o risco para a saúde humana é baixo, tales prácticas enganan os consumidores e poñen aos produtores locais en desvantaxe fronte á competencia desleal», afirma o organismo de control antifraude, sinalando ademais que o valor medio do mel importado era de 2,32 euros/kg en 2021, fronte a un custo de 0,40-0,60 euros/kg para os xaropes de azucre a base de arroz.

Dos 123 exportadores de mel a Europa, 70 son sospeitosos de adulterar os seus produtos, e dos 95 importadores europeos controlados, dous terzos están implicados polo menos nun envío sospeitoso. Ata o día de hoxe, «foron investigados 44 operadores da UE, dos cales sete foron sancionados», declarou a Olaf.

Das 21 mostras tomadas en Francia, só catro eran «mel auténtico». En Alemaña, que representa un terzo das importacións europeas, a metade das 32 mostras tomadas eran sospeitosas. No caso de España, as porcentaxes ascenden a un 51 % das importacións con produto fraudulento e un 85 % de empresas importadoras con, polo menos, un resultado positivo na sospeita de fraude.

«Este alarmante resultado demostra que o mercado europeo é un auténtico coadoiro que permite aos defraudadores vender os seus produtos falsos», polo que se reclaman «medios de control adecuados», «unha metodoloxía harmonizada para detectar a fraude» e transparencia na información facilitada na etiqueta.

Ademais do uso de xaropes, da falta de análises acreditadas para detectar as mesturas de mel ou pseudomel e azucre, o uso de aditivos e colorantes, unha das prácticas detectadas vén sendo o enmascarar a verdadeira orixe xeográfica do mel ao falsificar a información da súa trazabilidade e ao eliminar o pole. E o mel vendido por xunto xoga precisamente na nosa contra pola súa función de lavado de cara que pode levar a cabo no mercado europeo. Podemos estar cavando a nosa propia tumba melífera.

A falta de transparencia sobre os alimentos fraudulentos débese corrixir con urxencia e dunha vez. Polo que demandamos a retirada inmediata do mercado de todo o mel adulterado que non cumpra a normativa  europea da Directiva do mel da UE e o endurecemento da regulamentación en vigor para a importación deste produto alimenticio saudable.

Tócalles ás administracións públicas actuar (como mínimo, validando as técnicas analíticas utilizadas nesta investigación sobre o mel) para defender a nosa alimentación e mais a autosuficiencia alimentaria presentes e futuras, así como a supervivencia das nosas abellas. Polo de agora, a polinización non se pode importar. Xa que logo, conforme as súas competencias, procedan na defensa do sector apícola europeo, ibérico, español, galego…

Para o consumidor, a mellor garantía da súa calidade está en privilexiar a compra directa ou online aos abelleiros e ás abelleiras locais ou rexionais.

Coidemos a saúde das nosas abellas e dos nosos clientes.

 

Acceder

Registro

Restablecer la contraseña

Por favor, introduce tu nombre de usuario o dirección de correo electrónico y recibirás por correo electrónico un enlace para crear una nueva contraseña.

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad