Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

A CULTURA DO MEL NA COSTA DA MORTE

(15 / 11 / 2023)

 

O martes 14 de novembro tivo lugar na Casa da Cultura do Concello de Vimianzo a presentación do libro A cultura do mel na Costa da Morte (editado pola Sociedade Antropolóxica Galega-SAGA) da que é autora a etnógrafa Carmen Toba Trillo, quen achou nos seus montes e deu a coñecer ao longo destes últimos anos aos abelleiros e ao público en xeral un patrimonio inmenso relacionado co cultivo das abellas na comarca.

Recolle a historia da vida abelleira e dunha enxamía construtiva en pedra seca dunha comarca rica nun patrimonio civil característico da Galicia de sempre, como son os dolmens, os castros, os muíños e batáns, os hórreos e as alvarizas. E dentro desta riqueza de carácter apícola destacan sobranceiramente as propias e os diversos tipos característicos de alvarizas, os muros, as lacenas, os lagares e as eiras da cera, todos de pedra. En especial os muros presentan elementos comúns á cultura atlántica, que se ven referendados na propia Irlanda, onde están protexidos administrativamente.

Todas estas construcións relacionadas coas abellas pola cera e o mel deron oficio ao longo dos tempos a abelleiras e abelleiros, capadores ou castradores, cereiros, corticeiros, oleiros e canteiros. As canterías nos apiarios destes últimos foron declaradas patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO no ano 2018, o que representa un deber e unha obriga moral e ética de o protexermos para as vindeiras xeracións dos costeiros atlánticos, e evitar actuacións nefastas e sen sentido ningún de accións destrutivas sobre o territorio. Tanto traballo, tantas molladuras, tanta sapiencia canteira ou arte de traballar a pedra para a nada, a ignorancia ou o ostracismo de hoxe en día!

Mais para proceder á súa protección cómpre sermos coñecedores e coñecedoras destes abondosos e variados bens da apicultura atlántica. E precisamente aquí batemos co libro A cultura do mel na Costa da Morte, no que Carmen Toba nos achega unha perspectiva histórica da apicultura a través do mundo e dos tempos, nos encadra a cultura do mel en Galicia, concreta a produción de mel na Costa da Morte, describe as construcións e as rutas apícolas da Costa da Morte, explica o papel e a importancia da cera e a funcionalidade das eiras da cera e a valoriza este patrimonio nos eidos social, económico, cultural, relixioso, espiritual e antropolóxico.

Este mergullo na vivencia e na anécdota abelleiras é relacionarse coas súas xentes, coa xente de alí e de acolá, de toda a Galicia, da Península Ibérica e do mundo.

As alvarizas, as abellarizas, as abelleiras, os alvares e os cortíns, localizados preto dos regos, son un patrimonio de noso que conta hoxe un día cun alicerce sólido para empatar as terras de Fisterra, Soneira e Bergantiños co Candán, coa Ribeira Sacra e as comarcas do leste lugués (A Fonsagrada-os Ancares-O Courel-Quiroga) e ourensán (Valdeorras e Viana), sen esquecermos A Limia. Fannos falla máis alentos como o de Carme Toba para que se poida saber del, estudar e resgardar este patrimonio etnográfico singular. A semente está botada neste libro que lle recomendamos ás abelleiras e aos abelleiros e máis xente.

 

 

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad