
38ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA
3 de xuño de 2023
Centro do Queixo e do Mel e Polbeira de Santa María
Arzúa – A Coruña
O sábado día 3 de xuño de 2023 celebrarase en Arzúa a 38ª Mostra Galega de Apicultura, que foi publicitada na páxina web de AGA en marzo deste ano. Esta actividade terá lugar no local da nosa sede en Arzúa (xestión administrativa e recollida de material do Plan apícola) e no local da Polbeira de Santa María (conferencias e asemblea). Nos arredores do Centro de Divulgación do Queixo e do Mel estarán os postos dos comerciantes e provedores de material e produtos apícolas.
As persoas asistentes poden aproveitar este día para recoller a parte do material do Plan Apícola que teñan solicitado. E aproveitamos a ocasión para lembrarlles que este material (alimento, cera, fondos…) debe estar retirado antes do día 1 de xullo, por seguimento de AGA e operatividade das casas comerciais provedoras.
Esta Mostra xira arredor de dous temas de actualidade para os apicultores e as apicultoras, tal como é o papel do cambio climático na apicultura actual e as derivas do mel no mercado galego, español, europeo e mundial, tanto na súa comercialización por xunto coma polo miúdo. Desde o punto de vista técnico non podemos deixar de presentar unha innovación para protexer as colonias de abellas da Vespa velutina. E desde a profesión abelleira explicaranse as axudas da PAC 2023 para a apicultura.
Dado que na pasada convocatoria do Día do Apicultor que se realizou o 4 de febreiro non se puido realizar a asemblea xeral anual deste ano 2023, por causa de non haber quórum suficiente para o seu desenvolvemento conforme os Estatutos de AGA (artigo 29), como esta é unha data propicia para poder convocar as socias e os socios da Asociación Galega de Apicultura, convócase a Asemblea Xeral ordinaria para este sábado día 3 de xuño, coa correspondente orde do día que se achega.
Por tal motivo, convocamos as persoas asociadas de AGA a participaren nesta 38ª Mostra e a asistiren á Asemblea Xeral, dado que a Asociación Galega de Apicultura pertence á súa masa social, quen ten todas as competencias para determinar o camiño e a vontade asociativa que a Xunta Directiva debe levar a cabo e aprobar as actuacións emprendidas da cara a unha mellor efectividade funcional da asociaicón.
Agardamos a vosa concorrencia para poder aprobar os proxectos apícolas que nos concirnen a todos.
PROGRAMA DA 38ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA
10.00 h: Conferencia: O cambio climático e a práctica da apicultura, por Etienne Bruneau, do CARI-Centro Apícola de Investigación e Información, Bélxica.
11.30 h: Asemblea xeral de AGA.
14.00 h: Xantar abelleiro na polbeira de Santa María.
16.00 h: Mesa redonda sobre O proxecto da nova directiva europea e as medidas que se deben tomar para limitar a adulteración do mel, coordinado por Etienne Bruneau, presidente do Grupo de Traballo «Mel» do Copa e Coxeca.
17.30 h: Presentación: O módulo protector de canalización con aleiróns eléctricos, por José María Serpa, inventor e investigador, xerente da empresa SERPA.
18.00 h: Axudas da PAC 2023, por unha entidade de asesoramento colaboradora de AGA.
CONVOCATORIA DA ASEMBLEA XERAL ANUAL DE AGA ANO 2023
Día: 3 de xuño de 2023.
Hora: 11.30 horas, en primeira convocatoria, e 12.00 horas, en segunda convocatoria.
Lugar: Salón de actos da Polbeira de Santa María, ao lado do Centro de Divulgación do Queixo e do Mel, Arzúa.
Orde do día:
- Explicación da celebración desta asemblea xeral.
- Lectura e aprobación, de proceder, das actas das asembleas extraordinaria e xeral que se celebraron o 26 de marzo de 2022.
- Relatorio das actividades apícolas realizadas por AGA no ano 2022, así como das actuacións normativas e asociativas de xestión, contables e fiscais emprendidas.
- Contabilidade e contas do ano 2022.
- Auditoría dos anos 2021 e 2022.
- Actividades programadas e orzamento de AGA para o ano 2023.
- Conversas de AGA e a cooperativa Erica Mel de cara á viabilidade funcional das dúas entidades.
- Acordos da Asemblea sobre as actuacións dalgún socio en contra dos intereses conxuntos dos asociados de AGA (artigo 13.3 dos Estatutos).
- Rogos e preguntas.