Telf.: 981 630 694 / 676 000 893 info@apiculturagalega.gal

36ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA

(08 / 07 / 2021)

A MOSTRA GALEGA DE APICULTURA 2021: DOUS DÍAS DE ACTIVIDADES SOBRE APITURISMO E FORMACIÓN APÍCOLA

Esta fin de semana tivo lugar en Arzúa a 36ª Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura, que ofreceu este ano unha variada oferta de actividades para disfrutar  durante dous intensos días: obradoiros de formación, palestras sobre apiturismo, exposicións, degustacións de produtos apícolas, feira de material apícola e actividades para a xente miúda, entre outros.

Esta edición da Mostra Galega de Apicultura innovou este ano cun formato diferente ó habitual, con dúas actividades principais que se desenvolveron de xeito paralelo durante dous días: o Foro de Apiturismo e o Foro de Formación en Apicultura. Dous espazos que trataron temáticas diferentes con varios obradoiros simultáneos dirixidos a pequenos grupos, de xeito que se puideran cumplir as medidas de seguridade polo Covid-19 e ó mesmo tempo permitiran unha interacción máis directa entre participantes e relatores.  Por unha banda o Foro de Apiturismo, un evento incluído no proxecto Apiturismo Xacobeo 2021, organizado por AGA coa subvención O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia para promocionar o apiturismo e poñer en valor o patrimonio tradicional apícola de Galicia, ofreceu varias palestras sobre as rutas de apiturismo.Todas estas presentacións foron ofrecidas por persoas expertas de cada zona que relataron as características principais das rutas, a través das cales descubrir o noso rico patrimonio apícola, tesouros que se agochan nos nosos montes e aldeas e que representan a antiga e importante tradición apícola galega: as alvarizas, construcións milenarias para a defensa das colmeas do oso ou outras ameazas, colmeas tradicionais moi particulares como as lacenas, colmeas que se ubicaban dentro das casas cunha saída ó exterior, ou as colmeas con teitos de palla, cun aspecto con forma de cabana moi peculiar.

Nos obradoiros de formación do Foro de Apicultura os participantes puideron aprender da man de expertos sobre as diferentes materias, técnicas sobre reprodución das abellas e alimentación,  recibir formación en sanidade apícola, así como descubrir ferramentas para combatir o tártago de patas amarelas Vespa velutina. Noutros obradoiros degustaron os diferentes tipos de Mel de Galicia e os meles premiados no Concurso Meles Cinco Estrelas, así como outras elaboracións preparadas a partir destes meles, e descubrir como colleitar e aproveitar produtos da colmea de maior valor medicinal, a própole e o pole.

Ademais de todo isto, tivo lugar a tradicional feira de material apícola, coa asistencia de varias casas comerciais, houbo un espazo para crianzas con divertidos xogos para aprender sobre o mundo das abellas e un xantar amenizado con música de acordeón.

O domingo tivo lugar tamén a entrega de distinción de AGA “40 Anos Facendo Camiño”. A distinción recaeu nas seguintes entidades e persoas: Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, polo seu apoio ao Programa de Apiturismo da Asociación Galega de Apicultura, con sete rutas de apiturismo postas en funcionamento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; La Voz de Galicia, pola abundante información sobre a Vespa velutina nas súas páxinas desde a aparición desta praga para a apicultura; Concello de Allariz, pola cooperación con AGA na creación da Escola Galega de Apicultura; Concello de Arzúa, pola súa colaboración con AGA e Erica Mel ao longo da nosa instalación nese concello; Concello de Oleiros, pola organización anual da afamada Feira do Mel; O Enredo do Abelleiro, Portodemouros, Arzúa, pola participación con AGA na elaboración do Concurso de Meles Cinco Estrelas e Irmáns Santiago e Ramón Leiras Pértega, polo seu traballo a prol da Delegación de AGA en Mondoñedo.

Acceder

Registro

Restablecer la contraseña

Por favor, introduce tu nombre de usuario o dirección de correo electrónico y recibirás por correo electrónico un enlace para crear una nueva contraseña.

Share This
Esta web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón \"Aceptar\", estás dacordo coas tecnoloxías utilizadas e o procesamento dos teus datos.    Mais información
Privacidad